Sábado 12 Outubro 2024

“Non queremos alarmar, pero necesitamos medidas para reducir o plástico no mar”

O investigador Jesús Gago, membro do equipo do IEO que analiza os microplásticos na ría de Vigo, alerta da súa presenza “no que comemos e incluso no que respiramos”

O lixo mariño non é unha novidade. Jules Verne foi un adiantado ao seu tempo e xa o mencionaba no seu libro 20.000 leguas de viaxe baixo dos mares. Malia á súa intuición, o escritor francés foi incapaz de predicir un dos grandes retos aos que se enfronta o mar na actualidade: os residuos plásticos. Un material que, cando deixa de ser útil, busca amparo nos océanos. Aboia, afúndese e desintégrase, pero non de todo. E aínda que ás veces non sexa aparentemente visible para o ollo humano, o plástico está aí.

Un equipo do centro do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Vigo acaba de publicar unha investigación na que analiza os micro e mesoplásticos na ría de Vigo en función de diferentes factores, tales como a concentración, a forma ou a composición polimérica. “Atopamos fundamentalmente fibras, que veñen do lavado de prendas, láminas de pintura e filamentos, que son máis ríxidos”, explica o investigador Jesús Gago, un dos participantes no estudo publicado na revista Science of the Total Environment. Porén, o científico recorda que o campo de estudo dos microplásticos é aínda moi recente e hai bastante descoñecemento sobre o seu impacto. “Non queremos xerar alarma social, pero necesitamos que se tomen medidas para reducir a súa cantidade no mar”, apunta Gago.

Publicidade

“Na ría de vigo atopamos fundamentalmente fibras, láminas de pintura e filamentos”

De feito, el non considera que a cantidade de plásticos atopados na ría de Vigo sexa máis preocupante ca noutros puntos da costa galega. “A nosa ría atópase nun estado moi bo grazas á súa dinámica natural. Ao estar aberta ao océano pode renovar toda a súa auga en 15 días”, explica o investigador. Pero o plástico non desaparece, senón que se exporta cara ao Atlántico. É dicir, debido ás características da ría, estes residuos acaban igualmente no mar e continuan a circular polas augas. “Por iso é tan importante que se tomen medidas para reducir a súa presenza”, afirma o investigador.

Cada vez son máis as iniciativas que mostran como podemos diminuír a uso deste material no día a día con pequenos xestos e pequenos cambios. Sobre todo, porque unha gran parte destes residuos acaba no mar. “A contaminación por plástico é o problema máis visible, pero hai moitos máis”, asegura Gago. O investigador explica que isto ten un forte impacto visual e mediático que non conseguen acadar outras ameazas. “Se ves unha balea con 60 kilos de plástico no estómago sabes cal foi o problema. Se atopas outro animal morto sen causa aparente, sería moi complicado atribuír este suceso á radioactividade, por exemplo”, apunta.

Publicidade

“Case todas as semanas”. Esa é a frecuencia coa que Gago estima que aparecen animais varados ou mortos nas praias. Focas afogadas ou tartarugas atrapadas en arandelas. As súas imaxes son impactantes e chegan aos medios, funcionando como alerta social. Porque se algo caracteriza ao plástico, é que non entende de tamaños. “Un tanque ou bidón poden danar a unha balea ou a un delfín. Pero un plástico de 5 milímetros tamén pode asfixiar a un organismo cun tracto dixestivo pequeno”.

“O plástico impacta cando ves unha balea con 60 kilos no estómago”

Pero Gago é contundente: o plástico está en todas partes, non só no mar. “Hai anos fixeron un experimento bastante básico. Analizaron as feces de persoas e no 90% delas atoparon residuos plásticos”, indica o investigador. Esta afirmación úsaa para reforzar un argumento de peso: este material non só está no mar, tamén na auga da billa, na cerveza ou no mel. “Está presente en todos os produtos que consumimos”, explica Gago. “E non está só no que comemos, tamén no que respiramos”, apunta. De todas formas, o científico insiste na necesidade de non caer no alarmismo. “Fan falla máis estudos. Que o plástico sexa o problema máis visible non significa que teña máis impacto na saúde humana”, explica.

As fibras e as láminas de pintura son os microplásticos máis comúns na ría de Vigo

Tomar medidas

Aínda así, o plástico é unha ameaza. E por iso é tan necesario que se tomen medidas. “Eu non estou en contra do plástico pero é evidente que hai que xestionar este material con máis lóxica”, explica. O investigador cre que as pautas para a redución deste tipo de residuos son fáciles de tomar e moi variadas. El baralla, entre outras, a posibilidade de encarecer determinados produtos para instar a consumir aqueles que son menos contaminantes. “Nos paquetes de sal sempre hai un de plástico, máis barato, e outro de papel, máis caro. Por que non alzas o prezo do primeiro?”, pregunta Gago. O investigador do IEO insta a pensar nas consecuencias deste material a medio e longo prazo. “Un vaso de plástico é barato, pero valo tirar no seu primeiro uso. Un vaso de vidro é máis caro, pero cantas veces o vas utilizar?”.

“Non se trata de estar en contra do plástico, senón de xestionalo con lóxica”

Gago tamén louva as iniciativas individuais, pero cre que non son as únicas que se teñen que tomar. Pide aos gobernos e administracións que regulamenten mellor o uso dos plásticos e fagan análises do ciclo de vida deste material nos produtos que consumimos. “A única medida que se tomou foi cobrar polas bolsas nos supermercados, pero 5 céntimos non son suficientes para reducir o seu uso”, apunta o investigador. Outro dos aspectos que Gago considera fundamentais para diminuír o uso deste material é fomentar a economía circular dende un principio.Non só é ir recoller estes residuos no fondo do océano, senón deseñar os materiais para que, dende un principio, teñan un fin de vida adecuado”.

Gago tamén incide na crise do coronavirus, que incrementou o uso dos plásticos. “Debido á pandemia, creouse unha psicose colectiva de que non se pode tocar nada. Iso fai que todo estea empaquetado”, apunta o investigador. Mais este non é o único problema ambiental que se deriva desta crise sanitaria. “As máscaras aparecen tiradas en calquera lado, ben porque voan ou porque as abandonan”, apunta Gago. E, como non podía ser doutra maneira, tamén acaban no mar. Por desgraza, isto tampouco o soubo predicir Verne.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

2 COMENTÁRIOS

  1. Mentras o plástico sexa un dos Grandes Negocios das Grandes Superficies malamente imos eliminalo das nosas vidas. É a mesma lóxica do tabaquismo: primeiro creas un produto aditivo e o vendes con grandes ganancias, logo incrementas os prezos vía impostos directos sobre as labores do tabaco (Facenda recada o 80% do prezo de cada paquete de tabaco e estes impostos especiais son transferidos rápidamente ás Comunidades Autónomas). O resultado é que o paquete de tabaco sigue aumentando de prezo (4,75 €) e ninguén ELIMINA o tabaco das nosas vidas porque é un enorme negocio público: arredor de 9.000 millóns ao ano.

    O mesmo camiño leva o aumento do prezo da bolsa de plástico nas Grandes Superficies (agora xa estamos pagando 15 céntimos por bolsa, é dicir 25 pesestas por bolsa!) cando antes “regalaban bolsas” para facer promoción comercial vía publicidade hoxe cada bolsa é o ben máis preciado en cada caixa do Supermercado: “Quere bolsa” ? Por non falar da inmensidade de plásticos que levamos para casa cada día (eses non teñen que pagar nada!) pero o consumidor final é o único imbécil ao que se lle cobra todo o que a Gran Industria decide que teñen que pagar para que eles sigan envelenando o Planeta ?

    Esta lóxica perversa nos leva por un camiño totalmente equivocado !
    http://gamela00.blogspot.com/2020/03/plastico-el-gran-negocio.html

  2. Grazas! Excelente artigo. Lamentablemente nin en Galicia nin no resto do estado temos conciencia dos problemas que causan os plásticos e os compostos químicos que levan. Coma en todo, ata no mapa, estamos á cola de sensibilización ambiental. Debería ser unha materia básica imprescindible na educación en tódolos ámbitos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:36

Científicos de Vigo empregan drons para estudar a saúde do rorcual nas Rías Baixas

A campaña RorquGAL pretende caracterizar xenéticamente á poboación galega destes cetáceos

O traballo silencioso da muller galega no mar: “Non facían dobre, senón tripla xornada”

A investigadora da USC Luisa Muñoz Abeledo publica un libro para honrar os labores femininos, que supoñían o 30% dos ingresos familiares

Achada unha nova especie de esponxa na Ría de Arousa

O Instituto Español de Oceanografía e o Grupo de Estudo do Medio Mariño de Riveira publicaron o descubrimento

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia