A ciencia confirma que as apertas son boas para a saúde. Xunto a outras formas de contacto, poden axudar á saúde física e mental de persoas de todas as idades, segundo unha nova revisión de 212 estudos. Ao combinar estes achados previos, un equipo de investigación da Universidade Ruhr de Bochum en Alemaña e o Instituto Neerlandés de Neurociencia puideron obter unha imaxe máis ampla de como o tacto pode ser beneficioso para o benestar humano.
“Eramos conscientes da importancia do tacto como intervención para a saúde, pero a pesar de moitos estudos, non estaba claro como utilizalo de forma óptima, que efectos concretos se poden esperar e cales son os factores que inflúen”, afirma o neurocientífico Julian Packheiser da Universidade de Ruhr de Bochum.
Esta nova investigación, publicada na revista científica Nature Human Behaviour, abarcou a 12.966 participantes en todos os estudos e proporcionou certa claridade sobre a cuestión. Demostrouse que o tacto axuda a reducir os sentimentos de dor, depresión e ansiedade, e o efecto positivo observouse tanto en nenos como en adultos. Aínda que o tipo de contacto (desde abrazos ata masaxes) non parece importar demasiado, tocar a cabeza ou a cara parece funcionar mellor. Os toques máis breves e frecuentes xeran reaccións máis positivas, suxire o estudo.
Curiosamente, o contacto con obxectos inanimados (mantas pesadas, almofadas para o corpo ou mesmo robots) pode axudar en termos de saúde física, pero non é tan bo para a saúde mental. Os toques de humanos e animais tenden a ser beneficiosos tanto física como mentalmente.
Os recentemente nados tamén se benefician do tacto, pero a influencia positiva é significativamente maior cando o tacto provén dun dos pais, segundo a investigación. A medida que o ser humano envellece, vólvese menos importante se o contacto provén ou non de alguén coñecido. “O estudo mostra claramente que o tacto pode optimizarse, pero os factores máis importantes non son necesariamente os que sospeitamos”, afirma o neurocientífico Christian Keysers do Instituto Neerlandés de Neurociencia.
Aínda que unha metaanálise extensa como esta xuda a detectar patróns máis amplos nas poboacións, as respostas ao tacto aínda varían moito entre persoas. Os investigadores tamén salientan que o contacto debe ser acordado para que sexa beneficioso.
Non obstante, para moitos, pasar máis tempo en contacto físico con outras persoas pode mellorar numerosos aspectos da saúde, segundo mostran os datos. Esta non é unha información sorprendente, pois o tacto é o primeiro dos sentidos en desenvolverse, e algo que normalmente se estraña cando non se pode practicar.
“Se che apetece abrazar a familiares ou amigos, non te reprimas, sempre que a outra persoa dea o seu consentimento”, conclúe Packheiser.














