A borrasca Bruna está situada ao oeste da península ibérica e manterá a súa posición os vindeiros días. As frontes atlánticas asociadas a ela serán as responsables da alerta amarela en boa parte de Galicia por precipitacións abundantes e refachos de vento que poderán superar os 80 km/h. A esta situación súmase un río atmosférico procedente das rexións subtropicais do Atlántico que achegará máis humidade dende o Caribe. De feito, as temperaturas máximas roldarán os 20 graos e as mínimas estarán sobre os 17, cunha distancia térmica moi estreita. De cara á fin de semana agárdanse xornadas de transición entre as altas e as baixas presións, aínda que se prevé a chegada dunha nova borrasca o domingo.
Zonas en aviso amarelo
A alerta amarela estará acendida este luns a partir do mediodía no suroeste da Coruña, no sur de Ourense, no Miño de Pontevedra e no interior de Pontevedra por acumulados de chuvia de máis de 40 l/m2 en só 12 horas. Tamén está acendido o aviso por precipitacións de máis de 15 l/m2 nunha hora no suroeste da Coruña, no sur de Ourense, no oeste da Coruña, no noroeste de Ourense, na montaña de Ourense, no Miño de Pontevedra e no litoral de Pontevedra. Ademais, prevense refachos de máis de 80 km/h na montaña de Ourense, no litoral de Pontevedra, no suroeste da Coruña, no oeste da Coruña, no sur de Ourense e no Miño de Pontevedra. Así mesmo, hai alerta amarela por vento no mar nas Rías Baixas e na Costa da Morte.
O martes, os avisos estarán acendidos na provincia de Pontevedra, no suroeste da Coruña, no sur de Ourense, no oeste da Coruña, no noroeste de Ourense e na montaña de Ourense por acumulados de máis de 15 l/m2 nunha hora. No suroeste da Coruña, na Baixa Limia, no Miño de Pontevedra e no interior de Pontevedra haberá alerta amarela por acumulados superiores aos 40 l/m2. Poderanse rexistrar refachos superiores aos 80 km/h no litoral de Pontevedra, no oeste da Coruña, no suroeste da Coruña, na montaña de Ourense e no sur de Ourense. Tamén haberá alerta amarela por vento no mar. As horas centrais destes avisos serán durante a madrugada e o mediodía.
Previsión a partir do mércores
A situación entre o lunes e o martes estará marcada pola influencia da borrasca Bruna, que enviará un carrusel de frontes que regarán Galicia, sobre todo na metade oeste e no sur. As precipitacións poden ser ocasionalmente de carácter tormentoso. O escenario manterase sen cambios significativos durante o mércores, con temperaturas elevadas para esta época do ano. O xoves si descenderán lixeiramente os valores térmicos, mais continuarán as chuvias, sobre todo na fachada atlántica.
Tras a desaparición da borrasca Bruna, Galicia quedará entre o venres e o sábado nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións. Espéranse dúas xornadas nas que predominará a estabilidade, agás por algunha precipitación “feble e ocasional”, como indican dende Meteogalicia. Porén, unha nova borrasca chegará a partir do domingo e as temperaturas volverán ser suaves para a época do ano.














