A galega Begoña Vila protagoniza un documental sobre a próxima gran misión científica da NASA

‘Rumbo ás estrelas (Despois da eclipse)’ trata do desenvolvemento do telescopio espacial Nancy Grace Roman a través da historia persoal da enxeñeira

Cantos planetas existen máis aló do Sistema Solar? Poderían algúns deles reunir condicións para albergar vida? Estamos sós no universo? Que son a materia e a enerxía escuras? Estas son preguntas que a humanidade leva décadas formulándose e ás que o telescopio espacial Nancy Grace Roman, a próxima gran misión científica da NASA, pretende achegar novas respostas grazas á súa capacidade para observar o universo cunha precisión sen precedentes.

No equipo que desenvolve este telescopio atópase a científica e enxeñeira galega Begoña Vila, nacida en Valadares (Vigo) e residente en Maryland (Estados Unidos). O seu traballo dentro desta misión é o fío condutor de Rumbo ás estrelas (Despois da eclipse), o documental que Meteórica Cine está a rodar en coprodución con Abano Producións e que foi presentado hoxe en Santiago de Compostela coincidindo co inicio da rodaxe en Galicia.

Publicidade

A longametraxe achégase ao proceso técnico e humano que hai detrás da construción e do lanzamento dun dos proxectos científicos máis ambiciosos da NASA, ao tempo que ofrece unha visión máis persoal da traxectoria de Begoña Vila, unha profesional que xa desempeñou un papel destacado no desenvolvemento do telescopio espacial James Webb e que continúa abrindo camiño desde a NASA para a ciencia e a enxeñaría galegas.

Durante o acto de presentación Begoña Vila ofreceu unha charla na que compartiu a súa experiencia profesional e falou do seu traballo no desenvolvemento dos telescopios espaciais James Webb (do que Begoña tamén foi enxeñeira xefa de sistemas) e Nancy Grace Roman, así como de Mundos Habitables.

Publicidade

A semana da eclipse total

A científica explicou a relevancia da eclipse total de Sol que poderá observarse desde Galicia, o primeiro lugar no que será visible desde a península ibérica en máis dun século. Unha eclipse total de Sol lémbranos que, para descubrir o que normalmente permanece oculto, ás veces é preciso bloquear a luz. Ese mesmo principio inspira algúns dos instrumentos máis avanzados da astronomía moderna, como o coronógrafo do telescopio espacial Nancy Grace Roman, deseñado para ocultar o brillo das estrelas e facer visibles os exoplanetas que orbitan ao seu redor.

A presenza de Begoña Vila en Galicia con motivo deste acontecemento astronómico permitirá ao equipo do documental gravar unha parte especialmente significativa da longametraxe, incorporando a súa dimensión máis persoal: o regreso á súa terra, o reencontro coas súas raíces e a observación do eclipse xunto á súa familia e amizades, nun momento clave da misión Nancy Grace Roman, cuxo lanzamento está previsto para o 30 de agosto desde o Centro Espacial Kennedy, en Florida.

Sobre Rumbo ás estrelas (Despois da eclipse)

Rumbo ás estrelas (Despois da eclipse) é un documental sobre a traxectoria científica de Begoña Vila. Pretende contar a historia dunha muller dunha aldea galega que ocupa postos de responsabilidade nunha das misións máis ambiciosas da historia da astronomía, o telescopio espacial Nancy Grace Roman. O equipo do documental ten acceso á NASA neste momento histórico que aproveita para visibilizar a científicas líderes nun campo tradicionalmente masculino. A través da súa figura o documental propón ademais unha mirada persoal sobre a vocación e os sacrificios que esixen as carreiras científicas, especialmente no ámbito feminino. 

A rodaxe lévase a cabo nos arredores de Washington D.C. en diversas localizacións da NASA como o Centro de Voo Espacial Goddard de Greenbelt, o Instituto de Ciencias do Telescopio Espacial (STScI) de Baltimore, ambos no estado de Maryland ou o Centro Espacial Kennedy en Cabo Cañaveral (Florida). Galicia acolle tamén parte da rodaxe estes días, coincidindo coa visita a España da protagonista para a observación da eclipse solar do 12 de agosto.

O proxecto está producido por Meteórica Cine —cuxa última serie documental The Great Way se emitiu en máis de 40 países—, en coprodución con Abano Producións —gañadora de cinco premios Goya—. O equipo está integrado por Alba Prol (Directora e guionista), Raúl García e Chelo Loureiro (Produtores), Luci Pan (Directora de fotografía) ou Uxía Caneda (Banda Sonora), entre outros.

Conta coa participación da canle Odisea (AMC Global Media) e de Televisión de Galicia, o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais —AGADIC— e o do ICAA (Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais) tanto para o guión como para a súa produción. Ademais, o proxecto conta co patrocinio de Xacobeo 2027 para as actividades vencelladas á presentación da rodaxe en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que viu o telescopio Hubble o día que naciches? Descúbreo nesta ferramenta da NASA

A axencia espacial estadounidense actualiza a aplicación que permite consultar cinco imaxes en cada día do ano e compartilas en redes sociais

Un documental mergúllase nos bosques de carrumeiro, un tesouro das costas galegas

Os submarinistas Xaime Beiro, Silvia Iglesias e Jorge Martínez asinan unha peza audiovisual que se estreará o 5 de novembro na Semana de Cine Submariño

Especie vulnerable ou en perigo crítico? Un documental analiza a situación da candorca ibérica

O proxecto, no que participa a CEMMA, achega a visión de diferentes expertos sobre as interaccións cos cetáceos e incide en que non deben considerarse ataques

Como viviron os astronautas de Artemis II? A NASA revela centos de imaxes e audios inéditos

Trátase do primeiro conxunto de información planetaria recompilada principalmente por seres humanos en máis de medio século