Un estudo sobre a graxa epicárdica, a fibrilación auricular e semaglutida recibiu o premio á mellor comunicación oral do Congreso da SEC 2026, celebrado en Sevilla entre os días 28 e 30 de outubro. O recoñecemento concedeuse tras a presentación e defensa do traballo ante un xurado de recoñecido prestixio nacional e internacional.
O traballo é froito dunha estreita colaboración multidisciplinar na que participaron investigadores dos grupos de Cardioloxía e Cardioloxía Traslacional do IDIS, profesionais dos servizos de Cardioloxía e de Cirurxía Cardíaca do CHUS, así como especialistas da Plataforma Institucional de Proteómica do IDIS. Esta colaboración permitiu integrar a investigación preclínica e clínica coa análise molecular e proteómica, favorecendo unha aproximación translacional orientada a trasladar os descubrimentos científicos á práctica clínica.
“Este recoñecemento supón un importante impulso para a investigación cardiovascular desenvolvida no IDIS e pon de manifesto o valor da colaboración entre investigadores básicos, clínicos e profesionais sanitarios. Así mesmo, reforza o compromiso do equipo co desenvolvemento dunha investigación translacional de excelencia, orientada a mellorar a prevención, o diagnóstico e o tratamento das enfermidades cardiovasculares”, asegura a investigadora Sonia Eiras Penas. Xunto con ela forman parte do equipo Rumeysa Basdas, David Sánchez-López, José Ramón Nuñez Caamaño, José Manuel Martínez-Cereijo, Ángel L. Fernández, Moisés Rodríguez-Mañero, David García-Vega, Susana Belén Bravo, Pilar Mazón-Ramos e José R. González-Juanatey.
A relación entre o tecido adiposo epicárdico disfuncional coa fibrilación auricular
A investigación aborda o papel da adiposidade epicárdica disfuncional no desenvolvemento e a progresión da fibrilación auricular, a arritmia sostida máis frecuente na poboación. A súa prevalencia aumenta coa idade e pode alcanzar entre o 5 e o 10 % en persoas maiores de 65 anos. Esta alteración do ritmo cardíaco constitúe un importante problema de saúde pública, debido á súa asociación con complicacións graves, como o ictus e a insuficiencia cardíaca.
O estudo identifica diferentes proteínas producidas polo tecido adiposo epicárdico disfuncional que se asocian coa perpetuación da fibrilación auricular. Ademais, os resultados mostran que estas alteracións moleculares poden modularse mediante semaglutida en aproximadamente o 65 % dos pacientes tras recibir tratamento durante polo menos seis meses. Estes achados abren novas perspectivas para comprender a relación entre o metabolismo do tecido adiposo que rodea o corazón e os mecanismos implicados no mantemento desta arritmia. Durante o congreso, a Sociedade Española de Cardioloxía tamén concedeu un proxecto ao equipo de investigación traslacional para profundar nos novos mecanismos da enfermidade cardiovascular así como novas dianas terapéuticas.














