A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

En Galicia hai oliveiras. Hainas dende centos de anos, de feito, no pasado producíase aceite das árbores autóctonas. Foi na primeira metade do século XVII, cos impostos decretados polo Conde Duque de Olivares, cando a planta entrou en declive e se abandonou durante séculos. Non foi o seu final. Sobreviviron variedades exclusivas, centenarias, espalladas por todo o territorio e que agora se pretenden recuperar e revalorizar para impulsar o sector oliveiro na comunidade. O Grupo Operativo ‘Oliveiras de Galicia’ do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), presentado este venres na Misión Biolóxica de Galicia (MBG), busca prover de árbores os viveiros e cubrir a alta demanda. Nos últimos anos os expertos describiron 20 variedades autóctonas de oliveira e rexistraron 11, cada unha delas con particularidades propias. “As súas características botánicas fana única no mundo”, explicou Carmen Martínez, xefa do grupo Viticultura, Oliveira e Rosa (VIOR) do CSIC.

O grupo de expertas busca estender as 11 variedades de oliveiras autóctonas polo territorio galego, o que sentaría as bases sobre o comportamento agronómico das árbores ubicadas en distintos puntos. En 2017 realizaron unha prospección para atopar referencias históricas: tomaron mostras, analizaron a caracterización molecular, o seu estado sanitario e realizaron unha comparación coas bases de datos existentes no mundo sobre as oliveiras descritas na bibliografía científica. “Todas as árbores estaban sas e atopamos moitos exemplares. Recibimos unha multitude de chamadas de habitantes que sabían onde había máis”, apunta. Unha vez estableceron descricións das plantas, viron a necesidade de poñerlles un nome para poder identificalas, xa que todas eran distintas entre si. Posteriormente, serían rexistradas a través da Oficina Comunitaria de Variedades Vexetais (OCVV). Grazas a iso, agora poden asegurar que os exemplares máis comúns son: Brava galega, Brétema, Mansa Galega e Folmeira.

Publicidade

O acto acollido en Pontevedra comezou coa intervención de Rafael Zas Arregui, director da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), que considerou o Grupo Operativo como o “lanzamento definitivo” da oliveira en Galicia tras permanecer oculta na historia recente. Os resultados do equipo de investigación permitirán transferir coñecemento a oliveiros e viveiristas para que planten as variedades tradicionais e “trasladen” a información ao longo de toda a cadea de valor. Con todo, non será rápido nin fácil. Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vera —entidade que lidera o consorcio—, asegurou que é unha árbore “que tarda moito en producir” e que cómpre ter mentalidade a “longo prazo”. “Temos que facer o aceite que nos quitou o Conde Duque de Olivares”, engadiu. Pola súa banda, Manuel López Luaces, xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria de AGACAL (Xunta de Galicia), entidade colaboradora do proxecto, sinalou o futuro prometedor do sector na comunidade. A meta: crear unha denominación de orixe galega.

Foto de equipo da presentación do Grupo Operativo ‘Oliveiras de Galicia’.

Os Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) están cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Foi unha “enorme sorpresa” cando as investigadoras descubriron hai más dunha década referencias sobre restos arqueolóxicos de oliveiras en Galicia. Ocorreu en 2012 case por casualidade cando estaban realizando outro traballo sobre alimentos. Este equipo, que continúa os estudos elaborados entre 2017 e 2023, observa con minuciosidade cada nova variedade de oliveira. Mide as follas, as olivas e os seus ósos, as súas pólas, o grosor do seu tronco. Carmen Martínez explica que se diferenzan “claramente” entre si, e que o estudo, tremendamente “laborioso”, permítelles recompilar información que servirá, tamén, para o eido científico, e que debe presentarse perante as administracións locais, españolas e europeas para que avalen oficialmente as novas plantas descubertas.

A investigadora apunta que as olivas que medran en Galicia poderán servir ata para comer “na mesa”. Os procesos de rexistro son arduos e longos, pero cre que se podería poñer etiqueta á Brava Galega e á Mansa Galega nun ano ou dous; nestes momentos xa están rexidas pola Protección Comunitaria das Obtencións Vexetais (PCOV). De momento, non se poden realizar catas de aceite, posto que aínda se descoñecen todos os parámetros dos tipos de oliveiras e o seu potencial. Os integrantes do proxecto apostan forte polo sector, alegando que o produto resultante das oliveiras cultivadas en Galicia non “envexarán” a outros fabricados noutros países. Dentro do desamparo que sufriu a planta do olivo, as investigadoras extraen elementos positivos, resultados “marabillosos”. Ao manterse illadas, o estado das árbores é idóneo para traballar con elas. “Esta experiencia a vivimos coa vide. Hai que ter coidado coas plantas que se traen de fóra, que poden estar contaminadas”, alerta Carmen Martínez.

Carapucho, Carmeliña, Maruxiña, Susiña, Hedreira, Xoana e Santiagueira son outras das variedades que se irán engadindo proximamente. Nove nomes que coñecerán os novos agricultares que intentan revivir o ecosistema da oliveira replicando as plantas existentes e introducindo foráneas como a Arbequina e Picual, que non están adaptadas ao clima húmido propio do noroeste da península. O Grupo Operativo desenvolverá o seu estudo ata 2026 e combinará dous sistemas de multiplicación: o estaquilado clásico e o microestaquilado in vitro. A primeira, explicou Martínez este venres, non é suficiente para surtir ao mercado coa velocidade necesaria que require a demanda, tendo en conta que algunhas variedades non conseguen enraizarse. Por iso, a combinación das dúas técnicas permitirá ao equipo obter resultados máis rápidos e lograr un “salto tecnolóxico”, o que permitirá recuperar a medio prazo terras agrarias actualmente abandonadas que posúen as condicións axeitadas para revivir o oliveiral.

Nos invernadoiros da Misión Biolóxica de Galicia as plantas medran paseniño, están etiquetadas e distribuídas por tipos. Algunhas xa teñen flores, outras, apenas uns brotes verdes que se perciben na terra. Cando se fala do cultivo da oliveira, o imaxinario remite a un clima mediterráneo e ao sur da península. Con todo, a bibliografía e a ciencia galega xa desmontaron esta idea equivocada. Cunha ferida histórica, a oliveira recuperarase nas instalacións do CSIC e nas terras ao longo da comunidade, aínda que xa vén incrustada de orixe, di Sáenz, no “corazón dos galegos”.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

3 COMENTÁRIOS

  1. Boas: hai Oliveira galega; limão galego; couve galega; mocho galego;… procedentes da Galiza? Ou da Gallaecia? Nom che sei.

  2. HO, SORPRESA!!! Nunha visita ao Museo do Aceite de Úbeda (Xaén), e máis en concreto no seu cultivar adicado ás variedades da Península Ibérica, atopamos unha oliveira en cuxa ficha nomenclator figuraba o nome de A GALEGA. Pero non foi menos sorpresa levamos cando lemos que o seu lugar de orixe era Portugal. Esa caste de oliveira é coñecida en Portugal e segue a cultivarse, e falo de hectareas. Pero pregúntome, preguntámonos, e non resultaría que pasou de Galicia a Portugal, por iso o seu nome? Isa seguro que é unha pequechina parte da NOSA HISTORIA BORRADA.

  3. Oh, sorpresa!!! Resulta que no Museo e Centro de Interpretación do Olivar e do Aceite de Úbeda (Xaén), atopamos durante a visita ao cultivar do mesmo, adicado ás diferentes razas ou variedades peninsulares, por casualidade, un exemplar da variedade A GALEGA (si, si, tal cal, escrito así, en Xaén). Pero tamén, con sorpresa, na ficha pon que a súa orixe é Portugal. Curiosidades da historia da oliveira A Galega, que digo eu, non viría da China. Por certo, é coñecida e segue a cultivarse en Portugal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Un equipo logra producir serotonina a partir dun fermento do viño

O grupo de investigación elaborou a chamada 'hormona da felicidade' de forma máis barata e ecolóxica a partir dunha cepa vínica

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral