A seca xa afecta o 79% de ríos galegos e o 15% presenta niveis extremos

Un visor interactivo creado polo investigador do CSIC Dominic Royé alerta da situación de secura no norte da Coruña, no paso do Ulla entre Pontevedra e Lugo e no sur de Pontevedra

A falta de precipitacións e a elevada calor experimentadas nos últimos meses únense nun evento climatolóxico que xa amosa os seus efectos nas cuncas fluviais de Galicia. Unha ferramenta interactiva, River Monitor, desenvolta polo investigador da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) Dominic Royé pon en cifras a falta de auga nos caudais da comunidade: indica que o 14 de agosto —a data máis recente dispoñible no portal web— un 79% dos ríos galegos presentaban algún grao de secura, co 15% acadando valores extremos.

A aplicación é de acceso libre e gratuíto e actualízase a diario con datos da reanálise EFAS Historical (Copernicus Emergency Management Service) extraídos nos puntos da Rede Integrada de Estacións de Aforo (ROEA/SAIH), no caso das estacións nacionais. En conxunto, o espazo recolle 1268 localizacións de España e Portugal e presenta datos dende o 1992. Cada estación recibe unha cor en función do percentil climatolóxico do caudal medio diario (o valor estatístico que compara a cifra de cada día co rexistro histórico para esa mesma data).

Publicidade

O 79% dos ríos galegos está, segundo datos da ferramenta deseñada por Royé, nalgún nivel de secura. Tan só o 7% se atopa en valores normais, coa cantidade restante situada entre os niveis de humidade moderada e habitual. Algunhas zonas xa chegaron, segundo a clasificación da ferramenta, a un grao extremo de seca: son a cunca do río Mero (no norte da Coruña), a do Ulla no seu paso entre Pontevedra e Lugo, a zona occidental da provincia lucense, o sur de Pontevedra e o punto máis oriental entre Lugo e Ourense.

Unha seca repentina

O creador da ferramenta refire que o que se está a vivir en Galicia é unha ‘seca repentina‘ dado que se perdeu a auga de forma moi rápida. Porén, o comezo deste proceso resulta dunha serie de factores que se acumularon a través do tempo. “A situación xa se pode ver dende mediados de maio, xusto despois dunha primavera chuviosa“, afirma Dominic Royé. O investigador conta que o baixo caudal nos ríos galegos non nace dunha única causa, senón dun evento composto: “Trátase dunha serie de fenómenos climáticos diferentes pero que están relacionados entre eles”. O experto en cambio climático pon como exemplo as securas e os episodios de temperaturas elevadas: “As ondas de calor poden levar a secas, de xeito secuencial ou simultáneo”, explica, e engade que, á inversa, a falta de auga non ten por que derivar nunha vaga de calor, aínda que poidan ter certa relación.

Publicidade

Así, Royé sinala a combinación dos altos valores térmicos prolongados e a falta de precipitacións como principal responsable do baixo caudal que experimentan os ríos. “Despois da intensa onda de calor de maio encadeamos varios episodios de temperaturas elevadas. Se iso se mantén durante moito tempo, a atmosfera vai ‘capturar’ toda a humidade, pois poderá acumular moito máis vapor que se estivera máis fría”, explica o investigador do CSIC.

Esta situación ten un impacto directo sobre os solos, máis áridos do que é habitual. “Necesitamos semanas, mesmo meses, con precipitacións regulares e non moi intensas“, indica Royé. O creador da aplicación interactiva aclara que un episodio treboento, breve pero intenso, podería ter un efecto indesexado, e ata perigoso. Dende eltiempo.es explican que un periodo sostido de secura pode facer que a superficie se volva hidrofóbica, isto é, que repela a auga. Así, perde a capacidade de retención e, ante chuvias torrenciais, poden producirse inundacións.

Un proceso longo con efectos sobre o solo

Unha seca non se produce da noite á mañá, senón que segue unha serie de fases. Dominic Royé explica que a primeira é a secura meteorolóxica, que é aquela provocada pola falta de choiva. Se a escaseza pluviométrica se mantén durante certo periodo, ten un impacto sobre a contorna (seca ecolóxica) e as reservas hidráulicas (seca hidrolóxica). “Logo vén a secura agrícola ou ambiental [na que se carece de auga para regar] e, finalmente, pode darse unha socioeconómica, que é o que xa está pasando en centro europa”, explica o investigador. Esta última fase alude á incapacidade de satisfacer a demanda hídrica dunha poboación, o que leva a implantar restricións sobre o uso deste recurso.

Non resulta doado predicir cando pode rematar a situación: “Sempre sabemos cando comeza, pero non cando termina. Algún día de choiva solto non é suficiente; necesítanse precipitacións de xeito consistente para revertir unha seca”, declara Royé. Entre tanto, os efectos da reducción do caudal deixan pegada nos ríos. “Redúcese o cauce mollado, coa perda de conectividade lonxitudinal e lateral; a auga íllase en pozas desconectadas, o que fai que desaparezan refuxios e a fauna se concentre en menos espazos; pérdese a heteroxeneidade dos hábitats; aumenta a temperatura da auga ao diminuír o volume e a velocidade de renovación; e hai menor dilución de contaminantes e nutrintes”, apunta Dominic Royé.

As medidas sobre a auga

A Xunta estendeu o aviso por escaseza a 91 concellos —32 en alerta e 59 en prealerta— que xa poñen en marcha restricións para preservar os recursos hídricos. Así e todo, a ollos do investigador as dificultades que se presentan evidencian un problema de xestión nacional: “Hai que tomar medidas antes de chegar a unha fase de alerta, non agora”. Á par que as secas aumentan a súa frecuencia, intensidade e duración, faise patente a diferenza entre os territorios que historicamente conviviron coa escaseza da auga e os que non. “En Galicia non estamos tan ben preparados como noutras zonas con máis tradición de securas, como no Mediterráneo”, explica Royé.

Estacións que entran no nivel extremo de seca segundo River Monitor a día 14 de agosto. Visor: Dominic Royé
Estacións que entran no nivel extremo de seca segundo River Monitor a día 14 de agosto. Visor: Dominic Royé

Dende o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ofrecen unha guía con consellos para o aforro de auga. Entre as medidas propostas están: manter a punto os sistemas de fontanaría para evitar fugas, lavar a man empregando un balde de auga para enxaboar e outro para aclarar, empregar electrodomésticos de baixo consumo, ducharse en vez de bañarse ou regar nas horas máis frescas do día.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Auga, por favor

Unha seca extrema azouta Europa e resente o sistema económico. Por Laura Filloy

Un mapa europeo alerta da seca extrema e sinala os puntos máis críticos en Galicia

Algunhas das zonas afectadas son Fisterra, Vigo, A Estrada, As Pontes e Valdeorras

Galicia rexistra o segundo mes de xuño máis cálido dende que hai rexistros

O último informe de Meteogalicia conclúe que foi un período seco e marcado por dous importantes episodios de calor