Galicia aspira a construír un prototipo para o futuro colisionador de partículas do CERN

O IGFAE coordinaría a iniciativa xunto á colaboración da Xunta e do CDTI nunha acción estratéxica para a I+D+i na comunidade

Galicia aspira a construír o prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN). O proxecto estaría coordinador polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago (USC) e a Xunta de Galicia, xunto coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e do CDTI.

Segundo trasladan dende o centro, o proxecto será unha iniciativa estratéxica para a I+D+i en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas. Dada a súa magnitude e complexidade científica, técnica e financeira, é precisa unha colaboración estreita a todos os niveis. Neste proceso, o CDTI impulsa o procedemento da consulta preliminar ao mercado e a Compra Pública Precomercial; a Xunta, a través de GAIN, actúa como comprador público; e o IGFAE, como promotor científico técnico, é o centro de coñecemento que define, monitoriza e valida o prototipo.

Publicidade

Coa finalidade de chegar a construír en Galicia dito prototipo, lánzase xa a consulta preliminar ao mercado para que as empresas interesadas na fabricación do mesmo poidan expresar o seu interese ata o día 9 de xullo. O próximo 23 de xuño celebrarase na sede do IGFAE, en Santiago, unha xornada para explicar a axentes interesados as claves de participación neste proceso, así como os obxectivos e o alcance que terá no ámbito galego, nacional e internacional. Os interesados en participar poden inscribirse xa na seguinte ligazón habilitada.

A través desta consulta, búscase coñecer o grao de desenvolvemento de tecnoloxías novidosas e relevantes no ámbito dos colisionadores de partículas para facer o prototipado completo e preindustrialización dunha sección representativa do Futuro Colisionador Circular (FCC-Future Circular Collider). Esta consulta marca o inicio do proceso de compra pública innovadora na modalidade de contratación precomercial levada a cabo polo CDTI e destinada a articular a participación de empresas e outros axentes do ecosistema de I+D+i neste reto. 

Publicidade

Un prototipo para unha ‘maqueta’ de 43 metros a tamaño real 

Coa fin de deseñar e probar todos os compoñentes da primeira fase do futuro FCC, está prevista a construción dunha maqueta a tamaño real de 43 metros de lonxitude, na que se ensamblarán os prototipos que se desenvolverán nos respectivos países implicados no proxecto. Cando se constrúa o FCC, deberá replicarse ata 2.000 veces esta maqueta, concibida como unha unidade básica, chamada cela de arco (arc cell), ata completar toda a circunferencia.

Cada unha destas celas contará con imáns dipolares para curvar o feixe das partículas, así como imáns cuadrupolares e sextupolares que enfocan e desenfocan este feixe. Estes últimos están contidos nunha subunidade, chamada Sección Recta Corta (Short Straight Section – SSS), que é o obxecto concreto desta proposta. Para esta fin, desenvolverase un banco de probas cun deseño a tamaño real, que será ensamblado e comisionado nas instalacións do propio IGFAE, para ser logo validado no propio CERN.

O retorno industrial, un obxectivo fundacional do IGFAE

Segundo destaca o director do IGFAE, Carlos Salgado, este proxecto “entronca cun dos obxectivos fundacionais do Instituto, o fomento da actividade industrial en tecnoloxías relacionadas coa física de partículas”. A construción deste equipamento para o futuro FCC supón un “proxecto tractor” para Galicia e o seu tecido de I+D+i, tanto na formación científica e técnica como na creación de emprego altamente cualificado. 

O liderado do IGFAE nesta iniciativa é froito da longa colaboración do IGFAE co CERN, que se remonta á última década do século XX. Máis dun terzo do persoal do Instituto está adscrito ao CERN; principalmente, na área experimental a través da colaboración LHCb (á que hai que sumar a recente incorporación a CMS), mais tamén desde a perspectiva teórica.

Neste sentido, as novas instalacións do Instituto, inauguradas en 2025 cun investimento de 5 millóns de euros por parte da Xunta, permitirán establecer nos laboratorios do IGFAE un banco de ensaios para validar os deseños, a integración de sistemas, os materiais e o mantemento e manipulación dos equipos que se integrarán no FCC. Do mesmo xeito, as tecnoloxías desenvolvidas neste proxecto poderían usarse en futuras instalacións experimentais alén do CERN.

Desde o IGFAE coordinarán o proxecto, ademais de Carlos Salgado e Abraham Gallas, o investigador Néstor Armesto (coordinador da estratexia do Instituto para as novas infraestruturas científicas), e o enxeñeiro Antonio Fernández Prieto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia participa no rexistro dos primeiros datos do detector CODEX-beta do CERN

Equipos da UDC e o IGFAE da USC toman parte no desenvolvemento do proxecto, que se centra no estudo das ‘partículas de vida longa’ e a detección de 'sectores escuros'

A física do CERN Mar Capeáns, galardoada coa Medalla Castelao 2026

A investigadora publicou máis de 500 artigos científicos e participa na avaliación de programas de física de partículas a nivel internacional e da Comisión Europea

Un experimento galego explora un cristal de laboratorio para intentar ver materia escura

O investigador do IGFAE Gonzalo Alonso-Álvarez analiza sinais extremadamente débiles en condicións de frío extremo na procura da substancia que conforma o 27% do Universo

Galicia consolídase na elite da física mundial: “Queremos facer un descubrimento relevante”

O IGFAE participará na análise de datos de colisións e na mellora do 'software' do experimento do CERN para optimizar a detección de fenómenos pouco coñecidos