Do 100% ao 36% nun trienio: a “preocupante” evolución da seca nos encoros galegos

A serie histórica de Eiras vai en liña coa situación de Cecebre, que marca o seu mínimo dos últimos 15 anos tras reducir case á metade as súas reservas

O encoro de Eiras, que abastece á cidade de Vigo e a máis da metade dos concellos da súa área metropolitana, está ao 36,36% da súa capacidade e a un volume de encorado de 8,06 hectómetros cúbicos (Hm3) —sobre o seu total de 22,17 Hm3—. Jorge Dafonte, profesor de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago (USC), sinala que se atopa no “mínimo histórico” e tilda a situación de “preocupante”. A serie histórica dos últimos 15 anos, elaborada a partir da información aberta publicada por Augas de Galicia, evidencia as oscilacións na auga encorada nesta importante infraestrutura: en tan só tres anos pasou dunha ocupación do 100% en 2023 ao 36,36% en 2026; é dicir, máis de 63 puntos porcentuais. Dafonte explica que, en Galicia, non é habitual unha seca en outubro, pero tampouco é imposible.

Por outra banda, o encoro de Cecebre, que abastece á cidade da Coruña, é outra das grandes estruturas de Galicia, que actualmente se atopa ao 38,57% da súa capacidade —7,95 Hm3 respecto o total de 20,61 Hm3—. No seu caso, dende 2023, a súa ocupación no mes de novembro descendeu ata case a metade. No momento de comprobar a serie histórica, conta con menos oscilacións que o de Eiras, pero coincide que o seu mínimo neste período tamén é en 2026.

Publicidade

Con todo, a situación actual é de especial relevancia. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirma que Galicia está a vivir unha situación de “preocupación”, pero non “de emerxencia”. Os modelos europeos prevén entre 10 e 60 litros por metro cadrado por enriba do que adoita chover en Galicia esta fin de semana, a causa da entrada dunha borrasca atlántica. “Ten que cambiar a situación, pero o óptimo sería a chegada dunha cadea de frontes para que a ocupación do encoro aumente”, explica Jorge Dafonte. De ser así, o escenario podería facer que o encoro de Eiras pase dos 8 Hm3 aos 9-10 Hm3, pero o experto tilda a situación de insuficiente: “Poderá haber un pequeno pico, pero non un cambio na tendencia”, apunta. Con todo, a futuro, só queda a incerteza, aínda que semella que haberá unha mellora a medio prazo.

Análise dos últimos 15 anos

En novembro de 2026, os encoros de abastecemento de Galicia-Costa —Cecebre, Eiras, Forcadas, Caldas de Reis, Zamáns, Pontillón de Castro, Baiona, Beche e Vilagarcía— atópanse no 38,04% de ocupación e cun volume encorado de 24,29 Hm3. Prestando unha maior atención ás infraestruturas máis grandes, Eiras e Cecebre, pódense observar fluctuacións de ocupación moi desiguais ao longo dos últimos 15 anos. Como norma xeral, o de Coruña ten cifras de ocupación máis baixas en toda a serie histórica, agás en tres episodios puntuais: en 2016 —Eiras en 58,15% e Cecebre en 59,4%—, 2018 —Eiras en 56,76% e Cecebre en 57,53%— e 2026. “Esta desigualdade vén polas precipitacións de Fornelos de Montes —onde está o encoro de Eiras—, onde chove máis que no norte, sobre todo en inverno”, apunta Dafonte.

Publicidade

O profesor da USC lembra especialmente o episodio do ano 1988-1989, cando a situación de seca prolongouse ata marzo, con restriccións de consumo en Bilbao. Os datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sinalan que o 1 de novembro de 1988, o encoro de Cecebre contaba con 4 Hm3, mentres que o de Eiras rexistraba 9 Hm3. Para o encoro da Coruña tratouse dunha situación de seca moi acusada, pero as cifras actuais de Eiras superan os seus rexistros en novembro de 1988.

Volume de auga encorada en Eiras e Cecebre (1988-2026). Foto: Jorge Dafonte
Volume de auga encorada en Eiras e Cecebre (1988-2026). Foto: Jorge Dafonte

Factores que favorecen o descenso

A pregunta é que pode haber detrás do descenso da auga. En primeiro lugar, o clima: Jorge Dafonte apunta cara a unha mediterraneización do Atlántico, onde “imos ter anos moi húmidos e outros moi secos”. Así, diferenza entre períodos longos de moita auga seguidos doutros con apenas precipitacións. “Son os síntomas cara aos que avanzan os modelos”, subliña.

Con todo, só fai falta lembrar para poder percibir a evidencia. En 2026, a serie de evapotranspiración —cantidade de auga do solo que volve á atmosfera como consecuencia da evaporación e transpiración das plantas— sinala que dende febreiro apenas se rexistraron precipitacións no encoro de Eiras. En agosto choveu, pero tamén foi o outubro máis seco dende 2007. Por outra banda, observando os datos de 2026, Galicia rexistrou o inverno máis húmido do último cuarto de século, cunha precipitación media de 800 litros por metro cadrado entre decembro e febreiro. En agosto aínda quedan as reservas destas chuvias pero, tras o verán, os encoros quedan en mínimos; é o caso de novembro

Precipitacións no encoro de Eiras no último ano. Foto: Jorge Dafonte
Precipitacións no encoro de Eiras no último ano. Foto: Jorge Dafonte

Súmanse as tendencias de almacenamento e xestión: “O mesmo encoro abastece a cada vez máis poboación que a que había inicialmente nos anos 90”, aclara. A pesar de que non existen os datos de consumo, si están dispoñibles as series históricas dos censos de poboación do Instituto Galegos de Estatística (IGE): Vigo medrou dende 276.109 habitantes en 1991 a 295.735 en 2025, sen incluír aos non censados e os turistas que chegan en masa no verán.

Que medidas deberá tomar a Xunta?

Jorge Dafonte explica que unha das medidas principais en 1988, cando ocorreu o acusado período de seca prolongada, foron as restriccións de auga. Sen ir máis lonxe no tempo, en xullo de 2026 Baiona estivo baixo normas de carácter extraordinario a causa do baixo nivel de ocupación do encoro de Baíña: prohibición do uso da auga para a rega de espazos exteriores —tanto públicos como privados—, encher piscinas, limpeza mediante o baldeo, funcionamento de fontes ornamentais sen circuíto pechado e actividades onde se podía malgastar a auga.

Rueda subliña que aínda non está en perigo este abastecemento, pero que se deben comezar a buscar medidas para previr a situación, unha cuestión que se debatirá nunha próxima reunión do Comité de Seca. O presidente da Xunta subliña a prudencia e o uso racional da auga a raíz da escaseza de chuvias que, a pesar de que poden chegar nos próximos días, hai que actuar a expensas da incerteza da meteoroloxía.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cidades nas que vivir

Un estudo analiza os patróns de xentrificación en Vigo, Santiago e A Coruña

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

Vigo, entre as 20 cidades europeas con máis alertas de po sahariano de 2026

Un novo informe de Copernicus contabiliza nove xornadas con avisos no enclave galego, na súa maioría de intensidade moderada-alta

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro