A bacteria Xylella fastidiosa preocupa en Europa. O patóxeno, que afecta unha longa lista de especies vexetais, pon en xaque a produción de cultivos clave para a economía comunitaria como os cítricos, as vides e as oliveiras. Moitas árbores e plantas enferman gravemente e incluso morren tras a infección, pero outras tantas son asintomáticas, o que complica a detección precoz da bacteria e a súa posterior erradicación. Co obxectivo de evitar unha propagación aínda maior do patóxeno, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) actualiza periodicamente a súa base de datos sobre plantas hóspedes de Xylella fastidiosa. No seu último informe eleva a cifra a 728 especies afectadas.
Segundo explican dende a institución europea, o número de hóspedes pode variar en función dos métodos de detección. Se foi diagnosticada a infección con dúas ferramentas diferentes ou con unha de gran robustez científica, como a secuenciación e o illamento en cultivo, o número de especies hóspedes descende ata as 464, con 210 xéneros e 71 familias afectados. Non obstante, se se teñen en conta todas as árbores e plantas que deron positivo en Xylella fastidiosa, independentemente do método empregado, a cifra acada as 728 especies, os 319 xéneros e as 91 familias. O informe subliña, ademais, a identificación dunha nova planta hóspede: Carya carolinae-septentrionalis, infectada de forma natural en Estados Unidos, de onde se cre que é orixinaria Xylella fastidiosa.
Distribución europea
A vixilancia estrita desta bacteria, considerada organismo de corentena pola Unión Europea, vai encamiñada a evitar a súa rápida expansión polo continente. A primeira detección rexistrouse en Italia en 2013, onde arrasou con plantacións de oliveiras de máis de 500 anos. A súa distribución actual xa abrangue Francia, Portugal e España. Neste último, está presente nas illas Baleares, en Alacante e en Estremadura. Malia que non se detectou oficialmente en Galicia, preocupa a súa fronteira con Portugal, onde a bacteria xa se detectou en gran parte do centro e norte do país e a tan só 50 quilómetros da Raia. A globalización, como xa aconteceu co pandemia humana por SARS-CoV-2, é un dos principais desafíos que abre a loita contra a bacteria.
Co obxectivo de evitar unha maior propagación da Xylella fastidiosa, Europa obriga os Estados membro a facer inspeccións anuais para detectar precozmente a bacteria. Dende a Consellería de Medio Rural da Xunta aseguran que existe un protocolo de prospección en Galicia, tal e como esixe Europa. Segundo as explicacións do departamento, os traballos de mostraxe realízanse, sobre todo, nas zonas lindeiras con Portugal. As plantas escóllense por azar e tamén aquelas que estean envellecidas ou pouco coidadas. As inspeccións consisten na observación visual dende a primavera ou principios de verán, e ata comezos de outubro, cando as temperaturas son axeitadas para a manifestación de síntomas.
A enfermidade de Pierce na vide
Hai algunhas especies vexetais máis vulnerables á Xylella fastidiosa. Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pode causar a enfermidade de Pierce na vide, a clorose variegada nos cítricos, o phony peach no pexegueiro, o escaldado na ameixeira, o queimado de follas noutras leñosas e o ananismo da alfalfa. De todos eles, o cultivo que máis preocuparía en Galicia pola súa extensión, particularidade e valor económico é a vide. Así o sinalaba nunha peza publicada recentemente en GCiencia Cristina Cabaleiro, profesora da área de Produción Vexetal na Universidade de Santiago (USC).
Malia que provoca distintos tipos de enfermidades en función do cultivo, a Xylella fastidiosa ten un mesmo modo de actuación: afecta o xilema das plantas, o tecido que transporta auga e sales minerais dende a raíz ata as follas. A bacteria coloniza o sistema vascular dos vexetais, polo que interfire na hidratación e nutrición da planta. Por iso algúns síntomas da infección son pouco específicos e recordan á seca. Amais disto, o patóxeno propágase a través duns insectos vectores que se alimentan do xilema.
Segundo explican nun artigo publicado en The Conversation, a enfermidade de Pierce está provocada por unha cepa dunha subespecie da bacteria: Xylella fastidiosa fastidiosa. “A doenza foi descrita a finais do século XIX en California. Dende entón foi unha ameaza para as vides, causando perdas millonarias cada ano. Actualmente a enfermidade é endémica en Estados Unidos e causa un problema significativo para a súa viticultura“, sinalan no artigo, asinado por Álex Giménez Romero e Manuel A. Matias, investigadores do Instituto de Física Interdisciplinar e Sistemas Complexos (UIB-CSIC).
Ante a ameaza, vixilancia. Esa é a mensaxe que transmite Europa e a mesma que deben replicar os países membro. A Xylella fastidiosa está a poñer en xaque numerosos tipos de cultivos, sobre todo nas rexións mediterráneas, pero tamén nas atlánticas. A rápida expansión por Portugal, sobre todo no norte, fai saltar as alarmas en Galicia. De feito, chegou a Estremadura a través do país veciño. Non existen tratamentos dispoñibles que curen as plantas enfermas, polo que a detección precoz e a actuación rápida e coordinada son a mellor forma de frear Xylella fastidiosa.














