Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

Polo momento, non se está cumprindo o refrán ‘en abril, augas mil’. O tempo anticiclónico perdura na comunidade dende hai varios días con temperaturas que roldan os 30 graos. Nas xornadas pasadas acadouse récord de temperatura en Ourense ao chegar aos 33,9 graos, a máxima rexistrada o pasado venres 12 de abril na península. Con todo, esta tónica de verán chega á súa fin a vindeira semana coa chegada dunha masa de aire polar continental que lle roubará á calor ata dez graos ou máis. Agárdanse días tranquilos no meteorolóxico, posto que as predicións apuntan a que se manterán os ceos despexados ata o próximo venres, pero a primavera máis fresca volve a Galicia.

Este venres o territorio galego continúa baixo a influencia das altas presións centradas no oeste de Irlanda. As temperaturas ascenden e Ourense chegará aos 30 graos, cunha oscilación térmica de ata 21 graos de temperatura. As Rías Baixas marcarán sobre 27 graos e Santiago de Compostela 25. A Coruña é a provincia cos valores máximos máis baixos, non superará os 21 graos. As do sábado e o domingo serán unhas xornadas similares, aínda que descenderán minimamente as temperaturas.

Publicidade

De cara a vindeira semana continúa o tempo seco pero os termómetros empezarán a baixar. De feito, apunta MeteoGalicia que as temperaturas máximas serán baixas para a época do ano. A entrada de aire frío continental polar traerá días máis frescos e nalgunhas zonas da península traerá xeadas. Con todo, Marta Almarcha de eltiempo.es sinala que non nos atopamos ante unha “vaga de frío”, nin moito menos.

Esta fin de semana o anticiclón fortalécese sobre as Illas Británicas, polo que o suroeste de Europa “queda exposto” á entrada de aire frío dende o norte do continente. De maneira xeral, estes fenómenos non traen precipitacións. Con todo, é probable que volva a chuvia de cara a fin da vindeira semana no suroeste de Galicia. Mentres tanto, as praias da comunidade galega empezan a recibir os seus primeiros visitantes, que teñen aínda toda unha fin de semana de tempo seco e solleiro para desfrutar.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica