
As poboacións do oso pardo europeo (Ursus arctos arctos) da cordilleira Cantábrica están hoxe en fase de recuperación despois de que na década de 1990 chegaran a contarse pouco máis de cincuenta exemplares. Séculos atrás, campaban por case a totalidade do territorio ibérico. Pero cal é o seu actual estado de saúde? E a esperanza de que a súa recuperación sexa un éxito? Un grupo multidisciplinar de científicos españois tratan de coñecer a resposta analizando as feces destes osos e os parasitos que conteñen para coñecer o seu grao de adaptación ao medio.
Entre agosto de 2018 e setembro de 2019, investigadores do Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN-CSIC) e do Instituto Mixto de Investigación en Biodiversidade (IMIB, CSIC), en colaboración cos axentes forestais do Principado de Asturias e o persoal investigador do grupo COPAR (siglas de Control de Parasitos) da Universidade de Santiago de Compostela obtiveron 245 mostras de feces pertencentes ao núcleo occidental de oso pardo da cordilleira Cantábrica, tanto na súa parte asturiana como na vertente leonesa. As análises leváronse a cabo no laboratorio de parasitología da Facultade de Veterinaria da USC.
Parasitos, unha proba de resiliencia
A través da investigación da fauna salvaxe é posible descubrir realidades que resultan de gran axuda para desenvolver estratexias que fomenten a súa conservación.
Para empezar, durante un ano enteiro a vida do oso pardo pasa por diversas fases e a adaptación ao medio é vital para a súa supervivencia. Neste sentido, un sistema inmune adaptativo é aquel que reacciona en función das variables da súa contorna. Non existe un modelo único de resposta ante a aparición dun parasito nun organismo, pero en todos eles vese implicado o sistema inmunolóxico.
O problema é que, cando as poboacións minguan ata chegar á consanguinidade ou sofren unha diminución drástica da súa variabilidade xenética, ponse en risco este mecanismo. Os animais comezan a mostrar signos de inadaptación ao seu medio e as parasitosis poden chegar a converterse en causa de morte.
Con todo, os parasitos conviven de forma equilibrada en poboacións sas. Mesmo a súa existencia promove unha resposta que fomenta a supervivencia dun individuo. Por iso, a presenza en si mesma (parasitismo) non supón un problema sanitario (parasitosis).
Como calquera ser vivo, o parasito busca a mellor forma de sobrevivir e pon en marcha estratexias orientadas a asegurar as súas necesidades a través dos seus hospedadores. Cando chegan ao aparello dixestivo do oso, certas especies atopan o ambiente idóneo para a súa reprodución, que en numerosos casos ten como resultado a expulsión de ovos ao medio xunto coas feces. Unha vez no chan, transcorre unha fase de desenvolvemento esencial para que se alcancen as fases infectantes, que ao ser inxeridas volven iniciar o ciclo intraorgánico no oso.
Un aspecto para destacar é que, se isto sucedese con tanta sinxeleza e inmediatez, a simple exposición e inxestión de ovos ou larvas do medio implicaría a súa presenza no hospedador. Con todo, este fenómeno non se observa no oso pardo europeo da cordilleira Cantábrica.
Equilibrio coas estacións do ano
Os datos obtidos neste estudo a través dos recontos parasitarios nos osos pardos durante un período de dous anos fan posible aportar información interesante e útil do estado sanitario desta poboación.
En primeiro lugar, existe unha estacionalidade relacionada coa actividade dos seus hospedadores. Isto é, que a época na que se atopen condiciona os seus hábitos alimenticios e, deste xeito, as frecuencias parasitarias son diferentes.
No período previo á entrada á súa torpor (lixeira hibernación) ten lugar un proceso de limpeza intestinal no que descargan grandes cantidades de ovos de nematodos gastrointestinales, sen que iso supoña un estado de parasitosis.

Pero tras a saída invernal comeza a época de celo e a presenza parasitaria é significativamente diferente. Aqueles helmintos que no outono e inverno se detectaban de forma frecuente, son anecdóticos e desaparecen do seu sistema dixestivo. Á vez, aumentan considerablemente os trematodos, unha especie que comparten cos ruminantes salvaxes e domésticos, xa que derivan dunha alimentación principalmente herbácea e, no caso dos osos, insectívora.
Resultados esperanzadores
A estacionalidade dos recontos parasitarios en feces achega información interesante en relación á adaptación dos osos pardos ao seu ambiente, xa que se deduce o despregamento de condutas apropiadas para a súa eliminación e o fomento dun sistema inmunitario capaz de coexistir cos patóxenos sen desenvolver enfermidades. Trátase case dunha simbiose ideal, así como a proba dunha alimentación selectiva e adaptada ás necesidades específicas segundo a época do ano.
Con esta información, os investigadores comparan as conclusións do estudo con poboacións estables e sen diminución xenética: parece corroborarse a similitude de resultados, que indica unha esperanza de evolución dos osos cantábricos cara á recuperación de poboacións equilibradas dende un punto de vista sanitario.
*Esther Valderrábano Cano é doutoranda en Medicina e Sanidade Veterinaria na USC
Adolfo Paz Silva é profesor titular no Departamento de Patoloxía Animal na USC
Vincenzo Penteriani é investigaor no Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN-CSIC)
Cláusula de investigación:
Esther Valderrábano Cano recibe fondos do Ministerio de Ciencia e Innovación (proxectos CGL2017-82782P e PID2020-1141181GB-I00), do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ED431B 2021/07 da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Adolfo Paz Silva recibe fondos do Ministerio de Ciencia e Innovación (PID2020-120208RB-I00) e da Xunta de Galicia (FEADER 2022/017B; 2024-uc058).
Vincenzo Penteriani recibe fondos do Ministerio de Ciencia e Innovación (proxectos CGL2017-82782P e PID2020-1141181GB-I00).