O 12 de agosto será unha xornada astronómica intensa en Galicia. A grande protagonista será a eclipse total de Sol que se poderá ver no ceo a partir das 19:30 horas —na súa fase parcial—, pero un novo espectáculo agarda máis tarde. Na noite do 12 ao 13 de agosto poderase observar o pico de máxima actividade das Perseidas —tamén coñecidas como Bágoas de San Lourenzo—, a chuvia de meteoros que nestas datas, ano tras ano, enche o ceo de estrelas fugaces, visibles dende o hemisferio norte.
As velocidades destes meteoros acadarán os 50 quilómetros por segundo e a súa taxa de actividade chegará aos 200 meteoros por hora, segundo datos do Observatorio Astronómico Nacional. Con todo, o número de estrelas dependerá directamente da escuridade do lugar de observación. As horas de maior actividade comezan dende as 23:00 horas do día 12, e o tramo de maior intensidade sitúase entre as 4:00 e as 6:00 da madrugada do 13 de agosto, en horario peninsular.
Así, a noite do 12 de agosto terá unhas características únicas: a lúa nova permitirá unha visibilidade perfecta e estará precedida pola eclipse total. Os astronómos non negan que se poidan ver as Perseidas durante este fenómeno, pero pensan que é improbable.
Nubes no norte
Como estamos a comprobar coa eclipse, a meteoroloxía é o principal determinante para a observación de fenómenos astronómicos. Segundo a previsión de Meteogalicia, a madrugada do 12 e 13 de agosto estará caracterizada pola nubosidade na provincia da Coruña e no norte de Lugo. Brétemas e néboas poderán influír sobre o litoral pontevedrés, mentres que o sur de Lugo, o leste da provincia de Pontevedra e Ourense contarán con ceos despexados.
Por que ocorren as Perseidas?
Cada agosto do ano, a Terra cruza a órbita do cometa 109P/Swift-Tuttle, que ten un período de 133 anos e que pasou preto do Sol por última vez en 1992. Esta órbita está chea de partículas pequenas, como grans de area ou menores, que foron liberadas polo cometa nos seus pasos anteriores.
Cando unha destas partículas que formaron no seu día a cola do cometa entra na atmosfera a gran velocidade, a fricción quéntaa ata vaporizala a grande altura; un fenómeno que se ve como un feixe de luz visible dende o ceo.
Ademais, esta chuvia de estrelas parece ter un único centro de orixe, un lugar do que parecen xurdir todas as estrelas fugaces. Ese punto denomínase “radiante” e a súa localización emprégase para nomear á chuvia de estrelas. Neste caso, as Perseidas teñen o seu radiante na constelación de Perseo; de aí o seu nome.
Como ver a chuvia de estrelas?
Para poder observar as Perseidas non hai moitos requisitos; os habituais para contemplar calquera fenómeno astronómico. As claves son afastarse de núcleos urbanos para escapar da contaminación luminosa; o mellor é tumbarse no solo, mirando ao ceo, e deixar que os ollos se adapten á escuridade durante, polo menos, 15 minutos; e, finalmente, canto máis ceo abarque o campo de visión, máis probabilidades hai de que un meteoro cruce por el.














