Os viquingos foron un pobo fero e desapiadado. Polo menos, así é como os describen nas grandes producións audiovisuais e literarias. Esta civilización de navegantes aterra na Cidade da Cultura, que estrea este venres a súa nova exposición adicada á vida deste pobo escandinavo baixo o título Unha vida viquinga. Organizado pola comisaria Irene García Losquiños, investigadora e experta na Idade Viquinga, é un dos proxectos máis destacados do centro cultural de Santiago para 2024. Nel tamén se aborda a relación entre o pobo escandinavo e os galegos, que na primeira metade do século XI se aliaron contra un inimigo común.
A instalación ten arredor de 120 pezas procedentes de museos de historia e arqueoloxía internacionais, e coleccións privadas: dende Suecia, Dinamarca e Francia ata museos españois. Trazando un circuíto a través das estancias, o relato da exposición afonda na vida da Idade Viquinga dende o seu nacemento, infancia, xuventude e madurez, ata despois da súa morte.
Entre os contidos presentados non podía quedar atrás a presenza do pobo galego. A forza da expansión dos viquingos non só chegou a Inglaterra ou Francia, senón que desembarcaron no territorio galego durante varios séculos, a pesar de non ser unha localización na que se asentaran masivamente.
Desmentir as lendas
A exposición procura tamén o afastamento de estereotipos establecidos na cultura popular sobre este pobo. Roubos, morte, destrución, igrexas queimadas e reis enfadados forman parte da historia dos viquingos no folclore. Non obstante, ninguén fala do papel das mulleres como partícipes en campañas guerreiras e de exploración, nin da importancia que tiña a súa hixiene persoal.
Con todo, dende o inicio queren deixar a un lado un primeiro tópico: a imaxinación do mundo viquingo como escuro. “Cando entras, a exposición está chea de cor”, adianta a comisaria Irene García. O pobo viquingo preséntase repleto de contactos culturais, comerciais e a participación a través de roles nestes intercambios.
“A exposición crea unha visión un pouco máis equilibrada da vida viquinga”, asegura. Contémplase o pobo escandinavo dende unha perspectiva “máis humana”, como afirma a comisaria. “Non só roubaban comida, senón que mercaban recursos á xente local”, desmente, aínda que os saqueos non deixaban de ser frecuentes.
En vez de imaxinar os viquingos viaxando só para atacar, “a exposición mostra a verdadeira magnitude dos seus contactos mundiais“. Na sala adicada á xuventude, ordeanda xeograficamente, explóranse estas relacións internacionais. “Integrei Galicia como unha parte do contacto mundial que está no centro destes vínculos”, asegura a comisaria.
As relacións con Galicia: saqueos ou alianzas?
Galicia ten un papel importante na relación cos viquingos, segundo expón García. De feito, é o lugar da península co que máis conexións estableceron. Dentro desta rede, os viquingos accedían a terras galegas a través da ría de Arousa e da ribeira do Ulla. Esta relación móstrase a través de manuscritos e de pezas que forman parte de complexos arquitectónicos.
“Unha forma de ver o impacto foi o investimento que se realizaou na construción de defensas”, explica a experta. Por exemplo, unha placa lítica no complexo da ermida das Torres de Oeste (Catoira) indica que esa edificación serviu para protexerse dos inimigos. Mais a presenza non é só visible a través de evidencias físicas. Un estudo recente suxire que a carga xenética que deixaron as invasións viquingas é un dos factores que pode influír na maior incidencia da esclerose múltiple en Galicia.



Statens Historiska Museer. Foto: Cidade da Cultura

Unha das pezas que recolle a colección é un manuscrito que demostra a chegada dun gran grupo de viquingos a Galicia. Das fontes escritas que reflicten estas relacións, é “a máis longa e que máis detalles dá sobre unha campaña militar extensa”, asegura a experta, mencionando un exército de 100 barcos. Con todo, non todas as interaccións con Galicia foron para saquear, senón tamén colaborativas.
A causa dunha relación a longo prazo, os grupos viquingos aliábanse cos reis e loitaban contra os seus iguais. “Temos evidencia dun grupo de viquingos que se uniron a un noble galego na primeira metade do século XI para enfrontarse a uns tiranos que se asentaron en Lugo”, asegura. Un manuscrito da Catedral de Lugo certifica este suceso, cando o pobo se rebelou fronte ao rei Bermudo III. “Isto cambia as narrativas medievais que só falan da violencia contra os galegos”, afirma.
A expansión como etapa vital
O enfoque de como sería unha vida neste pobo escandinavo a través das súas etapas vitais permite o coñecemento dende unha nova perspectiva. “Combínanse eventos de diferentes décadas e séculos no límite dunha vida”, explica a comisaria, cunha imaxe dos viquingos que vai máis aló da crueldade.
Durante a xuventude, os viquingos saían de Escandinavia con vistas ás relacións internacionais. Galicia contemplou unha expansión deste pobo por todo o territorio, chegando ata O Cebreiro. Cando había presenzas máis lonxevas con moitos barcos, asentábanse en campamentos e dividíanse en grupos. Non só chegaban nas súas valquirias a través dos ríos, senón tamén mediante estradas e camiños. As fontes históricas adoitan recoller a violencia máis que as accións colaborativas que levaron a cabo.
A exposición mostra a súa vida con sutileza. A localización na Cidade da Cultura, asegura a comisaria, trátase do lugar e da oportunidade adecuada. “Este contacto deixou unha pegada en Galicia”, asegura, facendo referencia a un público con ganas de coñecer a súa historia.
Con todo, a comisaria agarda que a saída da última sala, adicada á morte, deixe os visitantes “cunha sensación máis familiar e entendible” sobre como se comportaba o pobo escandinavo. Ademais, engade, que a xente saia “fascinada pola grande cantidade de contactos mundiais, pola súa relixión e os seus rituais funerarios”, para pór o punto final a esta experiencia.















“Un estudo recente suxire que a carga xenética que deixaron as invasións viquingas é un dos factores que pode influír na maior incidencia da esclerose múltiple en Galicia”
“chegaban nas súas valquirias a través dos ríos”
Nunca é tarde para aprender.
So hai unha colaboración na historia, porque foi un suceso puntual, co obxectivo de saquear as riquezas de Bermudo pola dúa parte. Deixade de romantizar as violacións e os saqueos. E non, non consta que houbera vikingos muller, cando as mulleres ían nos barcos era para se asentar nun novo territorio, non para vikinguear. E vikingo non significa escandinavo. Ps vikingos eran xermanoslavos, o mesmo que os godos e os visigodos, vándalos e demáis tolos. Isto de producir revisións históricas para casar mellor co pensamento moderno e gañar pasta, como que é moralmente cuestionábel.