Despois da calor das últimas semanas, o mes de setembro pecha baixo unha borrasca que deixará ceos cubertos e choivas que poderán ser localmente treboentas, como informa Meteogalicia a través do seu perfil de X. Unha formación de baixas presións ao oeste de Irlanda chegará ás costas galegas o martes e provocará unha baixada dos termómetros e, sobre todo, alertas amarelas e laranxas por choivas e ventos.
O que resta da xornada do luns vén marcada pola inestabilidade atmosférica, con temperaturas mínimas que se manteñen nos niveis dos últimos días —entre os 15 e os 18 graos en todo o territorio galego—, pero cun descenso perceptible nas máximas: os termómetros non superarán os 25 graos na maior parte de Galicia, con Ourense como excepción, chegando aos 27 graos. A medida que avance a tarde e caia o Sol, o vento adquirirá unha intensidade moderada.
A tarde do martes chegan frontes dunha cicloxénese explosiva
Dende Meteogalicia advirten que se agarda unha cicloxénese explosiva no Atlántico, ao oeste de Irlanda, que enviará unha fronte fría a Galicia. Este fenómeno, como explica o portal meteorolóxico de Eltiempo.es, é un “proceso de iniciación dunha circulación ciclónica nos niveis baixos da atmosfera”. Trátase, pois, dun sistema no que se produce unha caída da presión atmosférica. A primeira fronte desta borrasca atlántica chegará o martes: prevese unha xornada de temporal, con choivas e ventos máis intensos a partir da segunda metade do día que se concentrarán sobre todo na metade oeste da comunidade. As mínimas non presentarán grandes variacións, mais si se producirá un lixeiro descenso nas temperaturas máximas agardadas.
Dende Meteogalicia advirten que o martes 29 haberá refachos de máis de 80 quilómetros por hora en xeral e de máis de 100 na Costa da Morte. Ademais, extenden o comunicado ás choivas: prevese que se acumulen máis de 40 litros por metro cadrado en 12 horas na fachada atlántica.
Avisos amarelos nas catro provincias
Durante a xornada do martes haberá aviso amarelo por choiva na provincia de Pontevedra entre as 18 e as 21 horas. No interior pontevedrés, no Oeste e o Suroeste da Coruña, o aviso estenderase entre as 12 do mediodía e a medianoite. Haberá aviso amarelo por vento na provincia da Coruña, na Mariña, no centro e a montaña de Lugo, na provincia de Pontevedra e no sur e as zonas montañosas de Ourense. A advertencia irá dende o mediodía ata as 21 horas na maior parte dos territorios, aínda que na Coruña comezará ás 9 horas e nas áreas elevadas prolongarase ata a medianoite.
Tamén haberá avisos no litoral por vento. As augas do noroeste da Coruña estarán en alerta amarela entre as 15 e as 21 horas. No caso da Costa da Morte, o océano estará en aviso amarelo entre as seis e as nove da mañá, e evolucionará cara a unha alerta laranxa das 9 ás 18 horas. Nas Rías Baixas, a xornada tamén comezará cun aviso amarelo, entre as 9 e as 12 horas, que ascenderá a unha alerta laranxa entre as 12 e as 18 horas.
A volta á influencia anticiclónica
O mércores producirase unha transición cara ás altas presións, o que deixará unha alternancia de ceos cubertos e despexados nos que só haberá chuvascos ocasionais, como indica Meteogalicia. As temperaturas baixarán, con mínimas de ata 11 graos en lugo e máximas que non superarán os 23 graos.
O xoves, Galicia volverá estar baixo a influencia dun anticiclón. Crecerá a distancia entre os niveis de máis calor e máis frío do día: aínda que as mínimas xa estarán por debaixo dos 13 graos en todo o territorio (chegando a 10 en Lugo e Ourense) o sur da comunidade percibirá un ascenso do termómetro: Ourense e Pontevedra marcarán 25 graos e Vigo acadará os 26.














