A perigosa bacteria que ataca os vexetais, ás portas de Galicia: “Non estamos preparados”

A 'Xylella fastidiosa' identificouse en case 600 especies e pode causar enfermidades graves e morte en oliveiras, cítricos, vides, froiteiras de óso e plantas ornamentais

Unha das bacterias máis perigosas do mundo para os vexetais. Así define a Comisión Europea a Xylella fastidiosa, un patóxeno identificado en máis de 595 especies e que pode causar graves enfermidades en oliveiras, cítricos, vides, froiteiras de óso como as cerdeiras e plantas ornamentais. Os seus efectos poden ser devastadores, como aconteceu en Italia, onde arrasou oliveiras de máis de 500 anos a unha velocidade récord. Tamén chegou a España e está presente en Alacante, Baleares e Estremadura. Pero Galicia, que permanece oficialmente libre da bacteria, mira con preocupación ao norte de Portugal. A Xylella fastidiosa xa se detectou a uns 50 quilómetros da fronteira e a preocupación da comunidade científica é máxima: “Non estamos preparados”.

Esas son as palabras de Fernando Lago, que está a realizar o seu doutoramento sobre a bacteria. A súa visión do asunto coincide plenamente coa da súa directora de tese, Cristina Cabaleiro, profesora da Universidade de Santiago (USC) na área de Produción Vexetal. “Coa bacteria tan preto da fronteira, o raro é que non estea xa en Galicia”, asevera a investigadora. Lago centra o seu traballo na identificación de especies resistentes, mais o único que atopou ata o de agora son novas hóspedes. Esa é unha das claves do perigo da Xylella fastidiosa, xa que pode afectar centos e centos de especies sen que estas mostren síntomas. Isto complica a súa detección precoz, facilita a súa propagación e dificulta, aínda máis, a súa erradicación.

Publicidade

Para frear a súa propagación e evitar a súa chegada a lugares libres do patóxeno, como Galicia, a Consellería de Medio Rural segue un protocolo de prospeccións para a “recollida de mostras e a realización de análises dos vexetais de plantación”. Para a sondaxe elíxense os lugares con máis risco, como é a fronteira con Portugal, así como os operadores que reciben material vexetal de lugares onde está a bacteria. Despois escóllense as plantas ao azar ou aquelas que mostren signos de abandono e escaso coidado. Ponse especial atención na vide, nos cítricos e na oliveira. Tras a inspección visual e a toma de mostras, Medio Rural derívaas ao Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (LAFIGA) e ao Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal e Hixiene.

“O risco no norte de Portugal, igual que en Galicia, é que non hai recuncho sen vexetación. Por exemplo, pode infectar as lavandas e os romeiros, que son plantas silvestres moi frecuentes. Como non dá síntomas, é case imposible facer mostraxes. Non podemos vixiar cada metro de fronteira”, explica Cabaleiro, quen expón sobre a mesa as dificultades á hora de frear a propagación da bacteria. Ás infeccións latentes que causa en centos de especies hai que sumar outro factor que complica aínda máis a súa xestión: o seu vector son unha grande cantidade de insectos. “É a tormenta perfecta”, define a investigadora da USC.

Publicidade

Como afecta?

A Xylella fastidiosa pode ser letal para algunhas especies, como aconteceu coas oliveiras italianas, ou causar unha brusca caída da produción noutras árbores froiteiras. “A bacteria coloniza o sistema vascular das plantas. Crea unha película para adherirse aos vasos do xilema, o tecido que transporta auga e sales minerais dende a raíz ata as follas. Tapónao, obstrúe o fluxo e a planta acaba deshidratándose”, explica Fernando Lago. É por iso que as especies sintomáticas adoitan mostrar sinais de carencia de nutrientes e seca. É dicir, uns trazos pouco definitorios que complican aínda máis a identificación da bacteria.

Segundo explican dende o Ministerio de Pesca, Agricultura e Alimentación, os síntomas varían considerablemente dunha especie a outra. Pero, en xeral, as afectadas murchan, mostran decaemento xeneralizado e, nos casos máis graves, secan as follas e as ramas. Nalgunhas árbores, como as oliveiras, as amendoeiras, os carballos e os olmos pode provocar a morte. E o certo é que, tal e como advirten dende o Panel de Sanidade Vexetal da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA): “Non existe ningún método para curar as plantas enfermas no campo”. Actualmente non hai ningún tratamento efectivo contra este patóxeno.

Destrución de plantas infectadas na zona de Mirandela, preto da fronteira con Galicia. Foto: Estudo de 'Microbiology Research'
Destrución de plantas infectadas na zona de Mirandela, preto da fronteira con Galicia. Foto: Estudo de ‘Microbiology Research’

Cabaleiro cre que o foco ten que estar na obtención de variedades resistentes, mais esta non é a solución no caso das vides europeas, dado que cada Denominación de Orixe ten as súas variedades autorizadas. En canto a outros métodos para frear a súa propagación, a investigadora descarta o uso de insecticidas: “Pode ser unha tolemia. Non podemos dar tratamentos masivos á vexetación silvestre”. 

A este respecto, Fernando Lago centra unha parte da súa tese en buscar novas hóspedes que poidan ser resistentes á bacteria e, por tanto, candidatas a ser utilizadas nas cubertas e na contorna das vides. Tamén investiga outros potenciais vectores. Tanto Cabaleiro como Lago coinciden en que queda moito por descubrir e traballar en relación a este perigoso patóxeno.

Como se propaga?

A Xylella fastidiosa propágase dunha planta a outra a través de insectos vectores que se alimentan do xilema. Segundo a información achegada polo Ministerio, transmiten a enfermidade a curta distancia, dado que a súa capacidade de voo está en torno aos 100 metros. Iso si, pódense desprazar a maiores distancias axudados polo vento. Non obstante, o que provoca a dispersión da bacteria a longas distancias é o comercio de plantas contaminadas. De feito, apunta Cristina Cabaleiro, pénsase que a cepa que acabou coas oliveiras italianas entrou a través dunha planta ornamental do café. Os expertos e as autoridades competentes advirten, por tanto, do perigoso que pode resultar o comercio non regulado de plantas. “Ao non haber fronteiras, non hai control”, sinala a investigadora da USC, en alusión ao diluídos que poden resultar certos límites, como acontece coa Raia.

Que pode suceder en Galicia?

A bacteria está en Portugal, sobre todo foi detectada na metade norte, polo que o risco de que chegue a Galicia é alto. Así o cualifican os dous expertos. Lago cre que pode acontecer o mesmo que con Estremadura, a onde chegou o patóxeno debido á continuidade forestal de plantas hóspedes na fronteira con Portugal. “É moi difícil estar preparados para este tipo de bacterias. A Italia chegou de repente. Non sabían sequera cales eran os vectores”, sinala. De momento, os estudos están máis centrados na afectación nas zonas mediterráneas, polo que Lago cre que se necesita investigar máis sobre a virulencia da Xylella fastidiosa nas especies atlánticas, e tamén co tipo de vectores que se atopan nesta zona.

Un dos aspectos que pode beneficiar Galicia é o seu clima. “Os veráns máis secos e prolongados favorecen os síntomas e propician que as plantas morran a causa da bacteria”, sostén o doutorando. As consecuencias, por tanto, prevense máis graves na zona mediterránea. Por exemplo, en Alacante está a azoutar cunha moita forza as plantacións de amendoeiras. En Baleares, onde xa renunciaron á súa erradicación, están a probar coa alfarrobeira, que parece ser a única árbore que aguanta o embate da Xylella fastidiosa. Este é o escenario de xogo actual, pero o cambio climático pode cambiar por completo o taboleiro. Incluso en Galicia, con veráns que se agardan cada vez máis secos e prolongados.

Se a bacteria chegase a territorio galego, Lago cre que os principais afectados serían os cultivos de vide. Cabaleiro coincide neste punto e pensa que vai ser neste tipo de plantacións onde primeiro se dará a voz de alarma, dado que os viticultores xa están moi pendentes doutro patóxeno devastador: a flavescencia dourada. O control e a vixilancia continua son factores clave para a detección precoz de pragas.

Situación en Portugal

Zonas demarcadas de 'Xylella fastidiosa' en Portugal. Foto: Estudo de 'Microbiology Research'
Zonas demarcadas de ‘Xylella fastidiosa’ en Portugal. Foto: Estudo de ‘Microbiology Research’

Os ollos están postos na fronteira con Portugal, a tan só uns 50 quilómetros de Verín. Un estudo publicado en 2024 por investigadores da Universidade de Trás-os-Montes e o Alto Douro alertou da “alarmante propagación” da Xylella fastidiosa en Portugal. Un mapa recollido no artigo identifica 18 zonas demarcadas pola bacteria, sobre todo na metade norte e na área metropolitana de Porto. “A presenza de plantas perennes na Rexión Norte de Portugal podería explicar a ausencia de síntomas, xa que a infección por Xylella fastidiosa en plantas perennes ten a capacidade de persistir de forma crónica durante períodos prolongados sen presentar síntomas”, sinala o estudo.

Así mesmo, alertan das consecuencias que pode ter unha maior dispersión da bacteria. “Sen a implementación dun plan de prevención sólido baseado en datos locais, a economía portuguesa podería sufrir reveses significativos, incluíndo perdas de rendemento e outros danos”, recolle a investigación. A Comisión Europea, de feito, pon cifras a esta declaración. Estima que a Xylella fastidiosa pode ocasionar perdas na produción anual de ata 5.500 millóns de euros. En concreto, podería afectar o 70% do valor da produción comunitaria da oliveiras de máis de 30 anos, do 35% das máis novas, o 11% de cítricos, o 13% das amendoeiras e entre o 1% e o 2% da produción de uva. “Isto poría en risco case 300.000 empregos de toda Europa”, apuntan dende a Comisión.

Cambios na paisaxe

A situación é delicada e a preocupación entre a comunidade científica é máis que evidente. Aínda queda moito que descubrir sobre a Xylella fastidiosa, unha bacteria que asombrou polo seu agresivo comportamento en Italia e que demostrou que non hai preparación suficiente para facerlle fronte. As consecuencias da súa chegada a Galicia só poden ser hipotéticas, aínda que certamente realistas se os ollos se poñen no que está a acontecer en Portugal. “Nalgunhas zonas, a bacteria pode cambiar a paisaxe. Van morrer de forma selectiva plantas moi, moi habituais”, alerta Cabaleiro. E conclúe: “Que todo o mundo asuma que hai que estar alerta”.


Referencia: Xylella fastidiosa Dispersion on Vegetal Hosts in Demarcated Zones in the North Region of Portugal (Publicado en Microbiology Research)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro