No Nadal de 2025 comezaba o problema: a subministración dos medicamentos máis empregados fronte a menopausa comezou a fallar. A situación de escaseza de terapias hormonais substitutivas (THS) —as máis utilizadas para tratar os síntomas— continúa hoxe e supón un problema para as 400.000 mulleres que están baixo tratamento en España, ademais das mulleres transxénero ás que lles falla o tratamento hormonal. O descontento provoca a creación de iniciativas en todo o país, como a recollida de sinaturas esixindo o reabastecemento. As xinecólogas do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e asociadas á Universidade de Santiago (USC) Cristina González Cea e Marta Silva analizan a situación actual e descartan que os tratamentos por vía oral sexan mellores que os transdérmicos. A menopausa entra agora no foco do debate mediático ante un contexto histórico no que, como di a propia Silva: “Normalizouse ter síntomas terribles”.
Os fármacos máis empregados que se atopan en situación de desabastecemento son o Lenzetto, en falta dende o 16 de marzo, os parches Evopad e Estradot, e as cápsulas Bijuva. No caso de Galicia, fálase da falta de Boltin —unha terapia que contén tibolona—. Duavive e Climodien deixaron de comercializarse. Cando o Lenzetto desapareceu, as receitas pasaron a parches e cápsulas, que non estaban preparados para a gran demanda. “A falta de subministración prodúcese polo aumento da demanda nun momento puntual no que non había suficientes subministros; noutros casos, non compensa economicamente ás farmacéuticas”, opina a Dra. González Cea, adxunta especialista en Obstetricia e Xinecoloxía no CHUS.
Rebeca Marín é unha desas mil mulleres que están baixo tratamento para enfrontar os difíciles síntomas da menopausa. A desesperación levouna a crear unha petición na canle Change.org, a fin de esixir o abastecemento destes fármacos de THS. Foi un éxito: o pasado 7 de outubro entregaron máis de 25.000 sinaturas ante o Ministerio de Sanidade para solicitar a volta dos medicamentos ás farmacias. Agora, a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) está somerxida na loita no regreso de Lenzetto a finais de outubro, e de Evopad no mes de novembro.
Que é a menopausa?
A pesar de ser un proceso natural, a menopausa é un concepto sobre o que se divulga pouco. Trátase dun proceso biolóxico que supón a deterioración de tecidos na vaxina e a uretra, e supón a interrupción definitiva da menstruación —diagnostícase despois de 12 meses sen ela, nin sangrado vaxinal nin manchado—. Súmanse outros aspectos, como a escaseza de coláxeno e elastina. De media, comeza arredor dos 45 e 55 anos; considérase tardía a partir dos 55, e precoz por debaixo dos 45.
Clinicamente, baséase na diminución dos índices das tres hormonas producidas polos ovarios: a proxesterona, os estróxenos e a testosterona. As dúas primeiras son as que se substitúen nas terapias hormonais, mentres que a testosterona —implicada no desexo sexual e a lubricación vaxinal— non se pode comercializar pola virilización das mulleres.
Pastilla ou parche: unha vía de administración diferente
Segundo explica a Dra. González, tamén profesora asociada na Universidade de Santiago (USC), “calquera vía de administración é válida e eficaz, tanto oral como transdérmica; son exactamente o mesmo”, e pon o foco na desinformación que existe. “Hai quen pensa que un parche de estróxenos ten unha menor dose e menos efectos adversos ca unha cápsula; este é un erro de entrada“, subliña. Así, a porción de hormonas é igual, independentemente da administración do fármaco, coas mesmas aplicacións, composicións e efectos adversos. A Dra. Marta Silva, xinecóloga adxunta no servizo do CHUS, engade que, en casos determinados, como mulleres obesas ou fumadoras, só se poden aplicar tratamentos tópicos.
Explica que, mentres a cápsula inclúe estróxenos e proxesterona, os parches sempre van combinados coa subministración de proxesterona —a súa falta pode provocar consecuencias graves, como aumentar o risco de cancro de útero—. Ademais, engádense outros factores, como que parches como Evopad poden chegar a despegarse e reducir a dose: “É moito máis inestable que a vía oral”. Esta situación crítica tamén afecta ás mulleres transxénero, a pesar de que non se lles subministra proxesterona.
Existe outra clasificación da terapia hormonal substitutiva: os tratamentos locais serven para paliar as consecuencias da síndrome xenito-urinaria da menopausa, momento no que se empregan óvulos, cremas ou comprimidos vaxinais; por outra banda, a terapia sistémica aplícase no caso de mulleres cun diagnóstico clínico claro.
O efecto dominó: que ocorre cando se suspende?
A situación actual implica a suspensión dos tratamentos por parte dun gran número de mulleres. Pero, que ocorre cando non se poden consumir? “Suspender a terapia implica a reaparición dos síntomas; non son fármacos curativos, senón substitutivos”, explica González Cea. Pola contra, a Dra. Silva sinala que estes non volven coa mesma intensidade, xa que inflúen sobre todo nos primeiros anos: “Algúns síntomas poden volver, como a sequedade vaxinal ou os problemas de memoria, pero as sufocacións adoitan mellorar bastante“. Ademais, tal e como sinala Cristina González, non existen alternativas: “As médicas recurrimos a outros fármacos con diferentes nomes comerciais”.
Un ano sen menstruar e datos clínicos menopáusicos
Para poder subministrar terapia hormonal a unha muller precísase un diagnóstico clínico claro: “Un ano enteiro sen menstruar e datos que coincidan clinicamente coa menopausa”. Entre as probas rutinarias atópanse a mamografía, analítica de sangue e citoloxía xinecolóxica; todas as probas realizadas cada ano. Ademais, non poden estar suxeitas a contraindicacións, como antecedentes de cancro de mama —o intervalo das pacientes vai entre os 45 e 74 anos; as hormonas incrementan o risco de que un tumor medre— ou padecer enfermidades hepáticas graves.
O período durante o que se consume unha THS tamén é limitado: “O máximo tempo que podes usalo son cinco ou seis anos; se é unha menopausa precoz, pode durar máis tempo”. Desaconséllase o inicio da terapia hormonal a partir dos 60 anos, polos posibles efectos adversos e unha muller con menopausa precoz pode prolongar o seu tratamento durante máis tempo. A Dra. Cristina González indica que este tipo de terapia non é para todas as mulleres, xa que teñen que existir unha serie de probas clínicas que indiquen que é necesario. “Buscamos os máximos beneficios cos mínimos riscos“, apunta.
Cales son os síntomas?
Os principais síntomas da menopausa son as sufocacións, o insomnio, o aumento de peso e a distribución de graxa na zona periumbilical; a perda de masa, aumento mamario e a alteración hormonal. Súmanse a deterioración cognitiva, a osteoporose e o descontrol da temperatura corporal. Ademais, González Cea destaca a síndrome xenito-urinaria como un dos eidos nos que máis preguntas recibe na consulta: “As paredes vaxinais están menos ríxidas, polo que as mulleres non poden ter relacións sexuais pola dor“.
Con todo, unha porcentaxe das mulleres experimenta numerosos estes síntomas, mentres outras atravesan a etapa con poucas molestias. “A gravidade dos síntomas relaciónase cos hábitos hixiénico-dietéticos“, subliña a doutora, e engade que “as mulleres obsesas, sedentarias, fumadoras e cun alto consumo de hidratos de carbono e graxas tenden a pasar por unha peor menopausa”. Por tanto, as principais recomendacións son un maior consumo de proteínas e realizar exercicio físico, como calistenia, ioga ou pilates.
Portas abertas á investigación
A pesar de que a menopausa afecta a millóns de mulleres, durante moito tempo recibiu pouca atención no eido da investigación. “A muller foi gañando batallas a nivel social que antes nin se formulaba ter”, indica Cristina González Cea. “É algo do que nunca nos queixamos; normalizouse ter síntomas terribles”, engade Marta Silva. E, aínda que é un proceso fisiolóxico, pode volverse patolóxico.
Historicamente, as mulleres non amosaban as súas doenzas e “aceptaban de forma case herdada a sintomatoloxía”. Ademais, era considerado tabú. Agora, a muller experimenta unha vida social distinta e demanda unha boa calidade de vida: “Reclamamos que se investiguen e melloren os fármacos”, sinala a Dra. González Cea; o mesmo que está a reclamar Rebeca Marín ante o Ministerio de Sanidade.
Os avances do futuro
A Dra. Silva lembra o estudo WHI (Women’s Health Initiative), que se levou a cabo hai máis de 20 anos con 161.809 mulleres posmenopáusicas de entre 50 e 79 anos, a fin de avaliar os riscos e beneficios da terapia hormonal substitutiva. Realizouse nun contexto onde as THS estaban á orde do día. “Os resultados concluíron que era mala, xeraba cancro e trombos”, explica a experta. En consecuencia, pasaron o que a experta denomina como “os anos escuros” para esta terapia en España. Co tempo descubriuse a existencia de nesgos na investigación e, na actualidade, o panorama está caracterizado por estudos máis optimistas.
As doutoras indican que hai laboratorios que están a realizar investigación arredor das sufocacións, creando tratamentos non hormonais que actúan sobre o sistema nervioso central, na termorregulación. É o caso de Beoza, capaz de eliminar estes síntomas en 24 horas; non obstante, non está financiado. Por outra banda, Silva menciona unha liña de investigación especialmente entragada ás pacientes de cancro de mama: cada vez son máis novas e, ao tratarse de terapias hormonais, non poden recibir este tratamento fronte a menopausa. Así, os laboratorios comezan a estudar sobre temas como a seguridade de receitarlles estróxenos locais ou como inhibir os receptores a nivel mamario.
“Existe o compromiso de moitos laboratorios, pero non hai grandes moléculas coas que traballar”, explica a Dra. González Cea, xa que as moléculas sintéticas producirían unha perda de bioidentidade. Así, son tres as hormonas naturais que faltan no corpo da muller durante a menopausa, e son esas mesmas as que producen as consecuencias.














