Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

A tese doutoral de Cristian Silva Bóveda, realizada dende a Universidade de Santiago de Compostela (USC), pon o foco nun dos elementos máis esquecidos da historiografía musical: a percusión tradicional galega. A investigación analiza a evolución deste patrimonio dende unha perspectiva etnolóxica, técnica e histórica, e xorde para cubrir un baleiro fundamental. A pesar de ser o eixe vertebrador do ritmo nas romarías e festas, os instrumentos de percusión foron “historicamente menosprezados e os seus intérpretes relegados a un plano subalterno”, segundo explica o o autor.

O estudo de Silva pon de manifesto como, a diferenza do gaiteiro —considerado o “dono” ou director do grupo—, o percusionista (tamborileiro, caixeiro ou bombeiro) percibía sistematicamente unha remuneración inferior e o seu nome era ocultado de forma case constante nos carteis, programas e rexistros históricos, figurando moitas veces baixo a etiqueta subalterna de “criado” ou “mozo”. A tese resignifica ademais o propio concepto popular de ‘ruído’ ou ‘arruídos’, empregado historicamente nas Rías Baixas e no resto de Galicia, demostrando que non se trataba dunha categoría cacofónica, senón dunha expresión de orgullo e identidade popular.

Publicidade

Codificación da ‘Escola Galega de Percusión’

Máis aló da análise social e de xénero, a investigación ten un profundo carácter empírico. A través da deconstrución espectrográfica e auditiva de gravacións históricas do século XX —con figuras de referencia como os gaiteiros de Soutelo, Os Campaneiros de Vilagarcía ou a diáspora bonaerense—, o autor conseguiu illar os rudimentos e esquemas rítmicos tradicionais. Con este baleirado, a tese valida cientificamente por primeira vez a existencia dunha Escola Galega de Percusión, definindo unha gramática e uns padróns rítmicos propios e estables para bailes soltos (muiñeira, xota) e agarrados (pasodobre, rumba, polca).

A investigación pecha o seu arco cronolóxico analizando a recente revolución pedagóxica e tecnolóxica do século XXI, que vai dende a aparición dos primeiros métodos escritos de tambor galego ata a comercialización dos primeiros bancos de samplers virtuais de alta definición.

Publicidade

“A percusión nunca foi un mero metrónomo humano nin un acompañamento intuitivo sen valor, senón un sistema cultural e técnico de primeiro nivel. Esta tese busca facer xustiza histórica e devolverlle aos percusionistas o lugar central que sempre tiveron na nosa música”, sinala Cristian Silva. O traballo foi concibido tamén como unha “investigación de quilómetro cero” centrada no Salnés e a vila do Carril, pero con proxección global. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos

A chuvia de estrelas das Oriónidas alcanza o seu pico de actividade: guía para observalas dende Galicia

Os meteoros, orixinados nos restos do cometa Halley, poderán deixar ata 20 corpos celestes por hora entre o 21 e 22 de outubro

De fungos a cianobacterias: estes son os habitantes que escurecen o tellado da catedral de Santiago

Unha investigación da USC identifica biofilm nas lousas de granito instaladas hai catro anos, cuxa colonización desigual crea o aspecto dun taboleiro de xadrez

O futuro dos medios galegos, a debate: máis de 300 estudantes participan en encontros con profesionais

GCiencia toma parte no acto organizado pola AMEGA, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo