Acaba de baixarche a regra e notas unha dor tan intensa na parte inferior da barriga que te tiras no sofá e cancelas automaticamente o plan con amigos. Ou pode que foses ao supermercado para mercar produtos menstruais e esteas a facer contas para adquirir a maior cantidade ao menor prezo posible porque o teu peto non dá para máis. Máis alá destas realidades, é importante reflexionar sobre o seu impacto na saúde mental. Unha investigación recente e con participación galega afonda na relación entre a saúde menstrual e a mental e asocia o sangrado abundante cunha maior probabilidade de depresión máis grave e ansiedade.
Non obstante, esta non é a única variable do estudo. A dor menstrual intensa, unha maior frecuencia dos síntomas premenstruais, os estigmas sobre a menstruación, a pobreza menstrual e as limitacións na participación social durante a regra tamén se asocian con peores resultados de saúde mental. Así o constata un estudo realizado en Galicia, País Vasco, Cataluña, Andalucía e as Illas Canarias e no que participaron 1.404 persoas a través dun cuestionario realizado en 32 centros de saúde durante 2023. O artigo está asinado por un equipo interdisciplinar que contou coa colaboración da Área Sanitaria de Ourense e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).
Dor, sangrado e síntomas premenstruais
O traballo analiza en detalle cada unha das variables estudadas. O sangrado menstrual abundante —o estudo establece un limiar superior a 80 ml— e os coágulos de sangue menstrual aparecen relacionados cunha maior probabilidade de depresión e ansiedade máis graves; unha asociación que tamén apoia a evidencia científica previa. “Algúns estudos vincúlanos con cambios hormonais no eixe hipotalámico-hipofisario-suprarrenal (HPA). O estrés crónico pode desregulalo e afectar a liberación de dúas hormonas fundamentais para a regulación do ciclo menstrual”, indica o estudo, en relación ao que xa aparece recollido na literatura científica.
A este respecto, os autores explican que a hiperactivación do eixe HPA e os elevados niveis de cortisol —coñecida como a hormona do estrés— están relacionados co inicio e o empeoramento da depresión e da ansiedade. E o sangrado abundante e os coágulos asócianse con anemia e deficiencia de ferro, que poden contribuír a síntomas como fatiga, ansiedade e mareos.
“Canto maior era a intensidade da dor, maiores eran as probabilidades de depresión máis severa e ansiedade”, continúa o artigo. Acontece o mesmo cos síntomas premenstruais, que poden asociarse con peores resultados de saúde mental canto máis frecuentes son e, sobre todo, canto maior impacto teñan na vida diaria.
O estigma
Algúns dos aspectos nos que máis afonda o estudo son os tabús, os estigmas e as discriminacións relacionadas coa menstruación. “Certos discursos sociais colocaron as mulleres (e as súas molestias) como inherentemente patolóxicas, vinculando experiencias (pre)menstruais coa ‘histeria’ e a ‘tolemia'”, critica o artigo. Os autores subliñan que este tipo de suposicións puideron contribuír a minimizar e invalidar as experiencias coa menstruación, así como derivar nunha “psiquiatrización” dos síntomas. Froito dos tabús que rodean o ciclo menstrual, pode haber un mecanismo polo que algunhas persoas oculten a súa experiencia e a releguen á experiencia privada. Isto podería relacionarse coa baixa autoestima, o estrés crónico e, sobre todo, un desgaste emocional derivado do constante enfrontamento ao estigma que rodea a regra.
Pobreza menstrual e contexto
Outro dos factores analizados foi o vínculo entre a pobreza menstrual e o empeoramento da saúde mental, así como as dificultades de participar en na vida social durante a menstruación. A investigación sinala que esta última asociación é especialmente forte entre o grupo de 36 a 45 anos. “Esta etapa da vida adoita implicar maiores responsabilidades tanto no ámbito reprodutivo como no produtivo, como o coidado de nenos e anciáns, así como maiores esixencias laborais”, explican.
Os autores tamén fan especial fincapé no contexto sociodemográfico das persoas que participaron na enquisa e reclaman unha abordaxe dende a perspectiva de xénero e feminista. En concreto, subliñan o estudo de factores como a idade, a raza, a clase social e a orientación sexual para comprender mellor a relación entre saúde menstrual e mental. “Aplicar unha perspectiva interseccional á investigación é crucial para avanzar na nosa comprensión de como as estruturas sociais de poder e opresión producen e perpetúan as inequidades na saúde menstrual e mental”, sinalan.
O estudo serve de trampolín para que investigacións futuras poidan afondar nunha posible relación causal entre a saúde menstrual, a ansiedade e a depresión. Os autores, ademais de sentar as bases para máis estudos, piden unha mellora na educación menstrual e unha mellor capacitación dos profesionais da saúde. Pero, sobre todo, o que solicitan son máis recursos. Só así se poderá abordar dunha forma realista e, sobre todo, libre de estigmas, unha realidade que afecta a metade da poboación.
Referencia: Menstrual health outcomes and associations with depression and anxiety in Spain: a cross-sectional study (Publicado en Sexual and Reproductive Health Matters)














