Unha conversa con Otero Pedrayo: un chatbot permite dialogar co escritor a partir da súa obra

O Consello da Cultura Galega e Galaxia presentan un modelo de intelixencia artificial para explorar o legado do autor coa garantía da fidelidade histórica

Un home ao final quere máis á terra ca aos seus libros, e iso si que llo podo confesar sen rodeos. Esta é parte da resposta de Ramón Otero Pedrayo a unha pregunta ben directa: que libro escollería de todos os que escribiu. Estas palabras acaban de xerarse en tempo real, e non é cuestión de maxia, senón tecnoloxía. En concreto, un chatbot conversacional que permite dialogar co escritor galego como se el mesmo respondese. Así presentou esta mañá o Consello da Cultura Galega (CCG) o proxecto Otero Pedrayo, unha conversa contigo. “É un uso cultural da intelixencia artificial dende unha perspectiva humanista”, salientou a presidenta da entidade, Dolores Vilavedra.

Segundo explicaron na rolda de prensa, a ferramenta non “inventa” a Otero Pedrayo, senón que constrúe cada resposta a partir dun corpus documental verificado a partir da súa obra ensaística e narrativa, os seus epistolarios, as súas guías de viaxe e a súa bibliografía crítica; un corpus facilitado pola editorial Galaxia. Dende o CCG, o coordinador de proxectos dixitais, Manuel Gago, explicou que o proxecto funciona mediante unha arquitectura de recuperación aumentada que ancora a fala do chatbot en pasaxes reais e trazables “programado para ser fiel á fonte orixinal”. A presentación encaixa dentro dos proxectos do CCG para este Ano Oteriano 2026.

Publicidade

Como funciona?

Cando unha persoa formula unha pregunta, o sistema non lla traslada sen máis a un modelo de linguaxe. Primeiro, un motor de recuperación léxica localiza nas máis de 14.000 pasaxes do corpus os fragmentos máis pertinentes, reforzados por unha rede de vínculos entre entidades (persoas, lugares, obras, conceptos) e por unha capa de facetas temáticas. Só entón se lle entrega ese material seleccionado ao modelo, coa instrución de responder en primeira persoa e con fidelidade histórica. O sistema distingue en todo momento entre o que Otero Pedrayo dixo de si mesmo (fontes “propias”) e o que outros escribiron sobre el (marcado como estudo), de modo que o bot nunca atribúe ao autor afirmacións alleas.

Outra das apostas distintivas do proxecto é que se dirixe tamén á infancia. O sistema ofrece unha política de tres modos —adulto, infantil e a opción de que a propia persoa escolla— que adapta tanto o rexistro das respostas como a aparencia da interface. No modo infantil, o bot preséntase cunha estética de banda deseñada: tipografías amables, bocados de diálogo e unha linguaxe pensada para achegar a figura de Otero Pedrayo aos máis novos sen perder rigor. Deste xeito, o mesmo corpus documental serve para responderlle a un investigador e para espertar a curiosidade dun neno ou nena, converténdose nunha ferramenta útil para o ámbito educativo durante o Ano Oteriano.

Publicidade

Arquitectura técnica

O conxunto —arredor de 10.100 liñas de código repartidas en 57 ficheiros PHP— despregase por FTP, sen infraestrutura pesada, o que garante a súa perdurabilidade máis alá do ano conmemorativo. Sobre esa base, o sistema incorpora funcionalidades como un mapa de descubrimento do universo temático do autor, unha memoria revisable e borrable pola persoa usuaria, tratamento personalizado e non binario, xeración de eventos multimedia e roteiros xeográficos, e un motor propio de corrección da lingua galega.

O asistente incorpora un aparato bibliográfico de 907 referencias —623 de autoría de Otero (273 artigos de revista, 240 monografías, 56 prólogos e epílogos, 46 capítulos, ademais de traducións e direccións de tese) e 284 estudos sobre a súa figura, cun rango que abrangue de 1921 a 2025—, procesadas a partir das fontes documentais da Fundación Penzol.

O corpus conta con 79 obras integradas (28 propias, 14 estudos e 37 de contexto) entre as que se atopan títulos maiores como Arredor de si, Os camiños da vida, Guía de Galicia, Ensayo histórico sobre la cultura gallega, A romaría de Xelmírez ou O libro dos amigos, xunto con epistolarios completos e volumes de recente edición (2026). Indexa 14.600 pasaxes e 3.17 millóns de palabras. Fai referencia a 827 entidades (345 peroas, 250 lugares, 164 conceptos e 68 obras).

O bot de Otero Pedrayo encádrase dentro dunha liña de acción de incorporar as ferramentas tecnolóxicas para a divulgación da cultura galega. Un exercicio construído sobre criterios de rigor filolóxico dado que cada resposta é trazable ata a súa fonte, distínguese sempre a voz do autor da voz da crítica, desenvolvido en lingua galega en todas as súas capas. Supón tamén a colaboración con outras entidades, neste caso a Editorial Galaxia.


Podes acceder ao chatbot nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Usar a IA sen entendela: que consecuencias ten para os estudantes?

Aínda que un 'chatbot' responda con confianza isto non garante a súa veracidade. Por Juan José Lorenzo Castiñeiras, Andrea Fernández-Sánchez e Isabel Fernández-Menor

Por que todos os carteis feitos con IA son iguais?

A intelixencia artificial acelera a estandarización visual ao empregarse os mesmos 'prompts' e ferramentas. Por Iria María Santos López

Unha plataforma desenvolvida en Vigo abre novas vías para a rehabilitación da cognición social con IA

O proxecto ET-Plus, impulsado polo IIS Galicia Sur, personaliza o adestramento de habilidades en persoas con patoloxías mentais graves ou adiccións

O centro galego Gradiant deseña un sistema de IA para verificar contidos audiovisuais e prever fraudes

A plataforma, destinada a empresas e medios de comunicación, recibe un premio internacional no eido da ciberseguridade