Lembro o día en que unha amiga, que estaba a sentir malestar físico, dixo que non quería ir ao médico porque estaba segura de que lle diría que era ansiedade. Tamén teño unha colección de historias en consultas de xinecoloxía nas que restaron importancia a dores intensas, sangrados abundantes e malestares psicolóxicos relacionados co ciclo menstrual. É normal, seica. De verdade é normal cando é incapacitante? Cando manchas a cadeira, cando non te podes levantar da cama, cando xa non fai efecto o ibuprofeno, cando sentes un cansazo extremo e unha tristeza profunda. Insisto: é normal?
Non falo de experiencias propias, senón de amigas e coñecidas que se sentiron algunha vez invalidadas, que foron cuestionadas e que chegaron ás súas casas preguntándose se eran imaxinacións súas.
Por sorte, cada vez hai máis conciencia da invisibilidade histórica das mulleres na medicina e da súa escasa participación en ensaios clínicos. Iso non quere dicir que de cando en cando non nos sorprenda unha noticia como a publicada esta semana por elDiario.es: a Asociación Española de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) denunciou que un documento con pautas nutricionais para a menopausa publicado pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESAN) se baseaba en estudos realizados en homes.
En concreto, os valores de inxestión de ferro e vitamina C extraéranse de investigacións que se fixeran exclusivamente con varóns, e a AESAN non o advertía de forma explícita. Malia que estas recomendacións non van poñer en risco a vida de ninguén, si mostran unha evidencia incuestionable de mala praxe. E sobre todo poñen de manifesto que, incluso para falar de menopausa, recórrese a ensaios clínicos realizados en homes. Non me digades que non é paradoxal.
O infarto é o caso que mellor reflicte a eiva de estudos en saúde feminina. Amais da característica dor de peito, a sintomatoloxía nas mulleres pode incluír molestias gástricas e mandibulares. Se non se recoñecen os sinais de alarma o diagnóstico tamén vai ser máis tardío. De feito, un estudo realizado polo Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e publicado en 2024 advertía que os infartos tardan en atenderse 23 minutos máis en mulleres que en homes. Detrás deste dato hai unha realidade multifactorial, pero a dificultade para identificar os primeiros síntomas é un factor decisivo.
Outro caso paradigmático é o do autismo, que está infradiagnosticado en mulleres. Unha revisión publicada en 2024 polo equipo de Ángel Carracedo constataba que elas tenden a camuflar máis os seus síntomas para responder ás expectativas sociais. Amais disto, investigadoras do grupo explicaron que os instrumentos clínicos que se empregaron tradicionalmente para diagnosticar o autismo validáronse, sobre todo, en mostras formadas por homes, o que sería un factor máis para explicar o infradiagnóstico. De feito, non é estraño que moitas mulleres o descubran a partir dos 40 anos, cando se detecta nos seus fillos.
Hai outros exemplos que me parecen especialmente representativos e dos que apenas se fala. “As mulleres presentan un risco máis alto que os homes de contraer cancro de colon do lado dereito, que a miúdo se desenvolve de maneira máis agresiva, pero a proba de sangue fecal que se usa comunmente para detectalo é menos sensible en mulleres que en homes”, recolle esta peza publicada en El País, que se fai eco dun extracto de La mujer invisible, de Caroline Criado Pérez.
Pero se hai algo que sempre, sempre me sorprende son as eivas en todo o que está relacionado coa saúde xinecolóxica. Por exemplo, a síndrome premenstrual está caracterizada por unha longa lista de síntomas que inclúen cambios de humor, dores de cabeza, de estómago, ansiedade, insomnio… “Afecta o 90% das mulleres pero estudouse insuficientemente de maneira crónica: unha análise da investigación levada a cabo concluíu que hai cinco veces máis estudos sobre disfunción eréctil que sobre síndrome premenstrual“, sinala o artigo de El País. Por non falar da escaseza de medicamentos que hai para unha e non para a outra. Adiviñade cal é cal.
E aínda podemos abrir outra porta: a endometriose. Neste caso xa non falamos da dor incapacitante durante a menstruación e as relacións sexuais; tamén son os efectos na saúde mental que poden derivar en depresión, ansiedade e unha redución da participación social. Pero, sobre todo, é un atraso diagnóstico de entre 4 e 11 anos. O caso de Rachael, ao que se refire Criado Pérez, dá boa mostra desta realidade. Tras 10 anos con síntomas graves, un día perdeu o coñecemento e acudiu ao hospital. Como todas as probas saían ben, mandárona para a casa, e ela comezou a ter a sensación de que a súa sintomatoloxía era cousa súa. O diagnóstico chegou, aínda que tarde: endometriose.
Mentres escribo estas liñas, teño ao meu lado unha edición actualizada de Mujeres invisibles para la medicina, de Carme Valls Llobet. Nel fala dunha longa lista de temas que van dende a saúde mental ata a maternidade; dende os problemas cardíacos ata a dor; dende a saúde nas maiores de 50 anos ata as adiccións. Comparto unha das citas que teño subliñadas: “A primeira das agresións á saúde mental das mulleres foi precisamente separar e dividir o seu corpo e a súa mente, e crer —e querer facelas crer— que a súa mente “manda” sobre o seu corpo, cando quen realmente quixo mandar durante séculos foi o poder machista e androcéntrico”.
Por certo, todo isto que che estou contando ten un nome: a síndrome de Yentl. Acuñouno a cardióloga Bernadine Healy en 1991 en referencia a unha película co mesmo nome para denunciar a falta de ensaios clínicos con mulleres e explicar por que elas reciben máis diagnósticos ou tratamentos equivocados.
Máis alá de destacar o negativo, tamén merece a pena poñer na palestra o esforzo de moitos equipos de investigación por reverter esa débeda histórica coas mulleres. Esta semana fixémonos eco dun estudo que afonda na relación entre a saúde menstrual e a saúde mental. E aínda que non establece causalidades, si achega datos que obrigan a reflexionar. Por exemplo, que a dor intensa e os sangrados abundantes asócianse con maiores probabilidades de depresión máis grave. Tamén se analizan outros factores, como a redución da participación social durante a menstruación, a pobreza menstrual e os estigmas que aínda rodean esta realidade.
Non está mal iso de rematar cunha mensaxe positiva, sempre e cando non nos faga perder a perspectiva.
Agora si, imos cos temas da semana.
⚫️ Resolto o enigma 🔢 Hai temas que non son doados de divulgar e hai que buscar fórmulas que resulten próximas e que axuden a facer a ciencia o máis comprensible posible. Por iso vos animo a ler esta nova sobre a resolución dun enigma. Dous matemáticos de Santiago e Lausana lograron solucionar un problema aberto dende hai 60 anos. Nin máis nin menos.
⚫️ Ulises en Galicia? ⛵ O fervor pola nova película de Christopher Nolan é evidente… e incluso traspasa a pantalla! Un profesor da USC acaba de publicar un estudo no que relaciona as viaxes recollidas na Odisea cos motivos representados nunha columna datada no século XII e situada na catedral de Santiago.
⚫️ Ollo cos ácaros❗Sabías que Galicia é unha das zonas do mundo con maior prevalencia de alerxia aos ácaros? Falamos co alergólogo Manuel Rial Prado, quen acaba de publicar un estudo sobre as diferenzas territoriais —tanto dentro como fóra de Galicia— deste tipo de alerxias.
Recomendación semanal 🪶
As mulleres non só foron historicamente invisibles na medicina, senón en moitos outros eidos. Hai un libro que me marcou especialmente, talvez polo meu interese en todo o que teña que ver coa arqueoloxía, a historia, e a necesidade de saber do pasado para entender o presente. Titúlase Prehistorias de mujeres e escribiuno a investigadora Marga Sánchez Romero, que divulga fantasticamente ben e menciona casos que sorprenden e indignan a partes iguais. Anímote a lelo! E a que compartas connosco as túas impresións.
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.















