Os adolescentes federados en fútbol amosan maior frecuencia de apostas, maior intención de xogar e máis indicadores de xogo problemático que os que realizan este deporte sen estar federados ou os que fan outros deportes. Esta é unha das conclusións dun estudo realizado por un equipo de investigadores das universidades de Vigo, Miguel Hernández de Elche (UMH) e Internacional de Valencia. O traballo, publicado na revista científica International Gambling Studies, destaca a necesidade de incorporar a prevención das apostas nos clubs deportivos e as escolas de fútbol.
Por parte da UVigo participou no traballo Manuel Isorna, profesor titular do Departamento de Análise e Intervención Psicoeducativa da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e director do Mestrado en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Condutas Aditivas da UVigo. Por parte da UMH asinan Daniel Lloret e Víctor Cabrera e por parte da Universidad Internacional de Valencia Víctor José Villanueva.
O estudo contou coa participación de 728 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria de Galicia, con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos. Comparáronse tres grupos: adolescentes non federados, federados en fútbol e federados noutras disciplinas deportivas (como baloncesto, natación, voleibol, balonmán e atletismo).
A relación entre deporte e condutas de apostas en adolescentes
No traballo analizouse a relación entre a práctica deportiva e as condutas de apostas en adolescentes. Os resultados sinalan que “os adolescentes federados en fútbol presentan unha frecuencia de xogo significativamente maior, unha intención máis elevada de realizar apostas e maiores puntuacións nos indicadores de xogo problemático”. En cambio, non se atoparon diferenzas significativas entre os mozos que practicaban outros deportes federados e os que non estaban federados.
Tamén se observaron diferenzas nas motivacións para apostar. “Os futbolistas adolescentes amosaron unha maior motivación relacionada coa procura de emocións e, en comparación con outros deportistas federados, con puntuacións máis elevadas nas motivacións económicas e sociais. Así mesmo, as análises exploratorias apuntan unha menor percepción do risco asociado ás apostas”, sinalan os autores do traballo.
Os investigadores subliñan que “o estudo identifica asociacións, pero non permite establecer que practicar fútbol provoque directamente condutas de apostas. Non obstante, os seus resultados contribúen a identificar contornas prioritarias para desenvolver estratexias preventivas”. O obxectivo, destaca Manuel Isorna, “non é desincentivar a práctica do fútbol, que achega numerosos beneficios físicos, psicolóxicos e sociais, senón evitar que a paixón por este deporte se converta nunha porta de entrada ás apostas”.

A importancia da contorna e a prevención
Aínda que en España está prohibido que os menores de 18 anos aposten, os últimos datos do Observatorio Español das Drogas e as Adiccións indican que o 24,4% dos estudantes de 14 a 18 anos participou en xogos de apostas con diñeiro durante o último ano. Preto do 5% presenta indicadores de xogo problemático. A adolescencia, lembran os investigadores, “constitúe unha etapa especialmente sensible á influencia de iguales, á procura de emocións e á percepción de que as apostas constitúen unha actividade habitual e carente de riscos”.
Ademais, os investigadores chaman a atención sobre a crecente presencia das apostas no universo futbolístico. “As retransmisións, as redes sociais, os pronosticadores deportivos ou tipsters e os contidos promocionais contribúen a presentar as apostas como unha prolongación natural da afección ao fútbol”, apuntan. A contorna dos equipos tamén podería desempeñar un papel importante, lembrando os autores do traballo como “durante a adolescencia, o sentimento de pertenza ao grupo e a influencia dos compañeiros favorecen a adopción de comportamentos considerados normais ou socialmente aceptados”.
A normalización das apostas
Neste contexto, Manuel Isorna subliña que “o problema non é o fútbol como actividade deportiva, senón a progresiva normalización das apostas dentro da cultura futbolística. Cando apostar se presenta como unha forma de demostrar coñecementos deportivos, compartir emocións ou participar no espectáculo, desdebúxanse as fronteiras entre gozar do deporte e xogar diñeiro”. Tradicionalmente, explica Daniel Lloret, “consideramos que a práctica deportiva constitúe un factor de protección fronte ás condutas de risco durante a adolescencia. Con todo, os nosos resultados indican que esta relación depende do contexto deportivo”.
Unha das principais achegas do estudo é sinalar a necesidade de ampliar os programas de prevención do xogo problemático máis aló dos centros educativos e incorporar a clubs deportivos, federacións e escolas de fútbol. Os autores propoñen desenvolver intervencións dirixidas a adolescentes, adestradores e familias que permitan identificar os riscos asociados ás apostas, cuestionar a crenza de que os coñecementos futbolísticos garanten ganancias e previr a presión do grupo. “Os clubs deportivos teñen unha oportunidade extraordinaria para converterse en axentes de prevención. Do mesmo xeito que se traballa a educación en valores, o respecto ou a prevención do consumo de substancias, debemos incorporar a prevención das apostas”, destaca Manuel Isorna.














