“Meu querido e ademirado amigo”: as cinco cartas conservadas de Otero Pedrayo a Cabanillas

O Consello da Cultura Galega publica epístolas que revelan a amizade, complicidade intelectual e momentos vitais compartidos entre as dúas figuras destacadas

“Meu querido e ademirado amigo”. Así comeza unha das cinco cartas de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) dirixidas a Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) recompiladas e publicadas recentemente en rede polo Consello da Cultura Galega, onde se reflicte a duradeira amizade entre as dúas figuras destacadas da cultura galega. Nelas afloran a fonda conexión intelectual e humana que os uniu durante décadas, así como as viaxes, as soidades, os desterros e os silencios que marcaron as súas vidas. As cinco epístolas foron conservadas por Aurora Vidal Cabanillas, neta e afillada do poeta, e forman parte do legado da Familia Cabanillas, depositado no Arquivo do Museo Ramón Cabanillas do Concello de Cambados.

A edición incorpora tanto a reprodución dos manuscritos como a súa transcrición, realizada respectando os trazos propios da lingua literaria de Otero Pedrayo, incluídos os seus hiperenxebrismos, diferencialismos e particularidades expresivas. O traballo permite achegarse non só ao contido das cartas, senón tamén á riqueza lingüística e literaria dunha correspondencia que constitúe un testemuño valioso da cultura galega do século XX. A publicación intégrase no proxecto Epístola, dedicado á recuperación e difusión do patrimonio epistolar galego, e o traballo corre a cargo de Francisco Fernández Rei, do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago.+

Publicidade

O estudo sitúa estas cartas no contexto dunha amizade que atravesou diferentes etapas históricas e vitais, malia “pertencer os dous escritores a xeracións distintas”. Cabanillas, figura senlleira dunha etapa anterior ao movemento das Irmandades e á Xeración Nós, e Otero Pedrayo, membro destacado deste último grupo, compartiron unha profunda afinidade. A relación sobreviviu tamén aos diferentes desterros do poeta cambadés, á súa soidade e ao seu afastamento da actividade galeguista durante os anos da Segunda República.

Que podes atopar?

O conxunto escolmado presenta unha notable variedade de contidos e formas. Inclúe mesmo unha carta en verso, escrita por Otero Pedrayo desde Trasalba o 19 de marzo de 1945, na que relata unha viaxe por diferentes localidades galegas e evoca a ausencia do amigo, a quen bota en falta durante o percorrido. Composta en tercetos encadeados, a epístola incorpora referencias á Academia Galega, a Compostela, a Rianxo e ao Padrón rosaliano, e remata cunha confesión que resume o ton afectivo de todo o intercambio: “Mais faltaches ti, e volvín tristeiro!”.

Publicidade

As cartas permiten reconstruír algúns momentos significativos da relación entre ambos os escritores. Na correspondencia de 1948, Otero Pedrayo anima Cabanillas a retomar a creación poética e a escribir un libro de prosas galegas sobre as súas lembranzas. Tamén alude á súa ilusión por Samos, o mosteiro onde o poeta atoparía o retiro e o silencio que tanto arelaba e que marcarían unha nova etapa da súa obra.

Outro dos documentos está vinculado á recepción simbólica do patrimonio bibliográfico e documental de Fermín Penzol por parte de Galaxia, celebrada en Vigo en setembro de 1956, á que Cabanillas non puido asistir. A correspondencia complétase cunha carta de decembro de 1958, na que Otero Pedrayo expresa a súa admiración polo poemario Samos, e outra enviada desde Bos Aires en agosto de 1959, na que lle transmite a boa acollida da obra de Cabanillas entre a emigración galega.


Podes consultar as epístolas na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un carrusel de frontes atlánticas asociado á borrasca Bruna acende a alerta en Galicia por fortes chuvias

Un río atmosférico procedente das rexións subtropicais do Atlántico achegará moita humidade á comunidade dende o Caribe

Buscar e atopar

Unha rara bolboreta nocturna, un tesouro galego baixo a auga e un buque oceanográfico cara á Antártida. Por Andrea Veiga

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas