A Xunta vén de anunciar o nome dos cinco premiados coas Medallas Castelao 2026, un dos recoñecementos máis importantes que outorga Galicia. Unha das distincións recae na doutora en Física Mar Capeáns Garrido (Santiago de Compostela, 1967), “unha das nosas científicas máis influentes”, segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. As outras catro medallas recibiranas o músico Esteban Batallán Cons, o atleta Adrián Ben, a propietaria dos restaurantes La Penela —María Barallobre— e a Fundación Andrea.
A maioría da traxectoria profesional da investigadora está ligada ao Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN), o laboratorio de física de partículas máis grande do mundo do que entrou a formar parte en 1992 e onde segue traballando. Foi unha das primeiras españolas en conseguir un posto fixo na plantilla e, dende este ano, convértese tamén na primeira muller de España en asumir un alto cargo na institución, como directora de operacións do CERN. Especialízase na física de partículas e estuda temas como a orixe do universo. Conta con máis de 500 artigos científicos publicados e participa tanto na avaliación de programas de física de partículas a nivel internacional como en programas da Comisión Europea.
Medallas en saúde e cultura
Outro dos galardóns recoñece o traballo dende hai vinte anos da Fundación Andrea, entidade que apoia de xeito integral ás familias con nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. A Fundación, liderada por Charo Barca tras o falecemento da súa filla Andrea, ofrece dende axudas económicas, a atención psicolóxica ou aloxamentos adaptados, preto do Hospital Clínico de Santiago, para as familias con rapaces ingresados. Ademais, tal e como resaltou o presidente, “fai un esforzo moi destacable por humanizar os espazos pediátricos dos hospitais”.
No eido cultural, o Consello acordou recoñecer ao trompetista Esteban Batallán Cons (Barro, 1983) que conta cunha gran traxectoria internacional. Rueda lembrou que, logo de formarse en Galicia —nos conservatorios de Pontevedra e Vigo ou na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia—, “foi trompetista principal nas orquestras de Chicago e Hong Kong, entre outras” e “colaborou con orquestras sinfónicas de diferentes países”. Na actualidade, Batallán é membro do departamento de trompeta en DePaul University (Chicago) e profesor da Civic Orchestra, na mesma cidade.
Medallas en deporte e gastronomía
No Deporte, o Consello aprobou conceder este ano a Medalla Castelao ao atleta Adrián Ben Montenegro (Viveiro, 1998), especializado nas carreiras de medio fondo. O lucense quedou quinto nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 na proba de 800 metros e gañou o Campionato de Europa en Pista Cuberta de 2023. Ademais, o pasado mes de febreiro proclamouse subcampión de España nos 1.500 metros.
E, por último, a quinta Medalla Castelao 2026 recae na propietaria dos restaurantes La Penela, María Barallobre Tomé. Tras exercer a docencia durante case 30 anos, abriu o seu primeiro establecemento en Coirós, para continuar cun restaurante na Coruña e dar o salto tamén “a Madrid, Barcelona e París”, establecementos “que falan e moi ben da nosa gastronomía”.
O recoñecemento
A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario, deportivo, económico ou intelectual. “A gala de entrega terá lugar o vindeiro 28 de xuño, como todos os anos, coincidindo co aniversario da aprobación en plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso á nosa comunidade dos restos mortais de Castelao”, explicou o presidente.














