Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz

Na década de 1940, comezáronse a fabricar os “contaminantes eternos”, coñecidos cientificamente como PFAS, substancias perfluoroalquiladas e polifluoralquiladas. O seu nome procede da súa característica físico-química máis relevante: son froito dun enlace entre carbono e flúor, un dos máis fortes no eido da química e cunha gran dificultade para degradarse no medio —de aí o adxectivo “eternos”—. Agora, un novo estudo liderado polo Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC), presentado na 16th International Conference of Molluscan Shellfish Safety (ICMSS 2026) en Exeter (Reino Unido), estuda a contaminación por PFAS en toda a costa atlántica peninsular —dende Francia ata o Golfo de Cádiz— e nas Illas Canarias a fin de determinar o seu impacto no medio mariño. Entre os resultados, destaca Vigo, o enclave onde se rexistraron concentracións máis elevadas deste contaminante que en Bilbao, superando os nanogramos por mililitro aceptados.

Con todo, a metodoloxía é curiosa: o equipo toma mostras a través de moluscos. “Mexillóns, lapas ou ostras úsanse dende hai décadas para medir a contaminación no mar”, explica a investigadora do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) Lucía Viñas, primeira autora do artigo. Son sésiles —permanecen fixados nun lugar durante a maior parte da súa vida, sen capacidade de desprazarse por si mesmos— e permiten coñecer a contaminación que captou o organismo nos últimos meses. Ademais das vantaxes biolóxicas, tamén presentan outras técnicas, como facilitar o traballo dos químicos, que en vez de recoller centos de litros de auga, atopan nos moluscos unha primeira aproximación sobre a acumulación destes químicos eternos.

Publicidade

Así, os niveis permitidos de PFAS dentro da regulación establecida dependen do umbral que se escolla: por unha banda, o consumo humano ten un límite de inxesta semanal 4,4 nanogramos por quilogramo de peso corporal, segundo a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFA); por outro, os estándares ambientais ambientais en biota non deben superar os 0,077 µg/kg en peso húmido como equivalentes de PFOA. En Vigo, estanse a atopar cifras próximas a 0,1 µg/kg, o que significa que se debe de empezar a vixiar a situación na costa. “A nivel ambiental comeza a ser preocupante, algo que non ocorre dende o punto de vista da saúde humana”, explica Viñas.

Datos esencias dos PFAS

A causa da súa condición “eterna”, os PFAS son tóxicos para os ecosistemas mariños e poden afectar á saúde da poboación como disruptores endocrinos, alterando o sistema hormonal tanto humano como animal. “Agora son cantidades pequenas, pero hai un problema: van ir acumulándose co tempo“, sinala, xa que é un elemento que perdura no mar. Pero, cal é a súa orixe?

Publicidade

Estas substancias poden usarse para aplicacións concretas ou como produtos secundarios doutras fabricacións. Por exemplo, cando se fabrica teflón, os PFAS aparecen como substancias secundarias; pero tamén para producir manteis antimachas, espuma de extintor e mesmo roupa waterproof. Con todo, existe un problema para a súa regulación: trátase dunha gran familia de compostos, polo que mentres algúns deles son prohibidos pola súa capacidade contaminante, as empresas comezan a empregar outros que aínda non se restrinxiron ou que están suxeitos a medidas menos estritas.

Mostraxe de mexillón. Foto: IEO-CSIC
Mostraxe de mexillón. Foto: IEO-CSIC

Variacións na metodoloxía

Os investigadores e investigadoras involucrados neste proxecto tomaron mostras de moluscos, pero non sempre da mesma especie. Lucía Viñas explica que normalmente o favorito adoita ser o mexillón, sobre todo en Galicia. Con todo, está a desaparecer doutros enclaves costeiros, polo que cando non atopan esta especie, como lles aconteceu no País Vasco, substitúenno pola ostra; e, cando non hai ostra, como foi o caso do Golfo de Cádiz, recollen mostras de lapas para medir as concentracións de PFAS. Este feito esperta incógnitas: “Aínda non sabemos se o mexillón capta máis concentracións de PFAS que as ostras; esta é unha primeira fotografía, temos que seguir investigando”, subliña a investigadora do IEO-CSIC.

Pero cada avance continúa a descubrir novas facetas destas substancias contaminantes: algúns compostos son máis solubles en auga, e outros, en graxa. Baixo este paraugas, o equipo concluíu que tamén se poden atopar concentracións en postos máis elevados da cadea trófica, como no fígado ou no sangue dos peixes. En caso dos mamíferos mariños, poden acumularse mesmo na capa de graxa da súa pel.  

Cales son as consecuencias?

Entre as principais hipóteses que se barallan para dar explicación a que Vigo sexa o enclave costeiro analizado con máis concentración de PFAS está a súa condición: “É unha cidade inmersa nunha ría, onde existe unha maior tendencia á acumulación que en mar aberto; súmanse a súa industria e o tráfico marítimo“, sinala Lucía Viñas.

A raíz disto, a investigadora explica que atopar altas concentracións de contaminantes eternos preto de aeroportos ou onde se realizan ensaios para apagar lumes é o habitual, así como en zonas de residuos urbanos. “Atoparemos FDAS sempre que exista actividade humana”, sinala, a causa das súas múltiples aplicacións.

Pero, ademais do ambiental, tamén interesa saber que lle ocorre ao organismo cando entra en contacto con estas substancias que, a través dos moluscos, xa forman parte da cadea alimentaria. Estudos recentes falan de efectos negativos sobre o sistema inmunitario, aumento dos niveis de colesterol, supresión da resposta de anticorpos a longo prazo para algunhas vacinas e mesmo poden causar hipertensión. Con todo, Viñas incide en que os niveis de concentración rexistrados en Galicia aínda non son preocupantes para a saúde humana.

A investigadora Lucía Viñas, acabada de chegar dunha campaña oceanográfica a bordo do buque Ramón Margalef. Foto: IEO-CSIC
A investigadora Lucía Viñas, acabada de chegar dunha campaña oceanográfica a bordo do buque Ramón Margalef. Foto: IEO-CSIC

A necesidade de investigación

“Os contaminantes eternos están aí, entrando na cadea trófica; temos que comezar a vixilancia”, advirte a investigadora do IEO. Así, os científicos realizaron esta primeira fotografía da situación en toda a costa atlántica peninsular que permite responder a moitas preguntas, pero non a todas. Por iso, algúns dos vindeiros obxectivos son estender a mostraxe a máis especies e afondar en como comparar os resultados entre moluscos.

Este estudo realízase nun contexto de colaboración entre o Instituto Español de Oceanografía e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que insiste en levar a cabo este tipo de investigacións periodicamente para manter un control sobre os PFAS pola regulación lanzada dende a Comisión Europea. “Non é un só estudo moi grande, senón que se vai repetir anualmente”, conclúe Lucía Viñas.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un ciclo de divulgación científica leva a investigación sobre Galicia a seis vilas do Camiño de Santiago

A iniciativa de Observer ‘Camiños de Ciencia’ celebrarase entre setembro e novembro con charlas gratuítas arredor da arqueoloxía, xeoloxía ou astronomía

Galicia activa un programa para mellorar a vixilancia da infección pulmonar causada pola lexionela

A Consellería de Sanidade, a USC e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica analizarán as cepas da bacteria para facilitar a detección de posibles gromos

Que di o teu apelido sobre a túa orixe? Descúbreo neste mapa de Galicia

Unha ferramenta do Instituto da Lingua Galega permite consultar en liña a distribución dos sobrenomes no territorio a partir de datos do censo de 2001

Sete anos de ciencia e innovación: estes foron os gañadores nas últimas edicións dos Premios Zendal

A convocatoria de 2026 permanece aberta ata o vindeiro 20 de setembro e repartirá 65.000 euros entre proxectos de saúde humana e animal