Arnelas e testas de ourizo: o dicionario da UVigo que aposta pola ciencia en galego

A segunda edición da 'Escolma de textos científicos' conta coa participación de docentes dos tres campus para elaborar termos do mundo da informática, a xestión pública e a bioloxía mariña

Sinatura dixital, gobernanza, algoritmo, maruxía ou mar de ardora son algunhas das palabras que conforman a Escolma de termos científicos II, un minidicionario que ten como cometido amosar a capacidade do galego para expresar o coñecemento científico. Son 31 termos os que integran a nova edición do glosario de vocabulario científico-técnico impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo co gallo do Mes da Ciencia en Galego

Desde a UCC+i subliñan que esta segunda escolma, realizada en colaboración coa Área de Normalización Lingüística (ANL), “amplía o traballo iniciado o ano pasado e evidencia a capacidade do galego para nomear conceptos técnicos e adaptarse aos retos dunha sociedade dixital e cambiante”. Deste xeito, aspírase a “conseguir unha publicación estable que cada ano recolla termos de áreas de coñecemento diferentes, todas elas estudadas na Universidade de Vigo”. 

Publicidade

Mentres que o ano pasado a escolma recolleu vocabulario das áreas do dereito, o medio ambiente e a micoloxía, nesta edición a selección de termos procede do mundo da informática, a xestión pública e a bioloxía mariña.

Que palabras se poden atopar?

O glosario vai precedido dun prólogo do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, no que se destaca a idoneidade da lingua galega para a produción e difusión científicas e a “afouteza” que caracteriza a UVigo na defensa do idioma propio. Tamén incorpora un limiar no que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, subliña a importancia de conservar a nosa “vitalidade léxica, científica e cultural”. 

Publicidade

O primeiro capítulo do libro está dedicado aos termos informáticos, un eido fortemente influído polo léxico inglés no que aparecen voces propias como algoritmo ou sinatura dixital e referencias a Ada Lovelace ou Ana María Prieto, pioneiras da programación. As definicións, que proporcionan unha contextualización galega dos termos alén do seu significado formal, foron elaboradas por Alma María Gómez, Xosé Antón Vila e María José Lado, persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. 

Na área da xestión pública inclúense conceptos como gobernanza, goberno aberto, cooperación para o desenvolvemento ou dirección e xestión pública, inseridos na cultura política galega, ademais de mencións a figuras fundamentais como as «Sinsombrero» ou Maruja Mallo. Para esta sección contouse coa colaboración de Xosé M.ª Mahou, Virginia Romero, Fernando Martínez, Óscar Briones, Ángela Fernández, Enrique José Varela, Bruno González-Cacheda, Victoria Canoura, Manuel Joaquín Pérez, Ignacio Nicolás Fernández e Constantino Cordal. 

Na definición de 'programador/a' aparece a primeira galega: Ana María Prieto López. Foto: UVigo
Na definición de ‘programador/a’ aparece a primeira galega: Ana María Prieto López. Foto: DUVI

A sección dedicada á bioloxía mariña, a cargo de Estefanía Paredes e Sara Campos, recolle voces intimamente ligadas ao litoral galego como arnela, caramuxo, marea viva, maruxía ou mar de ardora

Múltiples contidos adicionais

Ao longo de toda a publicación incorpóranse elementos que complementan e enriquecen o glosario, como fotografías, diagramas, cronogramas, infografías e mesmo receitas de cociña. “Buscouse elaborar un dicionario que, ademais das definicións, ofrecese contidos adicionais capaces de ampliar a comprensión dos termos”, abundan dende a UCC+i. Así, por exemplo, na entrada dedicada á arnela inclúese tamén unha relación das praias que reciben esta denominación na comunidade. 

A publicación complétase cunha serie de planificadores semanais ilustrados e cun conxunto de pousavasos que recollen algunhas das voces seleccionadas. Este material distribuirase en centros educativos, bares, facultades e servizos da UVigo, co obxectivo de aumentar a presenza do galego nos espazos da vida diaria. As publicacións repartiranse entre as bibliotecas de centros educativos das catro provincias galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A tecnoloxía galega que permite analizar datos sen comprometer a privacidade

Investigadores de atlanTTic desenvolven ferramentas criptográficas para mellorar o deseño das políticas públicas

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

Revolución cuántica dende Vigo: así será a cátedra de computación óptica

A iniciativa da UVigo, co apoio de Zona Franca, crea un laboratorio pioneiro para desenvolver microprocesadores baseados en fotóns e transferir ao tecido empresarial galego

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM