‘Canteirán’ e ‘canteirá’ entran no Dicionario da Real Academia Galega

A institución incorpora dúas novas acepcións como adxectivo e substantivo por proposta do Real Club Celta de Vigo

Canteirán, canteirá acaba de incorporarse ao Dicionario da Real Academia Galega. A voz pasa a formar parte do corpus da ferramenta en liña de referencia para a aprendizaxe e o estudo do galego da man de dúas novas acepcións na entrada de canteira, que xa poden consultarse tamén tanto na web da RAG como na aplicación do DRAG. A Academia estudou a incorporación a pedimento dunha institución particular: “Recibiuse a proposta de inclusión da voz por parte do Real Club Celta de Vigo, o que comportou o estudo previo dos significados da palabra canteira aos que aquela estaría asociada”, detalla a coordinadora do Seminario de Lexicografía da RAG, María Dolores Sánchez Palomino.

Tras este estudo, acordouse a incorporación ao DRAG de dous novos significados de canteira (‘lugar ou institución de procedencia de persoas talentosas para unha actividade especializada, particularmente no ámbito deportivo’ e ‘conxunto de deportistas que se forman nun mesmo club’, esta última coa marca diatécnica de Deporte). Respecto a canteirán, canteirá, entra coa súa dobre condición de adxectivo ([Deportista] ‘Que se formou na canteira do seu club’) e substantivo (‘Deportista que se formou na canteira do seu club’)”, engade Sánchez Palomino. 

Publicidade

Vínculo co Celta

A escolla dos exemplos de canteirán –á inclúe, na acepción como nome común, unha referencia ao club que propuxo a entrada (Vinte e dous canteiráns debutaron co Celta nos últimos dez anos); mentres que o significado do adxectivo se ilustra con outro exemplo que visualiza a súa forma en feminino (As baixas obrigaron a recorrer a varias xogadoras canteirás).

Os exemplos de canteira fan mención tamén tanto ao contexto deportivo, galego e estatal, coma ao emprego deste termo noutros eidos coma o universitario. Todos eles dan conta da evolución semántica desta palabra cuxo significado primixenio é o de ‘lugar de onde se extrae a pedra’, e que se forma a partir de canto, na acepción de ‘pedra pequena, particularmente a que a erosión tornou lisa e arredondada’, e mais o sufixo -eira, moi produtivo en galego para formar substantivos co sentido de ‘sitio onde abunda algo’. 

O uso metafórico de canteira relacionado con persoas talentosas formadas nun mesmo lugar documéntase na prensa galega de hai máis dun século. É o caso d’A Nosa Terra, a publicación periódica das Irmandades da Fala, que nunha das súas páxinas de 1917 a aplicaba para reivindicar deste xeito a aposta pola formación da mocidade do país con talento musical: “[…] Os coros enxebres veñen esprotando a canteira lírica do pobo: desenterrando unha riqueza de cántigas. O día que haxa compositores axeitados pra recollé-las e levá-las á sinfonía e ó poema sinfónico, impoñeránse ó mundo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Celta vs. Deportivo: dúas formas de reivindicar a lingua galega dende o fútbol

As estratexias de comunicación de ambos clubes buscan reforzar o vínculo coa afección e coa cultura do territorio a través do idioma

A RAG lanza un dicionario castelán-galego en liña con máis de 26.000 entradas

O repertorio dixital pode consultarse dende a web da Academia e consta de máis de 55.200 aceptacións e máis de 87.000 sinónimos de tradución

Arnelas e testas de ourizo: o dicionario da UVigo que aposta pola ciencia en galego

A segunda edición da 'Escolma de textos científicos' conta coa participación de docentes dos tres campus para elaborar termos do mundo da informática, a xestión pública e a bioloxía mariña

Os 10 termos que debes evitar ao falar do VIH

A científica Eva Poveda presenta un "dicionario inclusivo" para desestigmatizar as persoas co virus da inmunodeficiencia humana