Hai momentos que supoñen puntos de inflexión para as carreiras profesionais. Quizais conseguir por primeira vez un traballo no campo desexado, facer un proxecto con éxito ou, sinxelamente, lograr o primeiro emprego. O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) tamén ten o seu singular punto de inflexión. No ano 2017, a Axencia Estatal de Investigación concedeulle a súa primeira acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, converténdose no primeiro centro de investigación galego en acadar este fito.
E iso cambiouno todo: o recoñecemento traía consigo unha maior achega de recursos e a posibilidade de formar e atraer talento internacional desde Galicia. Chegou logo a incorporación á rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acreditou novamente a calidade e impacto da investigación desenvolvida no IGFAE. E esta nova etapa requiría actualizar a casa. Co apoio da Universidade de Santiago de Compostela e a propia Xunta, que destinou case cinco millóns de euros para as obras, planificouse esta nova sede: un espazo máis amplo e con laboratorios e tecnoloxía de última xeración. A base para afrontar os novos e grandes retos da física de partículas.
Así, a superficie do centro medrou ata ocupar 5.200 metros cadrados de superficie. Por suposto, a obra planificouse tendo en conta o crecemento de persoal que sustenta o traballo científico que se xera aquí: nos últimos anos, o IGFAE pasou de 70 a 140 persoas no seu equipo. Novo equipamento, novos espazos e máis recursos para unha etapa de transformacións, na que algúns proxectos nos que o centro se pretende involucrar precisarán investimentos de miles de millóns de euros.

Anos de transformacións… e oportunidades
“Veñen anos de grandes cambios para a física, nos que se tomarán decisións claves sobre cales serán os grandes proxectos para a década de 2040”, destaca o director do IGFAE, Carlos Salgado. O papel da institución será importante se, por exemplo, desenvolven un novo acelerador da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN). “O mesmo acontece con outras áreas da física, como o da detección de ondas gravitacionais: hai proxectos como o telescopio Einstein no que poderiamos involucrarnos”, asegura. O talento galego (e internacional que chega á comunidade) é sabido que existe. Só precisaban un sitio para deixar ver as súas capacidades. Agora, aseguran que poderán contribuír cunha infraestrutura de máximo nivel.

E así, o pasado 25 de xuño, o centro mixto da Universidade de Santiago (USC) e a Xunta de Galicia, abriu as súas renovadas portas. Aínda que parte da sede estaba nas mesmas dependencias, o cambio é radical. “Os anteriores laboratorios situábanse en espazos que non estaban pensados para tal fin”, considera Salgado. Por iso é destacable a sala limpa de 120 metros cadrados e, ou un laboratorio co que se pretenden explorar unha nova liña de investigación no campo da ciencia e a tecnoloxía cuánticas. Tamén terá un taller de micromecanizado, outro de metroloxía e outro de desenvolvemento de centelleadores, entre outros, lugares dos que partirá a investigación dos próximos anos.
Un IGFAE máis aberta

As novas dependencias eran necesarias máis aló do estritamente científico. A nova sede permitirá ter un mellor fluxo coa xente que vai visitar o centro. “A maiores do crecemento de equipo, queremos tamén fomentar as estadías de persoal doutros países”, explica Salgado. Falamos, por un lado, de científicos, técnicos, expertos e persoal da administración que colabora co centro ou asiste a eventos, pero tamén do público interesado no labor da institución. Este último apartado é importante para o IGFAE: favorecer que a sociedade poida coñecer mellor o traballo que se fai dentro. Especialmente, no ámbito local. “Probablemente siga habendo un certo descoñecemento, debido en parte á limitación que supoñía a anterior sede”, explica o director. Agora, planifican cos novos espazos poder realizar novas iniciativas divulgativas.
Esteticamente, o centro aposta por grandes cristaleiras, e pola renovación dentro dun edificio tan grande como é Monte da Condesa. Con liñas puras e deseño atemporal, pretenden transmitir a imaxe de centro internacional e aberto. “Pensamos que quedou moi ben reflectida na estética arquitectónica”, afirma Salgado.
A internacionalización é un punto crucial do centro: o 25% do persoal procede doutros países. Ademais, un 93% das publicacións teñen coautoría con científicos ou institucións doutras partes do mundo.
O ámbito internacional é, quizais, no que máis destaca o labor do IGFAE. Na última década, parte do seu persoal conseguiu financiamento a través de proxectos de excelencia do Consello Europeo de Investigación (ERC) ou as bolsas Marie Curie da Comisión Europea. Este mesmo ano, recibiu o seu segundo premio Breakthrough (coñecidos como os Óscar da Ciencia), como parte do CERN, ao que está vinculado un terzo do persoal do Instituto.















