A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

O 12 de agosto de 2026 será un día histórico na península e, máis concretamente, en Galicia: será a primeira vez en máis dun século na que se poida observar unha eclipse total de Sol, pois a última vez visible foi no ano 1912. España é o país no que mellor se observará a súa fase de totalidade, que cruzará zonas despoboadas de Groenlandia, parte de Islandia e unha pequena franxa do norte de Portugal. A Coruña será a porta da entrada da eclipse na península, cidade que quedará somerxida durante un minuto e 16 segundos na escuridade total. Logo, continuará por Lugo e seguirá ata Baleares. O resto das capitais de provincia galegas non están dentro acadarán da banda do 100% de cobertura.

Pero, que é unha eclipse solar? Trátase dun fenómeno astronómico que se produce cando a Lúa oculta total ou parcialmente o Sol visto dende a Terra, segundo o Instituto Xeográfico Nacional (IGN). Neste caso, será total e o satélite apagará a luz do astro favorecendo a aparición da coroa solar, a capa máis externa da atmosfera do Sol.

Publicidade

En Galicia temos todo o necesario para observalo: polo norte do territorio pasa a franxa de totalidade, onde a cobertura será do 100% —tamén se poderá ver a parcialidade dende o resto da comunidade—, e o primeiro punto de Europa onde se poderá ver a eclipse. Con todo, a eclipse estase a ver ameazada polas predicións meteorolóxicas. Tanto a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) como Meteogalicia prognostican nubosidade baixa en zonas próximas ao litoral galego, con especial incidencia nos concellos das comarcas de Terra de SoneiraBergantiñosOrtegal e A Mariña lucense, con probabilidades para ver o fenómeno desfavorables ou dubidosas.

Os horarios da eclipse total

A eclipse comezará ás 17:34 horas (hora peninsular) no mar de Bering e rematará ás 21:58 no océano Atlántico. É dicir, durará algo menos de catro horas e media. Segundo a información achegada polo IGN, na Coruña o fenómeno comezará ás 19:31 horas, terá o seu máximo ás 20:28 e rematará ás 21:22; por tanto, a totalidade durará 76 segundos. En Lugo os tempos serán moi semellantes e a única diferenza é que a escuridade durará máis que na Coruña, con 85 segundos.

Publicidade

Mañón (A Coruña) será un dos concellos onde a duración da totalidade sexa máis longa dentro da comunidade, cun minuto e 46 segundos: nesta localización, a eclipse durará en total unha hora, 50 minutos e 47 segundos, cunha fase parcial que comezará ás 19:30 horas, a totalidade ás 20:26, o máximo chegará ás 20:27 horas e rematará ás 20:28. Mentres, no caso de Vigo, a eclipse non se poderá apreciar na súa totalidade, pois será parcial; comezará ás 19:33 horas, cun máximo ás 20:30 e terá a súa fin ás 21:23.

A importancia do 1%

A porcentaxe da totalidade é o punto clave do fenómeno: non é o mesmo o 100% de cobertura de cidades como A Coruña ou enclaves da Mariña lucense, que o 99,3% de Vigo. Esa porción do 0,7% marca a diferenza entre ver unha noite escura e un solpor. Nos emprazamentos onde permaneza a parcialidade durante toda a eclipse o ceo verase dunha cor azul ou gris moi profundo; poderanse observar os planetas máis brillantes se sabes onde mirar, pero seguirá demasiado iluminado; e fóra da totalidade nunca se verá a coroa solar. Aínda que quede só un 0,1% da fotosfera sen cubrir, o seu brillo é tan inmenso que oculta a coroa.

A causa destes factores, o presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, Enrique Alonso, sinala que, definitivamente, paga a pena desprazarse cara á totalidade, prestando sempre especial atención á nubosidade.

Onde ver a eclipse en Galicia (e onde non)

Nos últimos meses foron moitas as aplicacións en liña que apareceron para facilitar a procura do mellor lugar dende onde ver a eclipse total de Sol. É o caso de Umbra, un proxecto que puntúa máis de 40.000 miradoiros dentro da banda de totalidade en función de tres parámetros —a altura do Sol, que o horizonte oeste estea libre de obstáculos e a duración da totalidade— para despois asignar un valor sobre 100 puntos. A Xunta de Galicia tamén achega unha ferramenta interactiva baseada en datos do IGN que mostra as zonas de Galicia onde o ceo quedará completamente a escuras.

A maior parte da totalidade concéntranse entre A Coruña e Lugo, sendo esta última provincia a que presenta unha maior presenza dentro da banda. A capital coruñesa quedará baixo a influencia da escuridade, xunto a moitos outros concellos como Oleiros, Valdoviño ou Curtis. Pola contra, no suroeste e nalgunhas zonas costeiras a eclipse pode ser parcial; é o caso de Muxía ou Cee. Ourense é nomeada a “provincia de contraste”: na maior parte do territorio será parcial, pero a totalidade chegará ao leste e sueste, como a comarca de Valdeorras e outras zonas de montaña. Pola súa banda, Pontevedra é a provincia onde menos inflúe a banda do 100%, que só atravesa algúns concellos do interior, como RodeiroVila de Cruces e Agolada.

Pero tamén hai lugares a evitar. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anunciou unha listaxe provisional de 29 puntos dende onde non estará permitido ver o fenómeno por motivos de seguridademobilidade e accesibilidade. Lugo é a provincia con máis limitacións, con 17 ubicacións, acumuladas na zona da Mariña. Entre os lugares sinalados está a ruta do Fuciño do Porco (O Vicedo), a Torre de Hércules, a praia de Carnota, o Monte da Guía (Vigo) e a pista de montaña do miradoiro de San Martín (A Rúa).

Outra opción é velo por mar: Alsira Salgado, docente na Universidade da Coruña e capitá da Mariña Mercante, sinala a GCiencia que o campo de visión é máis amplo, polo que constitúe o lugar idóneo para velo. Pero nel a seguridade humana é primordial, polo que se deben manter os protocolos e medidas de seguridade correspondentes, cunha única ameaza: a néboa pechada.

Factores a ter en conta

Para ver unha eclipse, a totalidade é importante, pero inflúen moitos outros factores. Un deles é o horizonte: segundo os datos do IGN, o Sol estará moi baixo ao oeste, entre os 11-12o, polo que só será visible na súa totalidade en enclaves despexados. O climatólogo e investigador de Misión Biolóxica de Galicia do CSIC (MBG-CISC) Dominic Royé elaborou un mapa de visibilidade do horizonte para planificar a observación da eclipse. A costa e as zonas máis elevadas, por riba dos cen metros, son os mellores lugares, como Cabo Ortegal, Estaca de Bares, a costa Ártabra ou os miradoiros elevados de interior.

Outro problema é o relevo galego, unha cuestión que estudou tamén o IGN con vistas á cita do ano. Así, unha das capas do visualizador de eclipses permite contemplar as zonas afectadas: o mapa está elaborado mediante un cálculo específico feito para as condicións do 12 de agosto e amosa as zonas en sombra, onde non se poderá ver en dirección ao Sol. Esta é unha das consecuencias da posición da estrela no horizonte. Con todo, súmanse os obstáculos visuais como as infraestruturas ou árbores.

Un determinante: a nubosidade

Hai un factor determinante que non se pode planificar con antelación e que limita por completo a observación da eclipse total: a nubosidade. En maio, o meteorólogo Benito Fuentes compartía a través do seu perfil na rede social X unha serie de datos sobre a cobertura media de nubes nos últimos 30 anos ás 20:00 horas do 12 de agosto. Explicaba que o principal problema radica nas nubes baixas e nas néboas, esas mesmas que prognostican dende a Aemet e Meteogalicia para o territorio galego durante a eclipse. Son cúmulos típicos dunha fronte, teñen un espesor considerable e poden tapar o Sol completamente. Iso as fai distintas ás nubes altas, que poden cubrir o ceo pero dándolle un aspecto velado que permite ver a estrela a través delas.

Protexer a vista

O máis importante, máis aló de observar o fenómeno, é coidar a vista. Non é seguro mirar directamente ao Sol sen protección especializada, agás durante a breve fase total. A luz pode producir queimaduras permanentes na retina, co risco de que non doe porque o cerebro o considera un estímulo luminoso. No caso de producirse, aparecerían unhas manchas de cores —coñecidas como manchas cegas— que duran toda a vida.

Para evitalo, débense empregar lentes certificadas coa norma ISO 12312-2, que bloquean a radiación ultravioleta, infravermella e luz visible intensa. Deben ter o selo da Comunidade Europea, ademais dos datos do fabricante, o ano de fabricación e a data de caducidade. Non poden empregarse se están danadas ou perforadas e, a través delas, non se debe mirar ao Sol durante máis de 30 segundos seguidos. No momento de comezar a observación, débense poñer primeiro as lentes e despois dirixir a mirada cara ao astro.

Tamén existen numerosos mitos arredor dos accesorios cos que se poden observar as eclipses de Sol: radiografías, discos, caretas de soldador ou mesmo cristais afumados de forma caseira. Pero non: só se poden empregar lentes de eclipse. O mesmo ocorre cos dispositivos como prismáticos, telescopios ou cámaras, que precisan accesorios homologados pola marca para observar o Sol. No caso de non atopar lentes de eclipse, outra opción son os métodos de observación indirecta, como a caixa estenopeica e os sistemas de proxección.

As cinco fases dunha eclipse total de Sol

Existen cinco etapas dentro dunha eclipse total de Sol que todos os observadores esperan ver ata chegar á totalidade. Todo comeza cunha fase parcial: a medida que a Lúa pasa entre o Sol e a Terra, ao principio non cubre a estrela por completo, senón que se ve en forma de media lúa. Na maioría dos lugares, dura entre 70 e 80 minutos, e débense usar as lentes de eclipse para poder observalo.

Despois van as franxas de sombra, unhas franxas longas e escuras que se moven rapidamente e están separadas por espazos brancos que se poden ver no solo xusto antes e despois da totalidade, aínda que adoitan ser moi tenues. Outro fenómeno son as perlas de Baily, varios puntos de luz brillantes que aparecen a medida que a Lúa continúa pasando diante do Sol, arredor dos bordes do satélite. Teñen unha vida moi curta e poden non durar o suficiente como para ser perceptibles. Cando as perlas comecen a desaparecer ata que só quede un punto brillante ao logo do borde da sombra da Lúa, chegará o anel de diamantes, formado polo resto da atmosfera do Sol. Aparece cando a totalidade xa case chegou, pero débese ver cos anteollos.

Unha vez que o anel de diamantes desapareza e xa non haxa luz solar directa, poderanse quitar as lentes de eclipse e mirar a fase de totalidade a simple vista. É posible mirar a cromosfera —unha rexión da atmosfera solar que se ve como un delgado círculo de cor rosa arredor da Lúa— e a coroa. Antes de que remate a totalidade, as lentes deben de estar de volta nos ollos: a medida que a Lúa continúa pasando a través da cara do Sol, poderase ver o fenómeno inverso. Así, nun minuto e medio máxico, rematará a experiencia de observar unha eclipse total de Sol única dende Galicia.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Unha nova pintura chega á Coruña: a viaxe dunha táboa flamenga recuperada do tráfico de arte

A peza, do século XVI e atribuída a un pintor anónimo, foi localizada en Italia tras ser exportada ilegalmente dende España

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista