Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín

Os ceos galegos prepáranse para recibir unha borrasca que está situada no sueste de Irlanda. Esta fronte deixará unha semana pasada por auga e un acusado descenso das temperaturas como despedida de agosto e primeiro adianto dun tempo moito máis propio do outono que destas datas. “É unha borrasca que se formou a latitudes excepcionais, entre o sueste de Irlanda e o oeste de Galicia, que chegará o mércores“, explican dende MeteoGalicia.

A axencia meteorolóxica explica que é habitual que, dentro dos días de calor de verán, entre algunha fronte que deixe días de choivas puntuais na comunidade galega. Así e todo, o que resaltan non é a acumulación de precipitacións, senón a caída dos termómetros. “Son temperaturas baixas para esta época do ano. Pode haber unha anomalía negativa de entre 6 e 8 graos fronte ao que é habitual para estas datas”, apunta MeteoGalicia. Sinalan que o descenso será especialmente pronunciado en zonas do interior, entre Lugo e Ourense e, máis en concreto, nas áreas da Ribeira Sacra, o Miño ourensán, Valdeorras e Verín.

Publicidade

Dende Eltiempo.es lembran que, máis alá das anomalías térmicas, tamén será preciso non perder de vista a choiva, que porá en alerta amarela o sur galego durante a tarde do luns. “En distintas áreas da Coruña, Pontevedra e Ourense contémplanse acumulacións de arredor de 15 mm nunha hora“, comparten no portal especializado. Engaden: “Son probables refachos superiores a 70 km/h en Galicia”.

Entre a inestabilidade e a choiva

A semana arranca con tempo inestable e choiva que se coroan como os protagonistas dos próximos días. MeteoGalicia informa que un centro de baixas presións próximo á comunidade galega resultará en ceo nubrado e chuvascos que avanzarán dende o sur cara ao norte co paso das horas. Estas treboadas poderán ser fortes nalgúns puntos do oeste e o sur do territorio; de feito, MeteoGalicia activa a alerta amarela no Miño de Pontevedra e o Sur Ourense entre as 12 e as 21 horas do luns debido ás precipitacións. A nivel térmico, as máximas manteranse por debaixo dos 30 graos en toda Galicia e as mínimas estarán entre os 16 e os 18 graos (agás en Lugo, onde acadarán os 13 graos no momento máis frío do día).

Publicidade

A situación non presentará moitas variacións durante o martes; de novo, os ceos parcialmente cubertos e a choiva marcarán o avance da xornada. Galicia quedará baixo a influencia dunha pequena borrasca provinte de Irlanda que deixará o oeste e, co avance do día, o interior do territorio galego pasados por auga. As temperaturas serán similares ás do luns, aínda que con máximas lixeiramente máis frescas que, non obstante, permanecerán por enriba dos 20 graos.

O mércores, cando a borrasca dominará Galicia

O mércores, en cambio, a baixada térmica si será máis perceptible tanto nas mínimas como nas máximas. A comunidade seguirá marcada por unha borrasca do noroeste que deixará zonas nubradas na maior parte do territorio e que, cara ao litoral sur, poderían vir acompañadas de treboadas.

A influencia das baixas presións estenderase ao xoves, cando unha masa de aire frío reduza de novo as temperaturas. Deste xeito, tanto as máximas como as mínimas experimentarán un descenso polo que os momentos máis quentes do día rondarán os 20 – 22 graos na maior parte da comunidade, coas excepcións de Lugo (18 graos) e Santiago de Compostela (19 graos), ambas por debaixo da vintena. En canto ás mínimas, manteranse entre os 12 e os 15 graos. Do mesmo xeito, os ceos continuarán nubrados e con choivas que ocasionalmente poderán ser treboentas.

Nos seguintes días, volverá a influencia anticiclónica e, con ela, diminuirá a probabilidade de choiva e elevaranse lixeiramente as temperaturas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta laranxa no oeste da Coruña por precipitacións intensas

A AEMET acende o aviso amarelo en zonas da Coruña, Lugo, Ourense e en toda a provincia de Pontevedra por tormentas e chuvias

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Galicia rexistra máis de 2.100 raios durante as últimas 24 horas

As zonas con máis actividade foron o occidente da Coruña e Pontevedra, o interior de Lugo e o oeste de Ourense

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega