Sete segundos de escuridade

Dúas semanas intensas falando do fenómeno astronómico do ano. E, para algúns —coma min— ese momento estivo concentrado en sete segundos. Empezarei por escribir que son unha afortunada por vivir como xornalista un evento como a eclipse total de Sol dende unha redacción. Con todo, considérome aínda un pouco novata no mundo profesional e a síndrome do impostor entra en min en ocasións como esta. Do martes para o mércores durmín mal: estaba tensa, coa cabeza posta en que todo saíra ben ao día seguinte. Así, espertei o 12 de agosto, o día que tantos meses levábamos esperando. 

Estiven atenta, minuto a minuto, do que acontecía en Galicia: dende os atascos nos accesos para entrar na cidade da Coruña —porta de entrada da eclipse— ata a retirada dunhas novas lentes para poder observar o fenómeno por ser excesivamente escuras. E, igualmente, coa tensión dentro, emprendín unha aventura

Publicidade

Ás 18:30 horas, os meus acompañantes e máis eu montámonos no coche e, a pesar de saber que o tráfico quizais nos agardaba na estrada, decidimos dar comezo á viaxe. O destino? O lugar máis próximo para observar a totalidadesaíndo dun dos puntos máis ao sur de Galicia: a vila de Baiona. Foi así como, a través das múltiples aplicacións que permitían aclarar dende onde ver o evento, atopamos o sitio óptimo, próximo á vila coruñesa de Sigüeiro, a unha hora e vinte minutos de distancia.

Como vos dicía, eu estaba a traballar e quedaba tarde por diante. Cheguei coas baterías cargadas do teléfono e do ordenador, e partimos. Mentres eu tecleaba, os demais falaban sobre como sería a experiencia. Foi así ata que chegamos a un campo saíndo da AP-9, un mosaico propio do rural galego. Estabamos só os catro, agás unha parella e un coche máis adiante da recta na que nos atopábamos. Eu mesmo teletraballei dende un bloque de formigón no medio da nada. Así se ve dende Google Maps o lugar dende onde observei a eclipse. 

Publicidade

Unha área perdida nas proximidades de Sigüeiro (A Coruña) dende Google Maps.
Unha área perdida nas proximidades de Sigüeiro (A Coruña) dende Google Maps.

Coas lentes homologadas postas, fixen un breve parón na miña xornada laboral. Eran as 20:20 da tarde do mércores 12 de agosto. A totalidade era ás 20:29 horas e duraba tan só sete segundos; había que estar atentos. Vin unha pequena última franxa de luz a través das lentes, ata que chegou a escuridade total. Saqueinas rapidamente e vin ao meu redor: as caras de asombro, o ceo escuro, o anel de diamantes e a coroa solar sobre a que tanto escribira. Si, estaba saturada de información sobre a eclipse, pero pagou a pena cada milisegundo da observación.  Así foi como, a través da miña experiencia e a das miñas compañeiras, Laura —dende Orzán— e Noelia —dende Ordes—, puiden escribir a crónica dun histórico día de agosto que quedará na miña memoria para sempre

Claramente, nós non eramos as únicas que miraban ao ceo. Durante a xornada do xoves puidemos falar con algúns dos grandes científicos e científicas galegos que viron a eclipse, como Ángel Carracedo, Begoña Vila, Senén Barro, África González e José Luis Mascareñas. Se queres coñecer as súas experiencias, podes consultalas aquí. Ademais, un día antes da eclipse, contactamos con observatorios para poder acceder ás imaxes do fenómeno o antes posible. Así, na xornada seguinte, grazas ás incribles fotografías tomadas dende diversas partes de Galicia —tanto do fenómeno como das persoas compartindo o momento— publicamos unha galería, tanto na páxina web como en Instagram. Algunhas delas foron enviadas polos meus amigos, que viviron a eclipse dende Baiona. Esta é unha delas, coa praia da Concheira chea de observadores.

Con todo, eu levaba semanas agardando a miña cita astronómica favorita de cada ano: as Perseidas, cuxo máximo coincidía xustamente na madrugada despois da eclipse, cunhas condicións de observación perfectas a causa da lúa nova. O xoves fun velas e, dado que son afeccionada a pedir desexos ás estrelas, aquí vai a mellor foto que puiden facer co meu teléfono.

A noite estrelada na madrugada do 14 de agosto, dende o meu móbil.
A noite estrelada na madrugada do 14 de agosto, dende o meu móbil.

Deixamos o episodio da eclipse atrás e comezamos, de novo, con máis ciencia. Boa finde!


Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Benvida ás candorcas

Hai dúas normas principais: non atacar e conservar a estes cetáceos son medidas fundamentais para mellorar a súa supervivencia. Por Andrea Veiga

Ser invisible

Un informe sobre nutrición e menopausa apóiase en estudos realizados en homes. Por Laura Filloy

Auga, por favor

Unha seca extrema azouta Europa e resente o sistema económico. Por Laura Filloy

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns