Bólido ou avión? O misterio do falso meteoro que cruzou o ceo da Coruña

Un artigo asinado por varios autores, entre eles o astrofísico Josep M. Trigo, introduce o termo "pseudobólidos" para englobar aqueles fenómenos que aparentan ser fragmentos de asteroides

É un bólido? É un avión? É… O misterio comezou na tarde do martes 2 de decembro, cando un vídeo gravado por Andrés Silva Borrego chegou á redacción de GCiencia. O usuario, mentres paseaba polo Paseo Marítimo da Coruña, quedou abraiado ao ver no ceo un suposto meteoro pouco despois das seis da tarde. Pero non deixemos levar pola emoción espacial. Consultamos de inmediato a Josep M. Trigo, astrofísico do Instituto de Ciencias do Espazo (CSIC-IEEC) e da Rede de Investigación de Bólidos e Meteoritos (SPMN), e o veredicto foi rotundo: non era un bólido, senón simplemente un avión visto dende unha perspectiva peculiar co solpor de fondo. “É un erro común”, explica o experto.

Este tipo de obxectos que nos fan alzar a vista e dubidar reciben o nome de pseudobólidos. É o termo co que os científicos agrupan todos eses fenómenos que, por un instante, se fan pasar por auténticos fragmentos de asteroides.

Sobre este tema trata o artigo firmado por Josep M. Trigo, Jordi Llorca, José Ángel Docobo, Saúl Blanco e Óscar A. Rodríguez, cunha lista de impostores: ademais dos avións e as súas estelas, tamén figuran satélites artificiais, globos meteorolóxicos ou mesmo algún experimento de carácter militar.

Por que se “disfraza” o avión?

As estelas que deixan as aeronaves poden provocar confusión tanto entre as persoas que as observan a simple vista como nos propios medios de comunicación. A clave está na luz e na hora do día en que se produce a observación. Ao amencer e ao solpor, cando os raios solares chegan unha inclinación moi baixa, o ceo pode converterse nun xogo de ilusións.

Publicidade

A razón é sinxela: aínda que a iluminación na superficie terrestre é feble a esas horas, os avións voan a altitudes moito maiores, onde o Sol segue a brillar con forza. Isto fai que o vapor de auga e os gases de combustión expulsados polos motores, a famosa estela de condensación, se iluminen dun xeito intenso.

O resultado é que o avión e a súa traza poden adquirir unha aparencia semellante á dun bólido entrando na atmosfera: unha liña luminosa que avanza con rapidez polo ceo.

Pautas para identificar un bólido

No mesmo artigo, os autores indican en que deben fixarse as persoas para recoñecer se un fenómeno no ceo é un bólido. As pautas céntranse en cinco criterios principais: duración, traxectoria, brillo, sons, e data e hora de aparición.

Os bólidos poden durar dende un segundo ata 5 ou 10 segundos, raramente máis. Algúns deixan estelas persistentes que poden permanecer visibles durante varios minutos. Ademais, caracterízanse por seguir traxectorias bastante rectilíneas, cun núcleo brillante e unha cola máis tenue. En ocasións, fragméntanse en varios trozos, dando lugar a múltiples núcleos luminosos. O seu brillo, superior ao dos planetas, permite recoller información útil sobre o fenómeno.

Tamén poden producir sons. As fragmentacións poden acompañarse de pequenas explosións, que ás veces se escoitan con certo retraso de varios segundos ou minutos. Os bólidos son máis frecuentes cando a Terra atravesa enxames meteóricos, aínda que a maioría dos grandes bólidos son imprevisibles e aparecen de forma inesperada.


Podes ler o artigo Bólidos: cómo estudiarlos y distinguirlos de otros fenómenos luminosos na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O ceo énchese de luz: un novo bólido ilumina a noite en Galicia

O meteoro especialmente brillante foi avistado dende cidades como Vigo, Santiago ou Ourense, nunha xornada na que se rexistrou unha elevada actividade destes obxectos astronómicos na península

Por que as auroras boreais se ven de cor rosa en Galicia?

O fenómeno, ligado aos arcos aurorais SAR, é un reflexo afastado das luces polares que se producen nas altas latitudes, por riba dos 240 quilómetros de altura

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas
00:00:30

Vídeo completo do ‘superbólido’ que cruzou o Atlántico e se viu dende Galicia

As cámaras do portal solpor.eu captan o proceso de desintegración do meteoro dende cabo Fisterra