Que avións pasan agora mesmo polo ceo galego? Descúbreo neste mapa en 3D

A ferramenta Air Loom permite consultar en tempo real rutas, altitude e velocidade das aeronaves que atravesan Galicia

Agora mesmo, un voo de Ryanair co código RYR72SC, procedente da cidade de Faro, no sur de Portugal, diríxese cara ao aeroporto de Stansted, en Londres. Esta información pódese coñecer grazas á páxina web Objective Nuclear, que alberga un proxecto chamado Air Loom, un rastreador de voos e visualizador de espazo aéreo en 3D. Combinado con FlightRadar24, o usuario pode acceder a datos detallados sobre todos os voos que sobrevoan a súa cidade en tempo real.

A diferenza dos radares convencionais, esta ferramenta emprega datos ADS-B en tempo real para proxectar as traxectorias dos avións nunha contorna tridimensional sobre mapas satelitais. Deste xeito, permite consultar información como a altitude, os patróns de espera ou a maneira en que as aeronaves entran e saen dos aeroportos, algo especialmente complexo de coñecer nestes momentos pola chegada da borrasca Joseph á comunidade.

Publicidade

A plataforma, ademais de amosar os traxectos, ofrece dúas funcións principais: por unha banda, a opción de seguir un avión durante todo o seu percorrido (Flight Following); pola outra, o Surf Mode, que permite cambiar automaticamente a outro voo cando o que se está a seguir aterra.

Galicia e illas británicas

Son sete os voos que no momento de elaborar esta información trazan a súa traxectoria sobre o ceo galego, aínda que só dous deles teñen como destino un aeroporto da comunidade. Por unha banda, un voo Madrid – Vigo da compañía Air Europa, que xa aterrou en Peinador; pola outra, un voo de Vueling procedente de Barcelona, con chegada ao Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

Publicidade

Con todo, son as illas británicas as que concentran o maior fluxo sobre Galicia. Ademais do voo RYR72SC, dous traxectos máis da compañía low cost Ryanair conectan Portugal con Inglaterra: un de Oporto a Birmingham e outro de Faro a Manchester. A estes súmase un voo da aeroliña Air Lingus, que traslada pasaxeiros dende Dublín ata Lanzarote, atravesando o interior de Galicia.

Non obstante, non sempre é posible obter información completa de todos os voos, especialmente cando se trata de jets. É o caso do voo N203JE, un Bombardier Global 7500 con matrícula estadounidense, considerado un jet executivo de longo alcance. No momento da consulta, voaba a unha altitude de 19.325 pés (5,6 km), a unha velocidade de 713 km/h e cunha orientación de 175o, o que indica un rumbo case cara ao sur. Esta é a información á que se pode acceder grazas á ferramenta Air Loom, mesmo sen necesidade de complementar os datos con plataformas como FlightRadar24.


Podes consultar Air Loom de Objective Unclear na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia