Como axuda o cabalo salvaxe na prevención dos incendios de Galicia

As bestas que habitan nos montes son herbívoras e aliméntanse de especies leñosas, o que as converte nun factor fundamental para evitar a acumulación deste combustible natural

Os incendios axexan a Galicia todos os veráns. Dende a onda de lumes que asestou a Pontevedra en outubro de 2017, ata o segundo máis grande do que levamos de século, no municipio de Cercedo en 2006. Galicia acumula un amplo expediente destas catástrofes, polo que a procura de métodos para a súa prevención é unha prioridade. Para isto, non só as iniciativas das institucións son clave, senón tamén factores naturais, como o cabalo “salvaxe” ou en semi-liberdade.

Así, estas bestas que habitan os montes galegos convértense nun elemento fundamental na loita contra a queima nun territorio de perigos. Segundo o índice de risco diario de incendio forestal (IRDI), publicado pola Consellería do Medio Rural, na meirande parte da metade norte de Galicia habería probabilidades moderadas de incendio, mentres que no sur, sobre todo na provincia de Ourense, o risco é moi alto.

Publicidade

Cun balance total de 908 incendios no territorio en 2023, a situación repítese cada ano. Fronte aos agostos calcinados, un dos principais remedios que poucos contemplan é a presencia dun gran herbívoro que protexe á sociedade galega dos lumes.

A función do cabalo salvaxe

O cabalo salvaxe, ou besta (a denominación máis estendida no territorio), xera máis beneficios dos que a xente pensa. “A diminución do risco de incendios é o servizo ecosistémico principal que ofrece”, asegura Jaime Fagúndez, investigador do grupo BioCost da Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA, Universidade da Coruña), cunha traxectoria académica centrada nesta especie. Así e todo, como axudan a previr os lumes os equinos?

Publicidade

Estes aliméntanse de diferentes especies arbustivas que acumulan biomasa leñosa no territorio onde se atopa, o que se pode traducir como combustible para os incendios. Un exemplo disto sería o toxo, da familia Ulex, que se estende por gran parte das terras galegas. “A diferenza dos cabalos domésticos que pastan en pradeiras, estes basean unha gran porcentaxe da súa dieta en plantas leñosas”, asegura o experto. Deste xeito, cunha carga apropiada deste animal nos montes, pode manterse o crecemento destes vexetais. O obxectivo está claro: “Evita que se acumule un combustible”, insiste.

“O rol dos grandes herbívoros é fundamental para o mantemento de hábitats abertos”, explica, referíndose a estes como os que non son de carácter forestal, como as sabanas, os grandes prados ou as matogueiras. Estes escenarios levan asociados un ou varios herbívoros na súa fauna, que nas montañas de Galicia serían as bestas. Estas non son unha especie calquera, senón unha estirpe de cabalos de monte, cunha dieta específica e unhas condicións climáticas concretas.

Cando este sistema está completo, existen predadores que limitan a poboación do herbívoro, “que no caso de Galicia sería o lobo“. Deste xeito, a chegada do cabalo salvaxe evita ataques a especies de maior valor económico na cadea, como a vaca. Con todo, a presenza destes equinos vai máis aló do servizo ecosistémico, pois favorece aos montes galegos doutras formas.

Máis ca un servizo para os ecosistemas

“O cabalo de montaña é moi beneficioso para o medio dende diversos puntos”, afirma Jaime Fagúndez: por exemplo, na biodiversidade e mantemento do seu hábitat. Neste contexto axuda, entre outras funcións, a dispersar as sementes cando se alimentan de plantas na etapa de fructificación. Xúntanse a isto os beneficios no solo ou en elementos da fauna destes ecosistemas.

Con todo, “a súa relevancia podería implicar a servizos vencellados co ser humano“, repercutindo en beneficios para a calidade paisaxística e a cultura que transmiten en relación cos besteiros. Este vínculo trata de defender Fagúndez, cun proxecto para “buscar solucións e ferramentas de apoio a gandeiros”, a fin de pór por diante a sostibilidade e a conservación do sistema tradicional dos cabalos salvaxes.

No cultural, existe un vínculo coas bestas. “Nunha gran parte das montañas de Galicia, esta especie apenas conta coa intervención das persoas”, a pesar de que exista unha conexión emocional cos besteiros. “Trátase dun tema que achega o interese de investigadores de fóra de Galicia”, afirma, pois engloba unha confluencia de “valores e singularidades” que fan que esta peza da nosa fauna sexa especial a nivel histórico e etnográfico.

Deste xeito, a protección deste equino debería estar no plano principal. “A especie é vulnerable pola situación que temos a día de hoxe en Galicia”, matiza o investigador, pois non están protexidos por ningunha regulación, nin existen medidas efectivas que estean a contrapoñer a situación. “A lexislación non contempla a singularidade, a despoboamento nin a falta de rendemento económico”, asegura. Así, o único que terminará por suceder será un cambio no uso do solo para a explotación forestal de especies non autóctonas, como o eucalipto, “desprazando aos cabalos cara a desaparición do seu rol activo”.

Outro método: a Operación Sentinela

Aínda que é importante contar con estes escudos naturais que impiden a extensión dos lumes, as iniciativas dos órganos rexionais tamén son importantes. Deste xeito, como cada verán, o 15 de agosto comeza a despregarse a Operación “Sentinela Galego”, o operativo de vixilancia de montes formado este ano por trinta patrullas militares. A iniciativa, activa dende 2007, estenderase ata o 30 de setembro, aínda que poderá haber prórroga segundo as necesidades.

Autoridades na presentación da Operación "Centinela Gallego". Foto: Ministerio de Defensa
Autoridades na presentación da Operación “Centinela Gallego”. Foto: Ministerio de Defensa

Os operativos despregaranse por 39 municipios galegos, repartidos en oito distritos forestais. Tras os incendios que asolaron o territorio nos meses de xullo e agosto de 2006, especialmente na Coruña e Pontevedra, nace esta iniciativa para pór en valor a importancia da loita contra estas catástrofes, na súa maioría provocadas.

Así, xunto á presenza destes cabalos nos montes e outras iniciativas cidadás de concienciación, a prevención mantense activa. Mentres isto sucede, Jaime Fagúndez e o seu equipo manterá a mesma liña de investigación sobre as bestas para comprender mellor as súas circunstancias nos montes de Galicia. “Hai moitas cousas que non sabemos sobre o seu comportamento, distribución ou interacción”, algo ao que queren pór fin para dar valor a este sistema que temos en Galicia, “cheo de riqueza”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo estudo da USC, clave para comprender o comportamento das proteínas

Os achados do científico Julián Bergueiro poderían axudar ao deseño de novas terapias aplicadas ao ámbito da saúde

De la Fuente atopa nunha ave extinta de Nova Zelandia potenciais moléculas antibióticas

Un novo estudo do científico galego revela axentes antimicrobianos antigos no xenoma da Moa, dun papagaio e do rinoceronte negro occidental

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Investigadores galegos estudan cal é a dose efectiva e segura dos medicamentos

O obxectivo é mellorar a absorción de antifúnxicos orais para poder reducir a cantidade administrada