“O potencial do monte galego é altísimo, pero saber aproveitalo é diferente”. Esta é unha das necesidades principais do sector agroforestal que se agochan detrás dos retos medioambientais, económicos e sociais, segundo Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña, en Porto do Son (A Coruña). Así é como nace o Grupo Operativo Multi-Forest, un proxecto impulsado dende Feuga, que busca a transferencia da universidade á realidade máis cotiá: revalorizar o monte para facer fronte aos retos actuais mediante a aplicacións de novas tecnoloxías, en colaboración co grupo de investigación Hydroforest da Universidade de Vigo.
Esta iniciativa pon sobre a mesa un modelo de monte multifuncional e resiliente que valora o aproveitamento dos seus produtos. “No caso de Baroña procúrase viabilidade técnica e económica; tratamos de coñecer os usos idóneos para cada zona do monte pensando no futuro”, sinala Ovidio Queiruga. Isto faise a través da zonificación do monte, para clasificar e regular os terreos para aproveitar o que Baroña ten que ofrecer: madeira, resina, apicultura, plantacións de arandos e setas, e actividades recreativas.
Para conseguilo, Multi-Forest incorpora o uso de imaxes satelitais para poder levar a cabo a labor de zonificación a fin de facer unha proxección futura dos mellores usos que se poden dar dos espazos na comunidade de montes. Isto permite facer un seguimento anual do territorio e observar a súa evolución. “Precisamos do coñecemento das universidades para cuantificar e identificar os valores do monte en canto a incendios, pastos, zonas de especies frondosas e recursos hídricos”, engade o presidente da Comunidade de Montes de Baroña.
A vista nos novos aproveitamentos
“Nos tempos que corren, unha das mellores opcións é diversificar as produccións forestais”, sinala Ovidio Queiruga. E así o están a facer en Baroña, por exemplo, coa plantación de arandos, sobre todo nas franxas de seguridade das aldeas, nos chamados desertos verdes. Súmanse os cogomelos shiitake, orixinarios de Asia e apreciados polas súas propiedades nutricionais: “Son rendibles en termos comerciais e de venta”, sinala o presidente. Está relacionado coa experiencia micolóxica que ofrece Baroña, onde estes fungos medran e poden ser recollidos de forma gratuíta ou a cambio dunha cuota.
Certificado de calidade: mel e carne de cabalo
Outro dos pasos fundamentais do proxecto Multi-Forest é a certificación na cadea de valor de produtos; no caso da Comunidade de Montes de Baroña, a mel e a carne de cabalo, e derivados. PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification) é unha organización internacional sen ánimo de lucro que traballar para protexer os montes a nivel mundial e local, garantizando unha xestión forestal sostible ao consumidor. Segundo explica Ovidio Queiruga, identificouse a trazabilidade da mel, con abellas que se encargan da producción e polinización no territorio. Neste sentido, PEFC Galicia intervén en Multi-Forest para asegurar a rastreabilidade do produto dende o monte ata a mesa: “Permite que o usuario poida identificar toda a cadea de valor destes produtos atípicos que saen do monte”, explica o presidente.
Servizos ecosistémicos
Diferentes estacións de emisións de datos distribuídas arredor da Comunidade de Montes de Baroña permiten avaliar os servizos ecosistémicos vinculados coa regulación do clima e as diversas variantes micrometeorolóxicas, como a temperatura e a humidade. Así, puidéronse coñecer cales eran as posibilidades dos diferentes usos do solo para estimar os beneficios económicos, sociais e ambientais —coma o secuestro de carbono—, sempre arredor da multifuncionalidade: “É importante comprobar os diversos aproveitamentos do uso do monte, necesarios para levar a cabo unha xestión forestal sostible”, afirma Ovidio Queiruga. Explica que é o caso dos cabalos, unha especie que, dende Baroña, están a estudar a súa capacidade para previr incendios e a forma de cuantificar o beneficio da gandería no monte. Estas especies, tal e como explica, “aforran custos para limpar e manter a biomasa forestal, e reducen o risco de lumes”.
Divulgación como tarefa
A divulgación tamén é unha das tarefas dentro do proxecto Multi-Forest de Feuga, dende onde coordinan o plan de coñecemento e achegan as innovacións necesarias para beneficiar ao sector agroforestal. Desta forma, a iniciativa que se leva a cabo dende a Comunidade de Montes de Baroña marca un fito na forma na que se xestionan o montes a través de novas tecnoloxías e produtos ecolóxicos certificados, evidenciando a necesidade de colaborar con expertos e universidade para crear un sector forestal e agrogandeiro máis resiliente, sostible e competitivo.
Este proxecto está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total: 179.980,81 €.




















Tendes un pequeno problema cos xéneros dalgunhas palabras. Un rápido recordatorio: O mel, O labor, O leite, O sangue…
e garantizando tamén doe un pouco