30 segundos de incerteza marcan o novo fito da NASA: así foi o lanzamento do telescopio Grace Roman

O último observatorio da axencia espacial estadounidense xa saíu da atmosfera terrestre e agárdase que produza as primeiras imaxes a principios de 2027

O domingo ás 13:29 horas peninsulares a NASA marcou un novo fito na súa historia: completouse con éxito o lanzamento do telescopio espacial Nancy Grace Roman (RST). A misión requiriu dunha intensa preparación por parte do equipo implicado, pois, como adiantou a enxeñeira principal de sistemas da NASA Begoña Vila a este xornal nunha entrevista, tan só dispuñan de 30 segundos para lanzar o Roman ao espazo.

Este evento avanza a exploración espacial un paso máis cara á comprensión do universo. O Roman ten un dobre obxectivo: localizar exoplanetas con condicións de habitabilidade e explorar a materia e a enerxía escuras que compoñen o 95% do espazo. O telescopio está equipado con múltiples ferramentas que o axudarán a cumprir estas misións. Por un lado, conta cun coronógrafo que, máis alá de opacar a luminosidade dunha estrela, está equipado con espellos que pode mover para facer unha interferencia e eliminar a luz dos astros. Polo outro, ten un campo de visión 100 veces maior que Hubble ou Webb grazas ás 18 cámaras coas que pode crear imaxes panorámicas, en sondeo. “Webb e Hubble son como mirar o universo a través dun burato. O Roman ampliará moitísimo o noso campo de visión“, asegurou Begoña Vila na entrevista.

Publicidade

O día do lanzamento

Como compartiu a axencia espacial estadounidense, o equipo de control de terra do Centro de Voo Espacial Goddard da NASA en Greenbelt, Maryland, comezou a recibir datos de telemetría de Roman sete minutos despois do lanzamento. O foguete Falcon Heavy funcionou como se esperaba: separouse do observatorio 31 minutos tras o lanzamento, despois do cal os seus foguetes auxiliares regresaron de forma segura para a súa revisión.

O foguete Falcon Heavy de SpaceX co Telescopio Nancy Grace Roman da NASA a bordo vese transitando polo Sol durante o lanzamento dende o Complexo de Lanzamento 39A, o domingo 30 de agosto de 2026, no Centro Espacial Kennedy da NASA en Florida. Imaxe: NASA/John Kraus
O foguete Falcon Heavy de SpaceX co Telescopio Nancy Grace Roman da NASA a bordo vese transitando polo Sol durante o lanzamento dende o Complexo de Lanzamento 39A, o domingo 30 de agosto de 2026, no Centro Espacial Kennedy da NASA en Florida. Imaxe: NASA/John Kraus

“Roman será unha máquina de descubrimento que nos achegará máis que nunca a responder as preguntas máis profundas da humanidade sobre a nosa historia cósmica“, dixo Nicky Fox, administradora asociada da Dirección de Misións Científicas na sede da NASA en Washington. Engade: “Co seu gran campo de visión e as súas rápidas velocidades de sondeo, Roman conduciranos a unha nova era de descubrimento e fará visible o invisible, sentando as bases para a procura de vida da humanidade máis alá do noso sistema solar.”

Publicidade

Máis alá da atmosfera terrestre

Durante o lanzamento e a órbita inicial, Roman utiliza as estacións terrestres e os satélites repetidores da Near Space Network para intercambiar datos de seguimento, telemetría e comandos cos controladores terrestres. Uns 70 minutos despois do lanzamento, a Deep Space Network asume as comunicacións e guía o Roman cara ao segundo punto de Lagrange Sol-Terra, ou L2, que, como sinala a Axencia Espacial Europea (ESA), está a un millón e medio de quilómetros da Terra. Roman conéctase a esa rede primeiro a través do Canberra Deep Space Communication Complex en Australia. Aproximadamente seis horas despois, transfírese ao Complexo de Comunicacións Espaciais Profundas de Madrid, en España, e despois ao Complexo de Comunicacións Espaciais Profundas de Goldstone, en California.

O equipo do Roman tamén confirmou o despregamento exitoso dos paneis solares do telescopio e da pantalla solar inferior dos instrumentos unha hora e 23 minutos despois do lanzamento. Nos próximos días, despregaranse a antena de alta ganancia de Roman e a cuberta de apertura tipo visera, os controladores terrestres iniciarán a primeira das dúas correccións de curso intermedio, e o seu coronógrafo poñerase en marcha.

Os próximos pasos do Roman

Unhas semanas despois do inicio da viaxe, o Roman activará o seu instrumento principal, a ferramenta de campo amplo. Esta cámara infravermella de 300 megapíxeles conta con 18 detectores 4K. O telescopio Roman está deseñado para cartografar o universo mil veces máis rápido que o Hubble. Durante o resto do período de posta en marcha de tres meses de Roman, os científicos realizarán unha serie de calibracións e probas cos instrumentos. A NASA prevé publicar as primeiras imaxes de Roman a principios de 2027.

Como compartiu con este medio Begoña Vila, a información recollida sobre este telescopio servirá para preparar o próximo grande observatorio da NASA, que xa se atopa nos seus estadíos iniciais. “Será o telescopio de mundos habitables. Usaremos o que aprendamos co Roman para equipalo da forma máis axeitada”, explicara Begoña Vila. “Co Roman atopando máis planetas e co Webb podendo ver se teñen atmósfera e cal é a súa temperatura, agardamos ter candidatos a posibles mundos con condicións de habitabilidade para cando o próximo estea listo, aínda que non saibamos que tipo de vida sexa”, engadira a astrofísica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Begoña Vila, ante o lanzamento do telescopio Grace Roman: “Só teremos 30 segundos”

A astrofísica da NASA asegura que o novo observatorio producirá en cinco meses a mesma cantidade de datos que enviou Hubble nos 36 anos que leva operativo

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

Begoña Vila, a astrofísica galega que contemplou tres eclipses: “É una experiencia indescritible”

A enxeñeira da NASA presenta en Santiago a rodaxe dun documental sobre a súa traxectoria e que a seguirá ata o lanzamento do telescopio Nancy Grace Roman

A galega Begoña Vila protagoniza un documental sobre a próxima gran misión científica da NASA

‘Rumbo ás estrelas (Despois da eclipse)’ trata do desenvolvemento do telescopio espacial Nancy Grace Roman a través da historia persoal da enxeñeira