É moi sinxelo soñar cando unha é cativa. Nos ollos dos máis novos da casa, todo —ou case— parece posible. Mesmo chegar ás estrelas semella unha posibilidade accesible, se tan só se estuda un pouco e se costrúe algunha nave ou aparello. O paso do tempo vai engadíndolle cuestións e casuísticas a esa ilusión que, aos poucos, deixa de parecer tan sinxela. Porén, non todas as persoas perden a habilidade de apuntar alto, máis alá, incluso, da atmosfera terrestre. A astrofísica Begoña Vila é unha delas; agora, a galega traballa como enxeñeira principal de sistemas no centro espacial Goddard da NASA e forma parte do equipo que prepara o lanzamento do telescopio Nancy Grace Roman.
A súa vocación vénlle de nova. “De pequena eu xa miraba o ceo“, recoñece a astrofísica. A súa carreira profesional levouna a formar parte de fitos na historia espacial como a posta no espazo do James Webb. Os pasos de Vila seguen un camiño marcado polas motivacións dunha vida de paixón por aquelo que se atopa máis alá das lindes terrestres. A súa traxectoria será o punto central do documental Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas), un proxecto de Meteórica Cine e Abano Producións. “É un traballo entre científico e humano, pero sobre todo divulgativo“, comenta a produtora executiva Chelo Loureiro. “É a historia dunha xeración de mulleres que abriron camiños“, engade a directora da peza audiovisual, Alba Prol.
Dúas eclipses totais e unha anular
Begoña Vila vén de presentar a rodaxe que se realizará en Galicia como parte do proxecto. Non é casual que isto aconteza xusto antes da eclipse total que converterá a comunidade galega no epicentro da astronomía mundial: “Volvín a Galicia para ver a eclipse coa miña familia, polo que vai ser aínda máis especial que as anteriores”, admite, entusiasmada, a astrofísica.
Porque a deste mércores non será a primeira cita de Vila cunha eclipse. Xa observou tres —dúas foron parciais e unha, anular—, todas dende os Estados Unidos, onde traballa. Para a galega, poder vivir o fenómeno a este lado do Atlántico coa compañía das persoas máis próximas a ela é un privilexio que non perde intensidade aínda que xa pasara polo evento noutras ocasións. “É unha experiencia indescritible, moi emotiva“, asegura. A enxeñeira da NASA conta que a totalidade é difícil de explicar ata que se vive. “Esta será a primeira eclipse para moita xente. Sabes que se ocultará o Sol por completo, pero é moi distinto a velo por ti mesma. Pode notarse como baixa a temperatura varios graos e, dende onde esteas, os animais, as plantas… todo reacciona coma se fora de noite. Porque, durante ese minuto e medio, éo”, explica Begoña Vila.
A ilusión de presenciar o evento non desapareceu na observación da súa segunda eclipse. “Xa sabes o que vas ver, pero estás emocionada pola anticipación e o recordo do que vai pasar”, conta Vila. Do mesmo xeito (e ata cun punto engadido por atoparse en Galicia para ver o fenómeno), agarda con entusiasmo a noite do 12 de agosto. Así e todo, recoñece que a situación poderá ser complicada debido á importante afluencia de visitantes de todas partes do mundo, e fai fincapé en atopar un lugar seguro e accesible dende o que seguir o evento.
O primeiro telescopio con nome feminino
Begoña Vila forma parte do equipo detrás dos telescopios espaciais James Webb (JWST) e Nancy Grace Roman (RST). Aínda se emociona cando ve gravacións do lanzamento do Webb o 25 de decembro de 2021. “Eu fun a encargada de comentar o lanzamento na transmisión en directo que fixo a NASA en castelán. En Galicia coincidía coa hora do xantar, polo que imaxinei que falaba coa miña familia“, recoñece coa pegada do sentimento na voz.
Nunhas semanas, o 30 de agosto, revivirá este momento co lanzamento do Nancy Grace Roman. Leva o nome da primeira astrofísica xefa da NASA e impulsora do telescopio Hubble. Co paso do tempo, Vila ve pequenos cambios no mundo profesional da astronomía; percibe que hai portas que agora se abren e que, no pasado, estaban baixo chave. “Todas as mulleres que traballaron non só na astronomía, senón noutros campos, en épocas anteriores, cando non se lles facilitaban os estudos, podían facer cousas incribles. Porén, facíano sen recibir ningún recoñecemento. Imaxina o entusiasmo que tiñan que ter esas mulleres para dicir ‘ninguén pensa que fixera algo ben, pero a min gústame e quero seguir‘”, reflexiona a astrofísica galega.
Agora, ela é a referente para as xeracións de nenas e mozas que miran ao futuro e ven nel alguén con quen identificarse. “Sen quitarlle mérito aos homes, é importante representar toda a humanidade, e a metade dela somos mulleres“, sinala Begoña Vila. Pon como exemplo a misión Artemis II; entre a súa tripulación atópase a astronauta Christina Koch, quen pasará a historia como a primeira muller en ir á Lúa. “Penso que todas as mulleres somos referentes nas nosas profesións para as que veñen despois”, apunta Vila, que sinala a Vera Rubin, experta na rotación das estrelas dentro dunha galaxia, como unha das súas modelos.
Os desafíos do Webb e o Roman
Poñer algo en órbita no espazo é complicado, máis aínda cando dito obxecto ten unhas dimensións que dificultan o seu transporte ata abandonar a atmosfera da Terra. “Cando traballamos co Webb, estabamos limitados polo tamaño da nave. O que construiramos tiña que entrar nunha”, explica Begoña Vila. Ilustra a situación a través dunha das partes do telescopio: “Non ten un só espello, senón 18 que son máis pequenos e que se poden dobrar para montar logo”.
A calor tamén xogou na contra dos enxeñeiros. “Captar a luz do Sol requiría que o Webb estivera moi frío, case no cero absoluto“, conta a astrofísica. Ese nivel implica manter os seus telescopios por debaixo dos 200 graos baixo cero, o que, como engade, lograron a través do parasol que rodea o JWST.
No caso do Roman, o gran reto semella ser a inmensa cantidade de datos que vai recibir a axencia espacial do telescopio, que superará o terabyte diario. Con esta ferramenta, a NASA busca afondar na natureza da materia e a enerxía escuras. “O universo expándese de xeito acelerado, cada vez vai máis rápido. A materia escura constitúe o 95% do universo, polo que hai cousas que aínda necesitamos estudar”, explica Vila.
Ademais, o Roman contará cun coronógrafo —un aparello empregado para ocultar certas partes dunha observación, polo que pode crear ‘eclipses artificiais‘ ao tapar un astro para ver que o rodea— provisto de espellos que axude á axencia espacial nas súas próximas misións. “Queremos atopar un planeta como a Terra arredor dun astro como o Sol, é dicir, queremos achar unha zona de vida na que haxa auga líquida. O seguinte gran telescopio da NASA chamarase ‘Telescopio de mundos habitables‘. Creo que dá unha boa idea do seu propósito”, declara Begoña Vila.
As recomendacións da astrofísica para a eclipse
A eclipse do 12 de agosto reunirá unha importante cantidade de persoas, como é previsible debido á magnitude do evento. A astrofísica Begoña Vila incide na seguridade como o punto máis importante para unha boa observación: “Hai que levar as lentes homologadas todo o tempo, tan só poden quitarse durante a totalidade. E é conveniente descansar os ollos apartando a vista e mirando cara abaixo”, aconsella.
A enxeñeira de sistemas da NASA, que xa presenciou dúas eclipses totais e unha anular, recomenda fixarse na contorna. “Notaredes nas sombras como algúns círculos non van verse como tal, senón que serán medias lúas“, explica, aludindo ao fenómeno das ‘sombras de Lúa‘, polo que a iluminación solar atravesa aberturas pequenas que, en vez de producir un punto de luz, proxectan unha imaxe do obxecto luminoso. Este efecto é especialmente común na sombra das follas das árbores.
“Durante un minuto e medio, todos podemos ser astrónomos. Observaremos o mesmo que vían na antigüidade”, conclúe Begoña Vila, cunha sorrisa espectante e a ilusión de quen dedica a súa vida a cultivar a paixón que naceu nos primeiros anos.














