As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas

Un estudo liderado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo detectou que as microfibras, diminutas febras procedentes en gran parte de tecidos sintéticos e naturais, son o tipo de microplástico máis abundante nos bivalvos mariños, como mexillóns, ostras e ameixas. O artigo, publicado na revista Marine Environmental Research, identificou microfibras nas principais familias de bivalvos estudadas en todo o mundo. Segundo trasladan dende o IEO, este tipo de moluscos son amplamente consumidos e utilizados como indicadores da calidade ambiental, e resultan especialmente vulnerables a este tipo de contaminación debido á súa forma de alimentación por filtración.

O traballo sinala que, entre as microfibras atopadas, son as febras azuis as máis frecuentes, seguidas das transparentes e as negras. Os polímeros máis comúns son o polipropileno, o polietileno e o poliéster, aínda que tamén aparecen con frecuencia fibras de celulosa rexenerada. Estas últimas, a miúdo consideradas inocuas para o medio ambiente, poden supoñer riscos comparables aos das fibras sintéticas, xa que tamén poden transportar substancias químicas e outros contaminantes.

Publicidade

Necesidade dunha estandarización

Alén da súa presenza xeneralizada, o estudo alerta das importantes diferenzas entre os métodos utilizados para mostraxes, análises e identificacións das microfibras. Estas inconsistencias dificultan a comparación entre estudos e limitan a avaliación real dos posibles efectos sobre os ecosistemas mariños e a saúde humana.

O traballo propón recomendacións para harmonizar os protocolos e reforzar os programas de seguimento co obxectivo de contribuír á protección dos ecosistemas mariños e á seguridade dos produtos do mar. “É necesario estandarizar os métodos de análise para mellorar a calidade dos datos e avanzar nunha avaliación máis sólida dos riscos asociados á contaminación por microfibras”, sinala Jesús Gago, investigador IEO de Vigo e primeiro autor do estudo.

Publicidade

Este traballo forma parte do proxecto FreeLitter-AT, financiado polo programa Interreg do Espazo Atlántico, cuxo obxectivo é mellorar a detección, seguimento e prevención do lixo mariño mediante a combinación de ferramentas tecnolóxicas innovadoras e participación cidadá. Así mesmo, recibiu axudas do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, que forma parte dos Plans Científicos Complementarios para as Ciencias Mariñas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1) e financiado a través da Xunta de Galicia con NextGenerationEU e o fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA).


Referencia: Microfibres and bivalves: A review of their occurrence and analysis (Publicado en Marine Environmental Research)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As capturas de ameixa fina en Galicia caeron un 91% nos últimos 15 anos

A especie de bivalvos enfróntase a enfermidades, a sobrepesca, a competencia con variedades foráneas e o cambio climático

Un estudo alerta do declive de catro peixes migratorios en Galicia: “Ningunha das súas pesquerías é sostible”

Unha investigación recolle datos de 1997 a 2026 e certifica a drástica caída das poboacións de zamborca, lamprea, solla e anguía

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie