Así soa a voz orixinal de Castelao: publicado o único rexistro sonoro do escritor galego

O Consello da Cultura Galega vén de compartir unha nova dixitalización do discurso que ofreceu o autor nunha estrea da súa obra de teatro

“Amigos, apenas separado de vós por un tabique, non estou presente, pero creo que vos escoito e vós escoitades o latexo da miña ansiedade. Xa sei que as aspiracións do espírito non se adaptan ás fronteiras da nación e que as obras de arte voan como os paxaros por riba das fronteiras”. Así comeza o único rexistro sonoro da voz orixinal de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950). O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de publicar unha nova dixitalización desta fonopostal que o célebre escritor galego realizou e enviou para a estrea de Os vellos non deben namorarse en Montevideo (Uruguai). Co motivo do 75 aniversario do cabodano da figura de Rianxo, o CCG levará a cabo un extenso programa de actividades para “poñer a atención sobre a vixencia e o legado da súa figura”.

O 8 de outubro de 1941 estreouse no Teatro Solís de Montevideo a única obra teatral de Castealo. Ante a imposibilidade da súa presenza no acto, o escritor galego utilizou un curioso xeito de comunicación para falarlle ao público alí presente: a fonopostal. Un método que tivo o seu auxe en Arxentina na década dos corenta. Trátase dunha gravación sonora que se realizaba nunha cabina feita para tal fin e que despois se enviaba a través dun soporte físico como se dunha carta ordinaria se tratase. Así, o remitente mandaba un disco de cartón e acetato coa súa voz integrada dentro dun sobre especial para o seu destinatario.

Publicidade

Este é o rexistro sonoro coa voz orixinal de Castelao publicado polo CCG.

“Zume de terra e mel de tradición”

Por este motivo, e grazas á cesión desta xoia por parte da familia dun dos amigos de Castelao, a de Fernando Iglesias, “Tacholas”, Galicia conta co único rexistro sonoro coñecido a día de hoxe da súa voz orixinal. Son pouco máis de dous minutos de discurso nos que se pode coñecer o galeguista dun xeito máis profundo: a través da súa propia fala. Iso si, en castelán.

Entre as moitas frases que se poden escoitar no documento dispoñible no portal do CCG pódese destacar algunha como: “Así, esta obra miña non pasa de ser un simple experimento artístico, pero aínda que merecese ser traducida a todas as linguas do mundo, xamais deixaría de ser una obra de arte galega. Porque está feita con zume de terra e mel de tradición galega”.

Publicidade

Fonopostal de Arxentina. Foto: CCG

Como explica o membro do Arquivo Sonoro de Galicia, Xaime Estévez, no artigo que dá contexto a este rexistro sonoro, “non se sabe se Castelao, nalgún momento, pensou que a súa voz chegaría así ao século seguinte, pero pódese concordar en que a súa intención era que quedase gravada, cando menos, na memoria de todos os presentes na estrea da súa obra”.

75 aniversario do cabodano

Este 2025 celébrase o 75 aniversario da morte do galeguista. O pasado 7 de xaneiro comezaba cun acto cívico en Bonaval o extenso programa que o CCG, xunto con numerosas institucións e entidades, ten preparado para “poñer a atención sobre a vixencia e o legado dunha personalidade irrepetible de tan alta transcendencia na historia contemporánea de Galicia“.

Ademais de numerosos actos ao longo deste ano, o CCG publicará cada mes, a través dos seus arquivos documentais, coleccións que permitirán coñecer “aspectos menos visibles da súa biografía, así como diferentes proxectos de conmemoración“, detallan no seu portal dixital. Entre elas, esta nova dixitalización da fonopostal que empregou Castelao para dirixirse ao público de Montevideo, e, agora, a todo o que faga clic no rexistro sonoro.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

Científicos galegos lideran o primeiro estudo español para predicir risco personalizado de cancro de mama

O proxecto MamoRisk recabará datos de 10.000 mulleres seleccionadas aleatoriamente entre participantes nos programas de cribado de 14 comunidades autónomas

Que é o verme soldado? A gran praga que ameaza os cultivos de millo en Galicia

A Consellería do Medio Rural advirte a agricultores e gandeiros sobre o risco das plantacións en concellos como Mazaricos e A Baña

O método REPAG: como transformar os subprodutos de pataca nas proteínas alimentarias do futuro

O Centro Tecnolóxico galego desenvolve un proceso sostible e innovador para converter restos do procesado industrial en ingredientes de alto valor engadido para consumo humano