Os xacementos de Penas do Caldeiro: unha paisaxe sagrada dende hai máis de 5.000 anos?

Un equipo da USC arrinca unha nova campaña na parroquia lucense de Adai co obxectivo de limpar e rexistrar tres petróglifos, así como escavar a contorna

O equipo dirixido pola profesora de Arqueoloxía da Universidade de Santiago (USC) Pilar Prieto iniciará unha nova campaña de escavacións na parroquia lucense de Adai. Agora intervirán nos xacementos de Penas do Caldeiro: “Traballamos coa hipótese de que é unha paisaxe sagrada dende o Neolítico Medio (o IV milenio antes de Cristo)”. A tese parte da construción de, polo menos, sete mámoas ata a Segunda Idade do Ferro (arredor do século III antes de Cristo) e da roda do Corro dos Mouros xa no Bronce Final. Tamén hai numerosos gravados nas rochas próximas. O lugar foi posteriormente frecuentado polos romanos e, ata a actualidade, foi cambiando o uso e o significado desta paisaxe.

O obxectivo desta campaña é facer a limpeza e o rexistro completo de tres petróglifos, alén de escavar na súa contorna. Un dos seleccionados é o coñecido como ‘altar de Adai’, lugar moi apreciado e visitado. Este petróglifo amosa un fondo de cabana gravado na rocha duns 40 metros cadrados, onde se poden apreciar as división internas, que foi xa en 2015 publicada na revista Gallaecia e onde se propón unha posible reconstrución en 3D. “Trataremos de caracterizar estes xacementos, ver se hai novos gravados e actividade humana asociada a eles”, sinala Pilar Prieto.

Publicidade

Durante as escavacións realizaranse mostraxes para datalos e coñecer a súa cronoloxía. Realizarase tamén prospección xeofísica na zona para tratar de identificar restos de estruturas arqueolóxicas no subsolo e poder así seleccionar unha zona apropiada para escavar no próximo ano e seguir ampliando a investigación nesta paisaxe prerromana.

A nova intervención arrincará o luns 31 de agosto e estenderase ata outubro grazas á autorización da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai. O equipo de Prieto, tamén vinculada ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), xa escavara o Corro dos Mouros entre 2023 e 2025. É considerado un xacemento único e de enorme importancia para a comprensión da ritualidade funeraria do Bronce Final ata avanzada a Idade do Ferro en Galicia. De feito, aínda se continúa investigando en laboratorio a abundante información recompilada durante estes anos: algo máis de 5.000 pezas, unas 330 mostras, a partir das que se realizaron 14 datacións.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas