Preséntase “Castelao, construtor da nación”, a súa biografía “máis completa”

O historiador Miguel Anxo Seixas publica con Galaxia o primeiro volume da súa tese sobre o intelectual rianxeiro, unha obra "monumental"

O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acolle este xoves 6 de xuño a presentación do primeiro tomo de Castelao. Construtor da nación, a “biografía máis completa” sobre a figura do intelectual rianxeiro. O autor, o historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, desenvolveu durante anos unha profunda investigación sobre a vida de Castelao, que deu froito a unha tese de doutoramento e agora toma forma de libro da man da Editorial Galaxia e o Consorcio de Santiago.

O primeiro volume, de 1.331 páxinas, abrangue a vida do referente do nacionalismo galego desde o seu nacemento, en 1886, ata 1930. Segundo Galaxia, este tomo recolle “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”.

Publicidade

Segundo o autor, a biografía nace “coa intención de situar a Castelao no seu contexto, na súa relación co mundo, intentando dar continuidade ao seu legado e concienciando da necesidade de loitar contra a inxustiza”. Miguel Anxo Seixas afonda na busca do pormenor significativo, o seu rigor na comprobación e descuberta de aspectos ignorados ou esquecidos e o gusto por rexistrar os pasos e a obra de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega no século XX.

Material “invisible” sobre Castelao

Seixas recolleu todo o material “invisible” de Castelao, o que estaba en mans privadas e era case descoñecido. Toda esta documentación compón un crebacabezas “que ninguén chegara a rematar antes”, segundo expón a editorial. Así, Seixas reflicte tanto o que escribiu o propio Castelao como o que escribiron sobre el, achegando ademais unha gran cantidade de material gráfico e pictórico. Ademais, reivindícase tamén a coherencia ética e a vida de entrega polo país do autor de Sempre en Galiza.

Publicidade

A biografía está concibida “case coma un diario da vida cotiá de Castelao”, e inclúe os fitos da súa cronoloxía persoal e pública, xunto á actualidade da época. Ademais, o libro ilústrase con fotografías que mostran diferentes momentos da súa traxectoria.

No acto de presentación do día 6, ao que seguirán outros por todo o país, estarán, ademais do autor da publicación, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade en funcións, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde, o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro; e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe