O Dicionario da Real Academia Galega actualiza a definición de ‘autismo’

A nova redacción adáptase aos cambios producidos na súa descrición científica, que deixa atrás a súa consideración como enfermidade

A Real Academia Galega (RAG) modificou no seu dicionario en liña, nas vésperas do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo —que se celebra este martes, 2 de abril—, a definición deste trastorno do desenvolvemento neurolóxico. A nova redacción acordada polo Seminario de Lexicografía adáptase aos cambios producidos na súa descrición científica, que deixaron atrás a súa consideración como unha enfermidade, e mais na súa percepción social.

“Conscientes do papel que a institución desempeña na sociedade, a RAG quere promover os principios de xustiza, igualdade e respecto á diversidade, o que nos leva a un proceso constante de revisión e modernización do dicionario”, sinala a académica de número María Dolores Sánchez Palomino, coordinadora en funcións do Seminario de Lexicografía, na resposta remitida á Federación de Autismo Galicia, que solicitou a actualización da definición da entrada de autismo e facilitou documentación sobre a revisión científica dos criterios diagnósticos do autismo, que xa non o consideran unha doenza.

Publicidade

“O autismo non cumpre con este criterio, xa que non implica un mal funcionamento dos sistemas corporais, senón diferenzas no procesamento neurolóxico. O cambio na súa conceptualización reflicte unha comprensión máis moderna e respectuosa da diversidade neurobiolóxica e destaca a importancia de aceptar e apoiar as persoas no espectro autista en función da súas necesidades e fortalezas individuais”, salienta na carta remitida á RAG a federación, que representa máis de 10.000 persoas, entre as que presentan autismo e as súas familias.

A nova definición de ‘autismo’ no Dicionario da RAG.

A nova redacción define así o autismo como un “trastorno do desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación e por padróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados”. No apartado de observación engádese que normalmente se emprega a expresión trastorno do espectro autista ou trastorno do espectro do autismo (TEA) para designar un conxunto amplo de condicións que teñen unha prevaleza de 1 caso cada 100 nacementos. De acordo cos cambios na entrada de autismo, tamén foi actualizada a voz autista.

Publicidade

O Seminario de Lexicografía agradece a colaboración da Federación Autismo Galicia na mellora do Dicionario da Real Academia Galega, unha “obra colaborativa” na que deben participar todos os sectores, destaca o seu director, o académico de número Manuel González. “Estamos convencidos de que só o diálogo constante entre a sociedade e a Academia permitirá contar cunha obra que cubra as nosas necesidades”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis do 70% do profesorado de matemáticas impartiría a materia en galego se puidese escoller

Unha investigación da RAG analiza as repercusións do Decreto 79/2010, que prohibe impartir en secundaria algunhas disciplinas científicas na lingua propia

Un equipo galego revela que a camuflaxe dos trazos autistas aumenta o estrés

A investigación do CiMUS da USC e do IDIS incorpora por primeira vez biomarcadores para avaliar o impacto fisiolóxico, utilizando a concentración de cortisol no cabelo como indicador obxectivo

Desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio optan a Palabra do Ano 2025

A iniciativa impulsada pola RAG e a Fundación Barrié inicia o seu período de votacións, que pechará o 21 de decembro ás 23:59 horas

‘Bolboretario’, ‘audioloxía’, ‘galeguística’… Os novos termos científicos (e non tanto) do Dicionario da RAG

A revisión periódica do Seminario de Lexicografía permite incorporar un cento de novas palabras á obra normativa galega, como neoloxismos e expresións tradicionais