“Este país ten demasiadas historias de amor nos campos. Hai que rabuñar a terra para que saian, para que poidan existir máis”. Esta é unha das frases máis aclamadas polo público da película La Bola Negra, que representará a España nos Premios Oscar. Dirixida pola parella artística de Javier Calvo e Javier Ambrossi, a cinta afonda nunha obra inacabada de catro páxinas escrita polo poeta granadino Federico García Lorca. Neste contexto, sabías que o tamén dramaturgo era un grande apaixonado de Galicia?
Agora, Quique Mauricio, a través do seu proxecto Colectivo Xurelo, trata de recuperar a pegada do escritor na comunidade dende as súas visitas a Pontevedra, a través de actividades para todas as idades e mesmo roteiros polas rúas, museos e cemiterios, como os que se levarán a cabo no mes de novembro pola bautizada como Semana Lorquiana.
Esta é a súa forma de reivindicar a figura do granadino como “poeta galego”, que se consolidou con Seis poemas galegos, un poemario elaborado como unha homenaxe á paisaxe e lingua da terra, escrito entre 1932 e 1934, e publicados en 1935 pola Editorial Nós. Os versos simbolizan o verdadeiro amor de Federico García Lorca por Galicia, que tamén se representa fóra das follas como fiel admirador de Rosalía de Castro, Pondal e Curros Enríquez, así como os poetas medievais galegos e portugueses; e cunha axenda de amizades con celebridades como Maruja Mallo ou Luis Seoane.
Dúas visitas a Pontevedra
Federico García Lorca visita Pontevedra en dúas ocasións. Segundos os rexistros, a primeira vez que o andaluz pisou a cidade foi en agosto de 1932 como director da compañía de teatro La Barraca —á que se fai referencia en La Bola Negra—, unha iniciativa que, segundo Mauricio, permitía achegar o teatro a todo o mundo. O grupo representou os Entremeses de Cervantes na Praza da Estrela, un fito do que aínda non se atoparon imaxes. A constancia desta visita reside en crónicas de Filgueira Valverde e notas do Ministerio de Educación da época.
Volve meses máis tarde, en novembro, a través do Comité de Cooperación Intelectual de Pontevedra, onde Lorca daría unha conferencia arredor da pintora María Blanchard —considerada a mellor exponente entre as artistas do cubismo—. “Nós imaxinamos como daría o relatorio Lorca: era moi perfeccionista, fálase de intervencións moi ben traballadas”, sinala Quique Mauricio. Con todo, nesta visita dá un paso máis aló na súa relación coa vida pontevedresa. Cando chega á estación de tren, agárdanlle uns mozos que escriben para a revista literaria Cristal, que se editaba na cidade.
Así, consiguen que o poeta visite a súa redacción, situada nun faiado do Hotel Méndez Núñez, fronte ao Café Moderno. Unha curiosidade é que lle piden que improvise un poema para a súa publicación; escríbeo pero, anos despois, os galegos serán conscientes de que eran versos xa existentes. “Para nós é considerado o poema pontevedrés de Lorca“, sinala o experto. As crónicas falan de que o dramaturgo vai a casa dos Díaz Herrera —Antonio Díaz Herrera foi o fundador da revista Cristal—, enriba do Café Moderno; alí é convidado a un viño español e toca ao piano cancións andaluzas e galegas.

“Queda bastante da cidade que pisou Lorca”, sinala Mauricio, e explica que, a pesar de que existe un interese crecente pola obra do poeta, hai sete anos, cando comezaron coa iniciativa, xa existía esa curiosidade. “A xente reclama estas actividades e acude a elas”, apunta, sobre todo nunha cidade onde, no ano 1932, vivían grandes figuras galegas como a pedagoga Ernestina Otero, Castelao ou Alexandre Bóveda.
Paseos ilustrados
As visitas de Lorca a Galicia comezan en 1916, cando chega a Redondela como estudante. Segundo Quique Mauricio queda profundamente enamorado de Santiago de Compostela, onde “sinte unha fonda conexión”, e tamén pasa pola Coruña, Lugo, Betanzos e, dende Pontevedra, visita o concello de Poio. Actúa con La Barraca na praza da Quintana de Santiago e tamén en Vigo. De feito, existen imaxes que capturan a Federico García Lorca paseando pola rúa Príncipe da cidade olívica.
Poeta galego

Quique Mauricio explica que o bautizo de Lorca como “poeta galego” é froito dunha conexión, máis aló dunha nacionalidade: “Hai xente que non é galega de nacemento, pero si de sentimento; é o exemplo de Lorca”, sinala. Subliña que é unha figura pouco explotada dende o punto de vista galeg, reivindicando que “se Lorca tivera escrito Seis poemas cataláns, en Cataluña estarían todo o día falando diso”. Así, explica que os galegos temos a sorte de que alguén que estuda a obra do autor en Estados Unidos poida chegar a coñecer un anaco de Galicia a través dos seus poemas: “Fai unha selección dos principais valores da lingua e a paisaxe; por exemplo, cando fala da Coruña, fala dun mar verde“.
Da relación do granadino cos galegos e galegas nacen historias especialmente interesantes que Quique Mauricio conta dende os roteiros organizados por Colectivo Xurelo en Pontevedra: por exemplo, sabías que Maruja Mallo escribiu que Lorca lle roubara o mozo? Segundo os escritos, explica Mauricio, o poeta quedou especialmente afectado tras a ruptura con este home. Unha historia máis que quedou nas súas letras e, sobre todo, baixo a terra.














