“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A Academia engade 40 voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Agachamento e anicamento, teito de cristal, cultura da cancelación, escaleta ou esgrafiado figuran entre as últimas entradas incorporadas ao Dicionario da Real Academia Galega (RAG). O Seminario de Lexicografía engadiu na última actualización a esta ferramenta fundamental da lingua galega 40 voces canda novas acepcións ou melloras na redacción doutros 20 lemas.

Agachamento e anicamento, as palabras referidas ao exercicio físico que consiste en flexionar e estender as pernas coa columna vertebral recta, entran canda outros termos do mundo do deporte como haltere, que designa a tamén chamada barra de discos, ou vólei, que aparece xa no Dicionario como sinónimo das formas voleibol e balonvolea.

Publicidade

Incorpóranse tamén ao Dicionario voces de tecnolectos de crecente uso na lingua común como escaleta, o guión detallado que reflicte os contidos e a súa duración dentro dun programa, así como a súa forma de presentación; ou esgrafiado, que denomina a técnica decorativa consistente en facer incisións cun estilete nunha capa superficial especialmente preparada, deixando á vista a cor da capa inferior, así como o elemento decorativo feito desta maneira.

O birimbao ou trompa galega, o instrumento musical de metal que consiste nunha lámina vibratoria (a palleta) fixada a un marco en forma de ferradura, figura tamén entre as últimas incorporacións canda outras voces que completan familias de palabras de uso común como percebeiro ou elitismo a partir de sufixos habituais no idioma.

Publicidade

No apartado de frases e expresións, no lema teito agrégase a locución substantiva teito de cristal, que identifica a barreira invisible de tipo social, cultural ou económico, que impide a unha persoa ou a unha minoría o acceso a postos de relevancia dunha organización; e a de cultura suma o fraseoloxismo cultura da cancelación, o fenómeno consistente na retirada de apoio moral, financeiro, dixital ou social a persoas ou organizacións como consecuencia de comentarios ou accións realizados por estas.

Canto aos cambios e engadidos, comadre incorpora o significado de muller con quen se ten máis trato ou confianza e se establece unha relación de amizade, apoio mutuo ou compañía, a acepción recoñecida como Palabra do Ano 2022 na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras; cónxuxe pasou a definirse como cada unha das persoas dun matrimonio, con respecto á outra; e consorte tamén mudou a redacción para respectar igualmente a diversidade. A Real Academia Galega modificou así mesmo a definición de autismo de acordo cos cambios producidos na súa descrición científica e mais na súa percepción social.

Entre as ampliacións, a voz neon suma ademais as acepcións referidas ás lámpadas e os anuncios que empregan as lámpadas co gas do mesmo nome; e verde recolle catro significados máis vinculados á cuestión ambiental: —política, ideoloxía, grupo…— que defende ou fomenta a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico; que respecta na súa produción ou na súa actividade a conservación do medio ambiente; defensor ou partidario dunha ideoloxía que defende a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico; e, en plural, movemento político que defende a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona