Unha xornada trae a Santiago o debate sobre os “químicos eternos”

O evento, organizado por Feuga, celebrarase na sede da fundación o xoves 4 de decembro a partir das 9.30 horas

Os PFAS son coñecidos popularmente como os “químicos eternos”. Son substancias presentes nunha gran cantidade de produtos industriais e de consumo que poden permanecer durante décadas na auga, no solo, nos ecosistemas e nos organismos vivos. E si, supoñen un risco para a saúde humana e tamén para o medio ambiente. Cos “químicos eternos” no centro do debate, Feuga organiza este xoves 4 de decembro na súa sede en Santiago un encontro para analizar a situación científica e lexislativa destas substancias. O evento pretende crear un diálogo entre ciencia, administracións públicas, industria e sociedade para pasar á acción.

O encontro arrincará ás 9:30 horas coa benvida institucional, e continuará ás 10 horas coa presentación da Estratexia Transnacional de PFAS no Espazo SUDOE da man dos investigadores Ana B. Pereiro e João M. M. Araujo da Universidade Nova de Lisboa. A partir das 10:30 horas celebrarase un relatorio sobre as ferramentas de xestión do risco dos PFAS con Albert Serra, investigador de CETAQUA. E a primeira parte da xornada rematará da man de Eva Samblás, técnica de proxectos en Medi XXI GSA, cunha sesión temática sobre os “químicos eternos” no sector forestal, onde analizará cales son os seus riscos e as súas estratexias de mitigación.

Publicidade

Dúas mesas redondas

Ás 11:30 horas celebrarase a primeira mesa redonda do encontro, que xirará arredor das perspectivas científicas e institucionais fronte aos desafíos dos PFAS. Participarán José Benito Quintana, catedrático do departamento de Química Analítica da Universidade de Santiago (USC); Beatriz Piñeiro Lagos, coordinadora da Estratexia de Economía Circular do Sergas; e Gilles Mailhot, profesor e investigador na Université Clermont Auvergne.

A segunda mesa redonda comezará ás 12 horas e centrarase nas políticas públicas e de goberno no espazo SUDOE. Contará con Luís Simas, consultor senior na Entidade Reguladora dos Serviços de Águas e Residuos (ERSAR); Juan Picos, investigador da Universidade de Vigo; e Almudena Gayol Álvarez, xefa de servizo de Xestión e Explotación da Auga do Principado de Asturias.

Publicidade

Ciencia aberta para pasar á acción

O programa do evento continuará cunha sesión especial sobre ciencia aberta, datos e vixilancia dos PFAS en Europa, que impartirá Luc Martinon, do PFAS Data Hub, a plataforma europea sobre a contaminación polos “químicos eternos”. O encontro pecharase coas conclusións e os próximos pasos a dar da man de Ana B. Pereiro e João M. M. Araujo.

Os PFAS constitúen na actualidade un dos grandes desafíos científicos e ambientais. En Europa, a contaminación por químicos eternos está especialmente presente en aeroportos, instalacións militares, zonas industriais e áreas urbanas. O cambio climático tan só agrava unha situación xa de por si preocupante, sobre todo pola intensificación dos incendios en zonas urbano-forestais. Lumes como os que asolaron Galicia este verán supoñen un reto á hora de xestionar a contaminación polos “químicos eternos”, dado que a combustión de certos materiais —como téxtiles, mobles e electrónica— pode introducir PFAS na contorna. Ante esta situación, é máis importante ca nunca poñer estas substancias e a súa xestión sobre a mesa e pasar da ciencia á acción.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea novos alimentos a partir dos excedentes da industria láctea e das castañas

Sueroval é un grupo operativo no que empresas e centros de investigación elaboran un aditivo de alto valor a partir de subprodutos do sector agrogandeiro

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade

Máis eficiente e sostible: así funciona o sistema galego que optimiza o uso do xurro como fertilizante

O proxecto Purinpreciso mide o nivel de nutrientes que require o solo en tempo real para adaptarse ás necesidades de cada explotación

Dos incendios ao mar: Galicia converte a cooperación territorial nunha ferramenta fronte a grandes retos

Máis de 60 asistentes participan en Santiago nunha xornada organizada por Feuga que reuniu proxectos europeos sobre lumes, innovación, sostibilidade mariña e turismo