Xa se últiman os preparativos finais para o que será o próximo gran fito da NASA: o lanzamento do telescopio Nancy Grace Roman (RST). Prevese que o evento teña lugar ás 13:26 horas peninsulares dende o Complexo de Lanzamento 39A do Centro Espacial Kennedy, en Florida, a bordo dun Falcon Heavy, de SpaceX. Pasaron catro anos e medio dende que a axencia espacial puxo en órbita o seu último telescopio, o James Webb (JWST), e a expectación é máxima.
“Haberá só 30 segundos para lanzalo“, afirma a astrofísica Begoña Vila. É a enxeñeira principal de sistemas no centro espacial Goddard da NASA e forma parte do equipo que traballa no Nancy Grace Roman, así chamado en honra á primeira astrofísica xefa da NASA e impulsora do telescopio Hubble (HST). Vila recoñece que a emoción é a tónica xeral entre os seus compañeiros: “Por agora, todo está indo moi ben. O telescopio xa está encapsulado no cohete e ten o combustible listo”. O grupo encargado do Roman realizou xa varias probas para someter os sistemas ás condicións térmicas e de baleiro que se producirán no espazo. “Foron 70 días traballando as 24 horas por turnos”, conta Vila.
O lanzamento do Roman terá lugar en diferentes fases que, en conxunto, abarcarán tres meses de monitorización intensa por parte das persoas involucradas na preparación e control do artefacto. “O primeiro paso será abrir os paneis solares unha hora e media despois de lanzalo. Tras dous días, sacaremos a antena principal e abriremos unha cuberta para protexer os espellos”, explica Vila. Unha semana despois, os equipos encenderán o coronógrafo integrado no Roman. “Pasado un mes do lanzamento xa saberemos que todo está ben, aínda que quedarán dous meses máis para que poida comezar a producir ciencia”, engade a astrofísica da NASA.
O segundo gran lanzamento da súa carreira
Este será o segundo lanzamento dun gran telescopio na traxectoria de Begoña Vila. O 25 de decembro de 2021 foi a encargada de retransmitir en español a posta en órbita do James Webb, un cometido no que levaba involucrada máis dunha década. “Considéronme moi afortunada, porque penso que traballar nun telescopio tan punteiro como o Webb é o máis alto da carreira de quen estamos neste campo, polo que para min foi un soño traballar no seguinte, o Roman“, recoñece coa ilusión marcada na voz, e engade: “Non vas ver o telescopio na Terra nunca máis, pero tes a emoción de que vai poder empezar a facer a ciencia para a que tanto traballamos“.
Begoña Vila encargouse de preparar o instrumento de guía do telescopio Nancy Grace Roman. “É o sistema que axuda co control de altitude a apuntar o telescopio e mantelo estable nunha posición fixa”, explica Vila. Así, a súa principal función foi a de desenvolver o mecanismo de direccionalidade e estabilización do aparello. “O telescopio poderá guiarse con estrelas normais e por primeira vez tamén será posible facelo con espectros“, indica a astrofísica.
Cando unha investigación require mirar unha parte do ceo a través de telescopios, úsase como guía un catálogo en constante actualización que recolle “miles de millóns de estrelas”, como sinala Begoña Vila. Este mapa sitúa cada astro e indica como de brillante é; así, serven como referencias para orientar as cámaras dos telescopios no vasto espazo. “Unha estrela é un punto, polo que é moi sinxelo localizala. Cun espectro, en cambio, a luz dispérsase nunha liña. É moi difícil situar un punto concreto dentro dunha liña, así que nós buscamos o seu borde para usalo como guía”, explica a enxeñeira da NASA.
Que diferenza este telescopio do Webb e o Hubble?
O Nancy Grace Roman ten obxectivos diferentes que o Webb ou o Hubble, polo que, en consecuencia, as súas especificacións tamén varían. O Webb e o Hubble están deseñados para capturar en moito detalle áreas reducidas do espazo no espectro infravermello e no visible, respectivamente. O Roman, en cambio, busca ofrecer unha panorámica do universo. “Webb e Hubble son como mirar o universo a través dun burato. O Roman ampliará moitísimo o noso campo de visión“, indica Vila.

Ademais do sistema guía no que traballou a astrofísica galega, hai dúas grandes novidades que incorpora este novo observatorio da NASA fronte aos seus predecesores: o campo de visión e o seu coronógrafo. No relativo ao primeiro, Begoña Vila apunta que o aumento será considerable: “Está equipado con 18 cámaras e permite captar imaxes 100 veces máis amplas das que producen Hubble ou Webb“.
O número de lentes permite tomar imaxes ao longo, como unha sondaxe. Isto permitirá contemplar grandes áreas do universo do só golpe de vista, pero formula o problema do almacenamento de información. “Produce 1,4 terabytes de datos cada día. Para cando este telescopio leve cinco meses no espazo, terá baixado á Terra tantos datos como Hubble nos 36 anos que leva de operación“, afirma a enxeñeira de sistemas. Así, o equipo tivo que superar os retos derivados de manexar tal cantidade de información: “Tivemos que calibrar as cámaras para que funcionen á vez e buscar a forma de facer accesibles os datos a toda a comunidade científica”, conta, e engade que as imaxes do Roman poderán empregarse a partir do día seguinte de que se envíen dende o telescopio.
Outro aspecto diferente é o sistema de funcionamento do coronógrafo. “Non se limita a tapar a luminosidade, senón que busca planetas con espellos que pode mover para facer unha interferencia e eliminar a luz dos astros. Vai poder atopar planetas máis próximos ás estrelas, algo como un Xúpiter no noso sistema solar”, explica Begoña Vila.
Na procura de planetas habitables
O telescopio Roman ten dous grandes obxectivos: atopar exoplanetas e axudar a comprender a materia escura. “A idea é atopar planetas con condicións similares ás do noso sistema solar. Buscamos que sexa rochoso, con atmosfera e con auga líquida. Para que se cumpra este último requisito, é necesario que estea a unha certa distancia da súa estrela”, conta a astrofísica. Explica que un planeta que se atope moi preto do seu astro terá unha temperatura demasiado elevada e, con iso, non haberá auga. Se se acha moi lonxe, pola contra, estará conxelada ou mesmo se tratará de corpos celestes gasosos, non rochosos.
O misterio da materia escura
Así e todo, para a enxeñeira da NASA o máis importante é entender que é a materia escura. “Hai moitas observacións que demostran que existe, dado que vemos que hai comportamentos no universo que non se poden explicar a non ser que haxa algún tipo de materia non visible. Agardamos que este telescopio nos axude a identificar isto que non podemos detectar”, explica a astrofísica Begoña Vila. Entre as observacións que apuntan a existencia deste tipo de materia, sinala a velocidade de rotación das galaxias ou o camiño que segue a luz. “Cando ves como se moven as estrelas dunha galaxia, as que se atopan máis afastadas do seu centro deberían desprazarse máis despacio, pero van máis rápido. Claramente hai unha masa que non vemos e que provoca ese efecto. Tamén o notamos en observacións gravitacionais, cando a luz se dobra porque hai unha masa diante”, conta a enxeñeira da NASA.
Begoña Vila explica que tan só se coñece o 5% da materia e a enerxia do espazo, entre a que se inclúe aquela que compón o ser humano. “O 95% do universo é materia e enerxía escura, é algo descoñecido que non podemos ver”, indica Vila. Explica que esa enerxía é a causante de que o universo se expanda, e de que o faga cada vez máis rápido. “A nosa galaxia estase afastando das outras“, engade a astrofísica.
Rumbo ao inexplorado
O telescopio Roman ofrecerá un punto de vista único e, en consecuencia, o equipo está aberto a sorpresas en canto a que descubrimentos se farán. “Como nunca vimos o universo desta forma, cremos que atoparemos cousas que non esperamos. Pasou cos puntos vermellos que captou o Webb e penso que o Roman será igual. Sabemos para que se deseñou, pero non que encontrará“, recoñece Vila.
A astrofísica adianta que xa están na fase inicial de preparación do próximo grande observatorio que lanzará a axencia espacial estadounidense. “Será o telescopio de mundos habitables. Usaremos o que aprendamos co Roman para equipalo da forma máis axeitada”, explica Begoña Vila. “Co Roman atopando máis planetas e co Webb podendo ver se teñen atmósfera e cal é a súa temperatura, agardamos ter candidatos a posibles mundos con condicións de habitabilidade para cando o próximo estea listo, aínda que non saibamos que tipo de vida sexa”, engade a astrofísica.
Así e todo, lembra que o proxecto está nos seus comezos e que haberá que agardar entre 15 e 20 anos para lanzar un novo gran telescopio máis alá das lindes terrestres.














