A estatística sinala que as posibilidades de vitoria da selección española contra Arabia Saudita eran do 90%, en base a un conxunto de variables na análise de cada lanzamento efectuado no partido. Así o constatou o catedrático da Universidade de Vigo e director do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega) Carlos Lago empregando unha metodoloxía baseada nos “goles agardados”. Trátase dunha métrica de estatística avanzada a partir da que pode coñecerse “o resultado máis probable” dun partido, tendo en conta o rendemento dos equipos sobre o céspede. Esta análise permite constatar que, a pesar de que España iniciou o Mundial cun empate fronte a Cabo Verde para logo superar a Arabia Saudita por 4-0, o rendemento da selección foi similar en ambos partidos, xa que a súa “probabilidade de gañar” o primeiro encontro situouse no 85%.
Como explica Lago, que nestas semanas publica na súa conta de X os resultados das análises que realiza de diferentes partidos, esta metodoloxía parte da análise “de todos os lanzamentos que se produciron no partido”, tendo en conta variables como a distancia á portería, a posición do balón ou a colocación do porteiro. Estes datos permiten determinar a “probabilidade esperada” de cada lanzamento de converterse en gol, o que á súa vez serve como punto de partida para un marco probabilístico que permite avaliar o rendemento dun equipo, tanto ao remate do partido como, “de xeito dinámico”, durante o propio encontro.
A porcentaxe gañadora
A probabilidade de vitoria de España no partido deste domingo, tendo en conta todos os lanzamentos efectuados, era do 90%, fronte a un 9% de probabilidades de empate e un 1% de que gañase de Arabia Saudita. Segundo este modelo, a probabilidade de que a selección española lograse catro goles situábase nun 12%, sendo o máis probable, cun 31%, que tivesen anotado dous tantos.
Non obstante, no primeiro partido de España no mundial, que pechou cun empate sen goles ante Cabo Verde, o rendemento do equipo situaba nun 85% a probabilidade de vitoria, fronte a un 13% de que o encontro rematase en empate. De feito, segundo este modelo, a probabilidade de que España tivese anotado dous goles era do 29%, situándose nun 10% a de que o seu rendemento se tivese traducido en cero tantos. Pola contra, a probabilidade de que Cabo Verde non marcase ningún, como finalmente aconteceu, era o 81%. Isto, apunta Lago, amosa que se ben no segundo partido, o marcador achegábase ao “resultado máis probable”, non aconteceu o mesmo no primeiro, pondo de relevo que o resultado final vén determinado tamén “por unha dose de sorte, de azar e de cuestións que non podes controlar”.
Análise durante e despois do partido
Nun artigo publicado recentemente no International Journal of Performance Analysis in Sport, o catedrático da UVigo e os investigadores Javier Belloso, da Universidad Pública de Navarra, e Miguel Ángel Gómez-Ruano, da Universidad Politécnica de Madrid, presentaban os resultados dun estudo dirixido a “ampliar o valor analítico” da métrica expected goals. Dentro dun “marco probabilístico baseado nos ensaios de Bernoulli”, puxeron a proba un modelo capaz de xerar “estimacións dinámicas durante o partido”, a partir dos datos obtidos coas variables que miden a probabilidade dun lanzamento de converterse en gol antes de que se efectúe e as que avalían a calidade de cada disparo. Deste xeito, buscan que a métrica dos goles agardados pase de ser un elemento “que estima a probabilidade de que un tiro termine en gol” a un indicador “máis amplo do rendemento de equipos e xogadores”.
Nese senso, este modelo permite coñecer o resultado máis probable en cada momento do partido, o que, aplicado ao deste domingo, sinala que o primeiro tempo realizado por España situaba as posibilidades de vitoria por riba do 80%, cifrando nun 35% a probabilidade de que pechasen este período cun gol anotado e nun 30% a de que marcasen dous. Pola contra, a análise do acontecido só no segundo período situaba a probabilidade de vitoria de España en preto do 65% e as de empate en preto do 34%. Isto, sinala Lago, amosa que “na segunda parte xerouse pouco”, dado que o encontro chegou 3-0 ao descanso.
Rendemento, resultado e o “efecto Messi”
Este modelo, apunta Lago, permite “comprobar a tempo real se o que sucede no campo ten relación ou non co que sucede no marcador”, permitindo coñecer se o resultado corresponde ou non co que “merece” un equipo a tenor do seu rendemento. Nese senso, o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte sinala o partido entre España e Cabo Verde, no que, en relación co seu rendemento, a selección “tivo un mal resultado”, pero tamén á vitoria de Arxentina sobre Alxeria por 3-0. Neste caso, a probabilidade de que o equipo arxentino gañase era do 67%, fronte a un 26% de que o partido rematase empatado e un 7% de vitoria de Alxeria. Neste encontro, o máis probable, cun 46%, era que Arxentina marcase un só gol, situándose no 7% a probabilidade de que lograse tres, o que leva a Lago a apuntar ao “efecto Messi”, dado que o dianteiro “converteu dous lanzamentos que teñen moi pouca probabilidade de anotarse”.
“Con este modelo conseguimos relacionar rendemento e resultado”, conclúe Lago ao respecto dun dunha liña de investigación na que continúan afondando, tanto a través de futuras publicacións científicas, como coa difusión nas redes sociais doutras análises ao longo do mundial.














