Xoves 28 Marzo 2024

José María Navaz: alegría e amor pola vida e a ciencia

O investigador do IEO de Vigo Alberto González Garcés publica unha biografía do que foi director do centro entre 1935 e 1946, e compañeiro de Lorca ou Buñuel

Alberto González Garcés di na súa biografía sobre José María Navaz (Pamplona, 1897, San Sebastián, 1975) que a vida deste investigador foi “case a dunha personaxe renacentista“, que, como dicía Terencio “home son, e nada do humano éme alleo”. Navaz foi director do IEO de Vigo entre 1935 e 1946, sentando as bases de moitas das investigacións que chegaron despois sobre as costas galegas. Pero tamén foi futbolista, pelotari, actor na Barraca de García Lorca e divulgador científico. O profesor González Garcés, investigador do Oceanográfico vigués, acaba de publicar José María Navaz y Sanz. La biología marina y la alegría de vivir, unha biografía sobre a figura do científico. Garcés é tamén autor dun libro sobre Ángeles Alvariño, una das científicas galegas máis salientables da historia.

Conta que pouco lle quedou por facer a Navaz na vida.

Publicidade

No laboratorio da Sociedad de Oceanografía de Gipuzkoa en 1950.
No laboratorio da Sociedad de Oceanografía de Gipuzkoa en 1950.

– Primeiro de todo, era un gran científico marítimo, moi respectado. Pero ao tempo, intentaba chegar a todos os ámbitos do coñecemento e da cultura da mellor maneira posible. Gustáballe coñecer e transmitir, e por iso non só publicaba en revistas científicas, senón tamén en medios de comunicación, tanto xeralistas como especializados. Pensaba que, sobre o que el aprendía e sabía, tamén a sociedade tiña dereito a sabelo.

– Que pegada deixou en Vigo e Galicia?

– El toma posesión da súa praza en novembro de 1935 e convértese en director, e en febreiro de 1936 publica un artigo no Faro de Vigo no que xa deixa patente o percorrido que quere no Oceanográfico. É unha forma de dicirlle á sociedade que el ten un plan, e quere facela partícipe.

Navaz, nas Cíes en 1940.
Navaz, nas Cíes en 1940.

Porén, pouco despois chega a Guerra Civil, que bota por terra moitos proxectos durante moito tempo, pero el fai o que pode: contacta con amigos que teñen barco para que o leven a tomar mostraxes e poder seguir investigando. E cando non é en barco, colle o tranvía, ou percorre as Rías Baixas en bicicleta.

O traballo que fixo foi clave para o que veu despois no estudo dos cultivos de moluscos e das pesquerías de peixes peláxicos, como a sardiña, o bocarte e os túnidos. E tamén desde Vigo foi un dos artífices de atopar novos caladoiros para a frota: coa Segunda Guerra Mundial, os barcos non podían ir a Terranova, e en 1941 organizou a primeira campaña de investigación no banco canario-sahariano, que deu moi bos resultados.

– Deulle o seu nome a un dos barcos máis destacados do Oceanográfico de Vigo.

– Así é; o B/O José María Navaz deuse de baixa hai pouco tempo, desde que se botou nos anos 80, e foi o primeiro barco de investigación con dedicación permanente ao IEO de Vigo, moi importante para a investigación na plataforma continental de Galicia e das Rías Baixas en particular. Foi clave no estudo das  mareas vermellas, e os datos que recolleu valeron de moito para as series temporais coas que hoxe se segue traballando.

– Conta que ademais do traballo, tamén era amante do bo vivir.

Nunha campaña no Cantábrico.
Nunha campaña no Cantábrico.

– Certo. Deixou escrito que despois das longas viaxes en bicicleta arredor das rías, aliviaba as fatigas no Mosquito cun par de nécoras e un vaso de Ribeiro. Ademais gustáballe moito o trato coa xente do mar, os pescadores, os traballadores das lonxas…

– O libro fala tamén da súa paixón pola literatura e o deporte.

– El estuda Ciencias Naturais en Madrid, pero viña dunha tradición familiar (xa que a súa nai era profesora) apegada ao Maxisterio. Tanto el como os seus oito irmáns estudan a carreira para poder ser profesores de Escola Normal. E en 1920, Navaz trasládase á Residencia de Estudiantes, onde vive ata que se vai a Vigo en 1935. E coincide con aquel grupo no que estaban Federico García Lorca, Luis Buñuel, Salvador Dalí ou Severo Ochoa, que alimentou aínda máis a súa paixón polo coñecemento.

Boxeando con Luis Buñuel na Residencia de Estudiantes.
Boxeando con Luis Buñuel na Residencia de Estudiantes.

Cando Lorca crea La Barraca, en 1931, busca actores entre os residentes, e Navaz participa desde os comezos, en obras como Fuenteovejuna, El burlador de Sevilla ou La tierra de Alvargonzález. Tiña moi boa dicción e boa planta, polo que destacaba no elenco, segundo subliñaban algúns compañeiros. Naquel tempo visitou Galicia nalgunhas das representacións.

E no deporte participou, por exemplo, na fundación da Sportiva, un dos xermolos do que hoxe é o Osasuna. Tamén foi pelotari, gustáballe o boxeo (que chegou a practicar con Buñuel), ou a natación. De feito, foi vicepresidente da Federación Galega de Natación cando xa residía en Vigo.

– Subliña que tampouco esqueceu a divulgación.

– Si, sempre estaba disposto a colaborar para achegar o coñecemento científico á sociedade. Non só a través de artigos, senón das moitas conferencias que impartiu. Mesmo aproveitaba as escalas das campañas nas que se embarcaba para falar nas cidades ás que chegaba.

En Vigo recórdase especialmente unha que impartiu en 1949, cando chegou a bordo do Xauen, e que titulou “A pesca do atún con cebo vivo”. Explicou en que consistía esta modalidade, importada de Xapón e os Estados Unidos, e que xa se facía nalgunhas zonas do Cantábrico. Tivo tal éxito que houbo que organizar unha segunda sesión días máis tarde para que puidera asistir máis xente.


A biografía de José María Navaz está dispoñible para a súa descarga en PDF nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

h

Un equipo galego revisa a literatura científica sobre estes eventos dende comezos do século XX ata a data

Máis de 600 persoas mergúllanse na ciencia mariña do CIM

Os obradoiros, as visitas guiadas e os paseos divulgativos en barco tiñan como obxectivo achegar ao público o traballo que realiza o persoal investigador

A galega Elena Ojea gaña o Premio Fundación Banco Sabadell á Sostibilidade Mariña

A investigadora recibe este recoñecemento polo seu traballo sobre a adaptación e transformación dos sistemas socioecolóxicos mariños