Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas

Faltan menos de sete horas para que comece a eclipse total de Sol en Galicia. O fenómeno, na súa fase parcial, iniciará o seu proceso cara á totalidade ás 19:31 horas na Coruña, considerada o punto de entrada na Península Ibérica. Pero a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) acaba de lanzar a última última actualización sobre a previsión para a xornada do 12 de agosto sen boas noticias. Na liña dos prognósticos previos, o publicado ás 11:50 horas sinala que no litoral galego, sobre todo no norte, predominarán os ceos nubosos sen precipitacións cara ao final da tarde, arredor da hora da eclipse. A nubosidade baixa é o parámetro máis preocupante, xa que pode limitar considerablemente a observación dende a banda de totalidade que percorre as provincias da Coruña e Lugo, onde se poderá ver a coroa solar.

Meteogalicia, a través do seu perfil na rede social X, explica que a situación meteorolóxica será moi semellante á do día 11 de agosto. Ademais, facilitan a imaxe do Meteosat, que se actualiza cada dez minutos para coñecer onde están a influír as nubes na península. No momento de escribir esta información, concéntrase ao longo do litoral coruñés e lucense, dende Malpica de Bergantiños ata Ribadeo, deixando diversos claros na cidade da Coruña e na ría de Betanzos.

Publicidade

Outra opción para coñecer a meteoroloxía antes da eclipse é o apartado da axencia galega dedicado á eclipse. Así, pódese consultar un mosaico de cámaras para ver en directo unha fotografía real das estacións de Meteogalicia. Por exemplo, na cidade da Coruña obsérvase nubosidade cara ao mar e ceos azuis, así como en Camariñas ou Arteixo. Mentres, Aldea Nova (Narón) ou Punta Candieira (Cedeira) caracterízanse por contar con algúns claros, e outros enclaves como Ribadeo, Cariño ou Penedo do Galo (Viveiro) están cubertos polas nubes.

Alerta amarela e laranxa

Nun día cunha grande afluencia de persoas que estarán ao aire libre á espera da eclipse solar tamén hai que prestar atención á temperatura. A meirande parte do territorio galego está baixo alertas amarelas ou laranxas por calor, segundo información de Meteogalicia: o Miño de Pontevedra, o interior da Coruña e o centro e montaña de Lugo superará os 34ºC durante a xornada, mentres que o sur, noroeste e montañas ourensás irán máis aló dos 36ºC. A peor parte será para o sur de Lugo, o Miño de Ourense e Valdeorras, que contan con aviso laranxa por temperaturas máximas por riba dos 39ºC.

Publicidade

Risco de incendios “moi alto ou extremo”

A Aemet advirte de que o Índice de Perigo de Incendios Forestais (IPIF) acade os niveis Moi Alto ou Extremo en gran parte da península durante o 12 de agosto. A preocupación esténdese sobre todo no interior de Galicia, onde aumenta a probabilidade de lumes: a provincia de Ourense é a que ten un maior risco, sobre todo na metade leste, tinguida de vermello, o índice máis elevado.

Mapa que representa o Índice de Perigo de Incendios Forestais (IPIF). Foto: Aemet
Mapa que representa o Índice de Perigo de Incendios Forestais (IPIF). Foto: Aemet

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha curtametraxe sobre os tesouros agochados baixo o mar da Mariña-Ortegal conquista Donosti

O biólogo focense Carlos Gil dá a coñecer a biodiversidade dos fondos galegos cun galardón no Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián

Os premios Zendal galardoan avances en terapia xénica e diagnóstico de infeccións no gando porcino

A VII edición do certame recoñece dous proxectos de investigación que abren novas vías fronte a enfermidades priónicas e o uso responsable de antibióticos en animais

Tecnoloxía e psiquiatría únense para crear un banco de datos para investigar a saúde mental na adolescencia

Un equipo de atlanTTic, xunto con profesionais sanitarios, desenvolve VisIA-Q, un conxunto de información clínica e psicométrica de 207 adolescentes

A galega Gradiant desenvolve un modelo de atención integrada para os pacientes con feridas crónicas

A ferramenta creada polo centro tecnolóxico, en colaboración co IIS Galicia Sur, busca ofrecer unha asistencia máis personalizada, coordinada e eficiente