Unha física galega acada un dos cargos máis relevantes nun experimento no CERN

María Vieites será coordinadora adxunta do detector de partículas LHCb

A investigadora galega María Vieites Díaz acaba de ser designada como coordinadora adxunta de física no experimento LHCb da Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN). O seu cargo é un dos máis relevantes nesta colaboración, da que forman parte máis de 1.700 persoas, entre persoal científico e técnico. En total, máis dun cento de institucións de 22 países de todo o mundo, incluído o Intituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago (USC) participan nas investigacións que se levan a cabo neste detector de partículas.

A designación de María Vieites Díaz foi anunciada polo coordinador de física de LHCb, o profesor Fred Blanc, da École Polytechnique Fédérale de Lausanne (EPFL). Dende o vindeiro 1 de agosto, e durante dous anos, coordinador e adxunta traballarán de xeito conxunto para organizar as actividades do experimento vinculadas á física. Neste cargo, a galega xogará un papel clave para guiar a axenda científica da colaboración internacional.

Publicidade

Nos fundamentos da física esencial

O experimento LHCb (as siglas de Large Hadron Collider beauty) foi deseñado principalmente para realizar medicións relacionadas co estudo da violación da simetría CP. Este é un feito esencial para comprender as asimetrías entre materia e antimateria, e explicar por que no universo prevalece a primeira sobre a segunda. Entre as responsabilidades da investigadora atópanse a supervisión da análise dos datos, garantir a calidade científica dos resultados e coordinar a comunicación entre todos os equipos internacionais que participan na colaboración. Sobre o seu nomeamento, Vieites Díaz destaca: “Ter sido escollida para este cargo supón unha gran honra para min. Síntome moi ilusionada e con moita enerxía para afrontar os próximos dous anos con esta nova perspectiva en LHCb”.

No IGFAE, Vieites integrarase no programa de investigación do LHCb, onde se centrará na análise dos datos producidos durante o ‘Run3’ (o novo período de toma de datos) e o funcionamento deste experimento. Tamén contribuirá ao desenvolvemento das futuras melloras tecnolóxicas do detector, así como á actualización dalgunhas das medidas das anteriores fases do experimento (Run 1 e 2) que demostraron ser potentes probas da consistencia do Modelo Estándar.

Publicidade

María Vieites (Ribadeo, 1991) estudou Física na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 2019. Especializouse no estudo das diferenzas de comportamento entre a materia e a antimateria mediante a análise de amplitudes en decaementos de mesóns B no experimento LHCb. Posteriormente incorporouse á École Polytechnique Fédérale de Lausanne (EPFL), en Suíza, como investigadora posdoutoral no grupo local da colaboración LHCb, contribuíndo á análise das desintegracións radioactivas de mesóns B. Actualmente, María é persoal investigador (Research Fellow) no CERN.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A fertilidade feminina diminúe coa idade: un 15% en tan só quince años

O CiMUS da USC participa nunha curtametraxe divulgativa que combina ciencia e danza para explicar os efectos de pospor a maternidade

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Físicos advirten dun erro no estudo que vinculaba o cambio de hora con graves riscos para a saúde

Os físicos Jorge Mira e José María Martín Olalla detectan unha localización incorrecta dos condados analizados, o que altera os resultados sobre o desfase circadiano

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais